Os 18 equipos do grupo 2 da Primeira Futgal quentan motores para o inicio de liga. O novo modelo mesturou equipos que antes estaban no grupo da Coruña e Ferrol con outros de Santiago e a Costa. Por iso, será unha tempada novidosa para moitos equipos. “Hai oito equipos novos para nós e iso xa é un aliciente, porque non nos enfrentamos ata o de agora a eles”, asegura Juan Carlos Pájaro, adestrador do Calo.
Entre eses novos rivais está o Bastavales, que acaba de ascender. O seu adestrador, Alberto Fernández ‘Pika’, di que afrontan a tempada como toda unha “incógnita”. Se ben coñecen os equipos dos arredores de Brión, “non temos tantas referencias dos da zona da Coruña, polo que a primeira volta será unha toma de contacto e valoración”.
Da zona da Coruña, concretamente de Abegondo, é o Vizoño SD. Viron como a nova división dos grupos os separaba de rivais próximos, como Cambre, Olímpico, Meicende e dos equipos de A Coruña, todos a menos de 30 minutos. “Teremos que facer traxectos moito máis longos, cando o que se nos vendeu era facer grupos por ‘proximidade’, e nos campos vai haber moita menos xente. Malia todo, estamos ilusionados coa volta a Primeira Futgal”, di o seu adestrador, David Otero.
Tres equipos repítense nas quinielas
No estritamente deportivo, hai tres equipos que se repiten nas quinielas. Trátase do Boimorto, o Dumbría e o Carral. Os do Carballal, que remataron sextos a pasada tempada no grupo da Coruña e Ferrol, estarán dirixidos por Mark Vidal. O Carral, pola súa banda, foi segundo no mesmo grupo e xogou o play-off de ascenso, caendo ante o Puebla en semifinais.
O Dumbría rematou sétimo en liga a pasada tempada e levantou o título da Copa da Costa. O seu adestrador, Pablo Conde, admite que non deberían “pasar problemas, pero veremos se nos dá para estar no grupo de cabeza. A Primeira obriga é estar a bo nivel en todos os partidos”, salienta. O que si ten claro Conde é que a competitividade “vai ser moi grande de novo”.
Tamén se reforzou ben o Castriz, incorporando xogadores como Borja Gándara ou Miller, ademais de renovar boa parte do equipo que acadou o ascenso dende Segunda Galicia, polo que haberá que estar atentos a como se adaptan á categoría. O Club do Mar tamén pode sorprender de cara á campaña que comeza en menos dun mes.
“Coido que vai ser un grupo igualado con desprazamentos a campos nos que vai ser difícil gañar e onde se respira fútbol, como son os da Costa da Morte. Tamén os de equipos asentados na categoría como, Tordoia ou Agolada, entre outros”, explica o adestrador do Vizoño. Con todo, Otero confía en que se dea “algunha sorpresa entre os seis ascendidos, e nós agardamos ser unha delas”.
De semellante opinión é o adestrador do Praíña, José Antonio Fernández, que vaticina “un grupo equilibrado e competido”, se ben haberá “dous ou tres equipos que van estar arriba”.
Diversidade de obxectivos
Os obxectivos dos equipos varían, máis todos buscarán ser competitivos e deixar boa imaxe en cada campo. “O obxectivo do club esta temporada é seguir crecendo na estructura e social e deportiva e seguir disfrutando de xogar en Primeira”, di Pájaro, do Calo. No Praíña queren “mellorar o feito a tempada pasada, competir contra todos e cada un dos rivais e salvarnos o antes posible; o fútbol, como sempre sucede, nos irá colocando onde toca”, di José Antonio Fernández, o seu adestrador.
Pola súa banda, o Bastavales de Pika buscará “a salvación e ir consolidándonos na categoría”. E no Vizoño buscarán “corrixir os erros que tiveron fai dúas tempadas cando se ascendera a Primeira”. O equipo de Abegondo adoita estar entre Primeira e Preferente, pero na última década pasou moitas tempadas en Segunda. “O obxectivo será asentarse de novo na categoría e facerlle fronte a todos os equipos, tentando quedar o máis arriba posible, sen renunciar a nada”, di Otero.
Mentres, o Dumbría marca como meta principal seguir na liña dos últimos anos. “Imos competir sabendo que somos mozos, pero capaces, e intentar facer os máximos puntos posibles. Esperamos ir limando os erros que nos costaron moi caros e mellorar o rendemento”, di Conde.
Funcionamento do grupo 2 da Primeira Futgal
Un total de 18 equipos compoñerán este grupo. Son Club do Mar, San Lorenzo, Carral, Vizoño, Tordoia, Castriz, Boimorto, Muxía, Dumbría, Vista Alegre, Fisterra, Bertamiráns, Bastavales, Calo, Vea, Praíña, Agolada e Esteirana. A competición comezará a fin de semana do 7 e 8 de setembro.
Co novo modelo, a categoría pasa de cinco a seis grupos e desaparece o criterio xeográfico. Foron os 108 clubs de Primeira Futgal os encargados de escoller, entre tres propostas da Federación, o reparto de equipos nos grupos. A opción vencedora impúxose cun 57,7% de apoio. Apostaron por ela 60 dos 104 clubs que votaron.
Este novo modelo non contenta a todos. Juan Carlos Pájaro cre que, malia que se eliminan os arrastres, a liga perderá emoción no treito final. “Dende a xornada 25 vai haber cinco ou seis equipos sen nada en xogo e afectará á competición como o afronten”, di.
O Xuventude Sanxenxo, interesado na vacante da Primeira Futgal - FutbolinGalicia
23rd Ago 2024[…] Boimorto, Dumbría e Carral, favoritos no grupo 2 […]
Victoria e As Pontes, chamados ao ascenso dende o grupo 1 da Primeira Futgal - FutbolinGalicia
24th Ago 2024[…] Boimorto, Dumbría e Carral, favoritos no grupo 2 […]
Diario dun Mercado. A Preferente Norte apura as últimas fichaxes. Episodio 5 - FutbolinGalicia
29th Ago 2024[…] Boimorto, Dumbría e Carral, favoritos no grupo 2 […]
Diario dun Mercado. A Preferente Norte apura as últimas fichaxes. Episodio 6 - FutbolinGalicia
29th Ago 2024[…] Boimorto, Dumbría e Carral, favoritos no grupo 2 […]