Xa queda pouco para que o balón comece a rodar e desde FutbolinGalicia non podemos agardar con maior expectación o inicio desta nova temporada! Seis grupos, dezaoito conxuntos en cada un deles e trinta e catro xornadas de pura emoción deleitarán aos seareiros máis incondicionais do noso fútbol. O espectáculo está a piques de comezar, pero, primeiramente, cómpre debullar a realidade de cada división e así coñecer de primeira man que podemos agardar de cada grupo da Primeira Futgal.
Os históricos piden paso
Ver ao Choco ou ao Rápido de Bouzas no grupo 6 da Primeira Futgal resulta un tanto inhabitual, e máis se temos en conta a súa traxectoria nos últimos anos. Tras competir na Terceira Federación durante unha década, o conxunto redondelán volveu encadear outro descenso e deberá xogar agora nunha categoría que non pisa desde hai vinte e tres anos.
A directiva choqueira quere regresar a Preferente e para iso optou por reforzarse con xente de sobra coñecida en Santa Mariña. Así é: Christian, Eyasu, Somo, Izan ou Lucas Rodríguez son algúns dos futbolistas que volven ao Choco xunto a outros nomes como Kevin, Álex Gil ou o capitán Rubén, recentemente renovados. Asentados agora como as bases do plantel, loitarán por devolver ao seu equipo á elite do fútbol rexional.
Do porto de Bouzas parte unha nave coas mesmas intencións: a do Rápido. Hai oito anos, asinaban un meritorio quinto posto na antiga Segunda División B, moi lonxe do lugar onde se atopan agora mesmo. A grave crise deportiva e institucional sufrida no 2024 motivou a súa baixada aos infernos, poñendo en risco de desaparición a un club centenario e histórico do fútbol vigués. Logo dun curso tranquilo e sen problemas para asegurar a súa permanencia, o combinado amarelo e negro está disposto a loitar polas primeiras posicións. Ás súas filas chegan grandes xogadores como Pablo Pérez ou Abraham, que reforzarán a súa liña ofensiva, así como Pablo Menéndez, quen se incorpora á súa defensa desde o fútbol asturiano.
Dous históricos á procura da súa redención. Coa súa presenza completan a listaxe de participantes no grupo 6 da Primeira Futgal, conformada por Mosende, Vila do Corpus, Chaín, Caselas, Colegio Hogar, Domaio, Erizana, Gondomar, Progresista, Racing Castrelos, Sporting Guardés, Tomiño, Tyde, Mos, Ribera e Vilaboa.
Baixo Miño, terra de fútbol
Poucas comarcas gozan dun nivel de saúde futbolístico tan bo como a do Baixo Miño. Catro dos seus cinco concellos contan cun representante na Primeira Futgal e mesmo algúns teñen serias opcións de aspirar ao título ou aos play-off.

Da Preferente Futgal chega un Tyde bastante renovado en comparación ao do ano pasado. Os do Álvarez Durán movéronse con rapidez no mercado e asinaron a Abdu Jato e Toni para a súa dianteira, ademais de incorporar a Besada e Julián –autor de 12 dianas co Goián– no medio campo.

Nesa pelexa por ascender tamén estará presente o Sporting Guardés. Para o combinado amarelo foi esencia renovar á maior parte dos seus integrantes, apostando polos Luís, Isidro e compañía. Xunto a eles volverá estar Adolfo, quen finalizou a pasada campaña como máximo artilleiro do combinado da Sanngriña. Os seus 16 goles avalan a súa continuidade nun ataque ao que chega un diamante en bruto procedente do xuvenil do Compostela. Sobri regresa ao Sporting Guardés disposto a facer o que mellor se lle dá: furar as redes rivais.
Pero a cousa non remata aí, porque Tomiño e Ribera darán guerra un ano máis e, de seguro, sorprenderán aos ‘galos’ da categoría.

Ata que o corpo aguante
Cando debe retirarse un xogador? Hai quen prefire colgar as botas cando é consciente de ter acadado xa o seu máximo nivel. Outros elixen estender a súa traxectoria ata ter logrado unha meta. E logo temos a aqueles que seguen a darlle patadas a un balón polo mero feito de desfrutar xogando ao deporte rei. Neste grupo poderían encadrarse os nosos protagonistas: Jonás, dianteiro do Domaio, e Portas, central do Racing de Castrelos.
Se o combinado do Morrazo conseguiu a salvación no 2025/26 foi en boa parte debido ao bo facer do seu killer. Jonás volveu á Granxa e fíxoo por todo o alto, anotando 22 goles en apenas 22 partidos. A súa chegada revolucionou por completo a un Domaio que pasou de ocupar a zona baixa ca clasificación a finalizar a temporada en sétimo posto. Tras pasar catro anos en Terceira RFEF co Alondras, o vigués continuou a facer goles coa camiseta do Umia, o Céltiga ou o Choco, entre outros. E agora seguirá a facer o mesmo co equipo no que comezou a despuntar.
Diante súa terá a outro vello coñecido dos terreos olívicos: Portas. Aos seus 43 anos, o defensor continúa sendo un muro infranqueable para os seus rivais. E non só iso, senón que tamén mantén a súa forma física tal e como proban os máis de 3.000 minutos xogados no anterior curso. Capitán do Rápido de Bouzas cando ascenderon a Segunda División B, Portas pasou tamén polo Xuvenil de Ponteareas, o Atlántida de Matamá e o Chaín antes de rematar no Racing Castrelos, ao que chega coa intención de dar o mellor de si.
A primeira xornada
Co 6 de setembro marcado en vermello, só resta agardar polo asubío inicial e desfrutar dunha xornada inaugural para o recordo! Velaí vai unha relación dos partidos que terán lugar nesta primeira data de competición: Caselas – Ribera; Mos – Chaín; Domaio – Colegio Hogar; Vila do Corpus – Tyde; Erizana – Racing Castrelos; Rápido de Bouzas – Progresista; Choco – Mosende; Sporting Guardés – Gondomar e Vilaboa – Tomiño.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.







































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































