A pesar de que a competición aínda non acabou debido ás finais das distintas Copas, que manteñen en liza a equipos como Barco, Verín ou Cultural Areas, os primeiros movementos do mercado xa chegaron. Os dous equipos que máis se están movendo neste inicio de verán son o Atlético Arnoia e o Portonovo, aínda que tamén se comezan a perfilar os donos dos bancos en moitos clubs.
O conxunto que disputa os seus partidos na Queixeira anunciou xa dez movementos, cinco renovacións, dúas fichaxe e tres baixas. O primeiro en continuar en Arnoia foi o adestrador Manel Vázquez e xunto a el farano Manu Blanco, Sandro Raposeiras, o centrocampista Álex Veloso e o mítico extremo Rubén Arce. No apartado de incorporacións chegou o defensa Izan García, procedente do descendido Velle e regresa Brayan Nespereira desde o Barbadás, ao que marchou o verán pasado tras catro anos en Arnoia. Por contra, abandonan a disciplina ourensá tanto Marcos Otero como Carlos López e Aarón Blanco.
Pola súa banda, o Portonovo iniciou o mercado con grandes novidades respecto ao convenio asinado co Arosa o pasado verán. O equipo de Sanxenxo deixará de ser filial do cadro arlequinado, aínda que a boa sintonía entre clubs podería facer recalar a algún futbolista salido de xuvenís en Baltar. Neste sentido destaca a retirada de Dani Abalo, que se converteu no director deportivo do conxunto de Vilagarcía, e a máis que posible volta do porteiro David Conde á Lomba. O adestrador do Portonovo, David Eirín, tampouco continuará e probablemente recale no Ribadumia de Primeira Galicia.
Outros adestradores que non continuarán serán José Tizón no Choco, e Óscar Sabucedo nun Antela que segue pendente da fase de ascenso a Segunda RFEF para ver se mantén a categoría.
Tampouco estará Sergio Martín nun Umia recentemente ascendido que vivirá un verán de grandes reestruturacións. O seu substituto podería ser Hugo Sanmartín, procedente da USD O Grove e con ampla experiencia como xogador. Outro dos novos equipos de Preferente como o Cented Academy confirmou a continuidade do seu director deportivo, Rodrigo Meleiro, e o Beluso atópase negociando con moitos dos seus xogadores para manter gran parte do bloque na nova categoría.
Por último, lembraremos as decisións anunciadas con tempo como a previsible continuidade de Lino Estévez no banco de Calabagueiros e a despedida do centrocampista vilanovés, Manu Santos, que colga as botas no Cambados aos seus 35 anos.
Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 2 - FutbolinGalicia
19th Jun 2024[…] Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 1 […]
Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 3 - FutbolinGalicia
29th Jun 2024[…] Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 1 […]