Rafael Louzán é o principal candidato a presidir a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). O nome do actual mandatario da Federación Galega comezou a soar con forza para asumir este cargo ao coñecerse a suspensión por parte do TAD de Pedro Rocha, quen sucedera a Rubiales á fronte da RFEF.
Fontes da candidatura de Louzán recollidas por AS apuntan que o galego ten o apoio de entre 12 e 15 das 19 federacións territoriais. Tamén a Liga respalda ao que é tamén presidente da Primeira Federación. Na carreira pola chave da RFEF, o principal rival de Louzán é Salvador Gomar, máximo dirixente da federación valenciana.
En todo caso, a RFEF quere deixar atrás uns anos complicados e busca estabilidade, polo que a intención é chegar ás eleccións de mediados de decembro cun candidato de consenso. Os vindeiros días serán chave. O prazo para presentar as candidaturas remata o próximo martes.
De concelleiro en Ribadumia a presidir a RFEF
Louzán é o presidente número 32 da Real Federación Galega de Fútbol. Antes dedicárase á política. Primeiro, no seu municipio, Ribadumia, como concelleiro e posteriormente tenente de alcalde. Despois, na Deputación de Pontevedra, como deputado, vicepresidente e presidente. Investigado pola xustiza por diferentes asuntos, acabou sendo conenado en 2021. Foi inhabitilado para exercer cargos públicos, pero recorreu.
A finais de 2014 foi escollido presidente da Federación Galega, sendo reelixido en dúas ocasión (2018 e decembro de 2022) sen necesidade de votación, ao non presentarse ningún outro candidato. A RFGF destaca que durante a presidencia de Louzán non deixou de aumentar o número de clubs e de licenzas no fútbol galego.
Se se confirma o salto de Louzán á RFEF, na territorial galega abrirase un incerto proceso para buscar o seu sucesor. A entidade ten un importante peso, pois hai que ter en conta que a RFGF manexa na actualidade a cifra de 115.000 licenzas.