A SDC Órdenes regresou á Preferente só un ano despois de perder a categoría. O equipo de Nico Acebey completou unha boa tempada e enfrontouse ao play-off de ascenso, no que superou o Puebla na final.
O descenso a pasada campaña supuxo un cambio case total do cadro de xogadores. “Empezamos cun equipo totalmente novo, con só catro futbolistas do ano anterior. Non nos coñeciamos, pero hoxe podemos dicir que ese equipo que non se coñecía converteuse nunha gran familia”, sinala o capitán, Pablo Mouriño.
E o gran ambiente que reina nesa familia, pensa Mouriño, foi “un factor que tamén nos levou a conseguir o ascenso”. Con todo, a tempada non foi un camiño de rosas. Malia comezar ben, en decembro sufriron un baixón, sumando sete partidos sen coñecer a vitoria que fixeron que o Órdenes caese do grupo dos mellores.
Na unión do vestiario estivo, unha vez máis, a solución. “Xuntámonos como equipo e remamos para volver a onde creo que nos mereciamos”, conta Pablo. A SD O Val asinou unha campaña impecable e alcanzalos na táboa xa non era posible, pero lograron clasificarse para o play-off xunto co Carral.
Xa na fase de ascenso, que foi a máis longa (ao combinar o grupo da Coruña-Ferrol e o de Santiago-Costo), o Órdenes impúxose nas semifinais ao Cordeiro (1-0 e 3-3) nunha vibrante eliminatoria. Na ida da final, como locais, non pasaron do empate ante o Puebla. Tampouco houbo goles no encontro de volta, e todo se decidiu na tanda de penaltis, que foi favorable aos verdes.
O Órdenes celebrouno por todo o alto
Malia estar lonxe de Ordes, a celebración estivo á altura do que merecía a ocasión. Outro dos capitáns, Román Gende, admite a emoción que sentiu nese momento. “Como xogador do club desde os 9 anos, é un orgullo o ambiente que vivimos no campo do Puebla, ver tanta xente de Ordes malia ser un desprazamento longo agradécese moito!”, celebra.
Co último penalti comezou a festa desta familia que volveu amosar a súa unidade. “Vivino todo a flor de pel. Formamos un grupo xenial”, destaca Gende. El, ao igual que os seus compañeiros de vestiario non pode resistir pensar na vindeira campaña: “temos moitas ganas de afrontar o ano que vén con esta piña que formamos”, recoñece.