# Hashtag

Adri Rodríguez, Céltiga FC: «Pelexar o ascenso é o obxectivo, pero non sería un fracaso non conseguilo»

A primeira volta da Preferente chegará ao seu fin o 11 de xaneiro coa xornada 17, pero os equipos marcharon ao parón de Nadal tras a celebración da xornada 16. Neste Nadal, e ata que o Beluso xogue o seu partido aprazado na primeria fin de semana de xanerio, o Céltiga será o líder da categoría tras vencer por 1-3 ao Choco en Santa Mariña.

Foi un partido especial para Adri Rodríguez. O dianteiro vigués volvía a Redondela, onde xogou durante tres tempadas, e anotou dous goles ante o seu ex equipo. A punta de lanza do equipo da Illa de Arousa é o máximo goleador da categoría de forma destacada con 14 goles. Hoxe, en Futbolingalicia, repasa o seu actual momento de forma, a súa carreira e distintos aspectos de interese da súa traxectoria.

Futbolingalicia: O Céltiga remata o ano como líder tras vencer en Redondela ao Choco por 1-3. Que valoración fas de esta primeira volta?



Adri Rodríguez: «Creo que fixemos unha primeira volta moi boa. Fomos de menos a máis como era evidente porque, aínda que se mantivo gran parte do grupo do ano pasado, tamén chegamos algúns xogadores novos. Sempre custa un pouco adaptarse a todo. Creo que acabamos moi ben este primeiro tramo de tempada e, salvo algún tropezo como o partido ante o Atios en casa onde estivemos ben pero non se deu o resultado, penso que as sensacións son boas. Somos líderes provisionais e temos ganas xa de volver do parón».

FIG: ⁠Foi un partido especial para ti porque, ademais de marcar dous goles, reencontrábaste cun equipo no que estiveches tres tempadas. Que significou esta volta para ti?

AR: «A verdade é que foi un partido especial porque, como xa dixen moitas veces, son do Choco e considérome afeccionado. Sentinme moi cómodo durante os tres anos que estiven alí. É un club moi familiar onde sempre me trataron xenial e onde sempre me foron ben as cousas. Sempre me sentín parte do club porque tamén estiven a adestrar na base e botei moitas horas en Redondela. Sempre é especial volver alí porque te reencontras con moita xente coñecida. Deuse ben porque gañamos e puiden facer dous goles, pero no resto de partidos deséxolles toda a sorte do mundo e oxalá queden o máis arriba posible. Se pode ser, que quede o Céltiga primeiro e o Choco segundo».



FIG: O ano pasado anotaches 19 goles co Choco. Que che fixo cambiar de aires e que recordo gardas do club?

AR: «A tempada pasada foi moi boa. Baixaramos de Terceira o ano anterior nun curso moi difícil. Quedamos últimos e a min non me saía nada en Terceira. Para xogar en Preferente decidín quedarme no Choco porque tiña a espiña cravada de descender. Quería volver ascender ao club e estivemos moi preto, empatando a puntos co Valladares. Faltounos un punto e foi unha putada. A tempada persoal foi moi boa e colectivamente tamén. Déronse certos cambios no club, aínda que, por exemplo, con Félix Rial xogara e xa falara con el porque non teño ningún problema. Pero ía haber cambios e abrinme a escoitar outras cousas. Chamoume o Céltiga e gustábame moito o seu xogo do ano anterior. Os que máis me gustaron xunto ao Vilalonga. Sabía que ían manter o grupo e que o proxecto ía ser para estar arriba porque as fichaxes ían dar un plus. Factores como o campo tamén influíron, aínda que o estiven pensando moito ata o final. Ao final decidinme por asinar no Céltiga e está a ir todo ben, así que estou contento».

FIG: Este ano xa levas 14 en medio curso, sendo o máximo goleador da categoría de forma destacada. Como te estás a atopar no Céltiga?



AR: «No Céltiga estou moi ben, un pouco como o equipo, de menos a máis. Estoume a adaptar á viaxe diaria, ao club, á xente. Nunca estivera aquí e non coñecía ao club desde dentro, aínda que si a algúns xogadores. Fixéronmo todo moi fácil e a viaxe fáiseme amena porque vou cos de Vigo (Giráldez, Nico, Álex Fernández e, ata decembro, Pablo González). Levo 14 goles e hai que estar a gusto para lograr tantos goles nunha primeira volta. Creo que podía levar máis porque o equipo xera moitísimas ocasións. Estou moi feliz aquí».

FIG: Márcaste algún obxectivo específico de goles?

AR: «Nunca me marco ningún obxectivo, pero sempre me gusta superar o que fixen o ano anterior se xogo na mesma categoría. Pode haber moitos factores que inflúan para logralo, polo que nunca me marco metas. Soa típico pero sempre vou partido a partido. Gústame tentar marcar goles en todos os encontros».

FIG: Esperabas render tan ben desde tan cedo?

AR: «Sempre confio en min. Asino aquí porque segue o adestrador, un bloque que non ascendeu pola mínima e que ía asinar a xogadores que ían dar un plus. Igual non me esperaba esta cifra de goles tan cedo pero, desde dentro, o equipo xera moito e ten sentido. Xogamos ben e estanos indo ben, aínda que podía ir mellor. Entón, igual non me esperaba a cifra de goles en Nadal, pero si que me esperaba que o equipo rendese tan ben».



FIG: ⁠⁠⁠O Céltiga é o gran candidato a ascender por cadro de xogadores e tras a mala experiencia do curso pasado. Considerarías un fracaso o non acadar o salto de categoría?

AR: «Para nada. Evidentemente por club, cadro de xogadores e todo, debemos estar arriba e creo que o imos a estar. Pero co cambio de formato, tes que quedar primeiro porque só ascende un directo. Só hai unha praza. Igual que a queremos nós, tamén a quere o Barco, o Beluso ou o Atios. Pelexar o ascenso é o obxectivo pero non sería un fracaso non conseguilo porque é moi difícil. O importante é estar aí ata o final e ter opcións. Despois serán detalles os que o decidan».

FIG: ⁠⁠Indo á túa carreira, unha das túas primeiras experiencias como sénior foi no Tudelano, pero rápido volviches a Galicia da man do Alondras. Que pasou alí?

AR: «No meu primeiro ano sénior asino no Celta B e voume cedido ao Tudelano. Era a primeira vez que saía de casa. Tiña 19 anos e cheguei alí o 31 de agosto coa liga empezada e o equipo feito. Déronse varias circunstancias que se sumaron a que era un gran equipo con experiencia que acabou quedando terceiro en Segunda B e xogando a fase de ascenso a Segunda A. Non fun capaz de entrar no equipo e volvinme en xaneiro a Galicia para estar preto de casa. Asino no Alondras de Jacobo Montes e desde o principio estiven moi ben. Fixen bastantes goles e esa foi a miña primeira tempada sénior, que acabou coa oportunidade de volver facer unha nova pretemporada co Celta B».

FIG: O Rápido de Bouzas tamén é un dos clubs onde máis xogaches (dous anos e medio). Na túa primeira etapa alí o adestrador era Borja Jiménez, unha das revelacións do fútbol español no Leganés. Que recordas del?

AR: «⁠No Rápido de Bouzas tamén estiven medio ano cedido polo Celta B nunha tempada onde fixemos un traballo espectacular en Segunda B e quedámonos ás portas de xogar a fase de ascenso. Despois estiven dous anos en Terceira, durante a etapa de David de Dios, onde tamén fixemos dúas boas tempadas. Na segunda quedamos sen play off ao caer na última xornada ante o Deportivo Fabril de David Mella e uns grandes xogadores máis». 

«⁠Borja Jiménez era un adestrador novo e que se vía que quería e podía chegar. É moi bo adestrador e sabe sacar o máximo de todos os xogadores, como xa se viu no Rápido de Bouzas ou en equipos nos que estivo máis tarde como Mirandés, Cartaxena ou Deportivo. Conseguiu moitos ascenso e só hai que ver o que está a facer agora en Leganés. Saca o mellor de cada un, que é a función principal dun adestrador. El sábeo facer e é un gran tío. Alégrome moito por el e por Álex Martínez, o seu segundo adestrador».

FIG: O equipo vigués está a vivir unha situación moi complicada. Como antigo xogador do club, que opinas de todo iso?

AR: «Do mesmo xeito que comentei que era parte do Choco, a verdade é que levaba dous anos en Bouzas e era un club onde estaba moi cómodo. Eu son de Vigo, o campo é espectacular á beira do mar e o club tiña moita xente e moitas posibilidades. Sempre había detrás o rumor de que as cousas non se facían do todo ben. Sen ter nin idea e sen meterme en charcos, non sei porque as cousas non foron do todo ben nese club porque é un dos grandes de Vigo cunha base xigante e que sempre estaba arriba en Terceira ou en Segunda B. Entón non sei que pasou o ano pasado onde acaban descendendo, pero foi un golpe moi duro para o club. Desde fóra non teño nin idea do que está a pasar pero pinta mal. É unha pena. Eu estiven moi ben cando estiven alí pero creo que sempre pasaron cousas que levaron ao club a estar nesta situación. Espero que o poidan remontar dalgunha maneira».

Foto: Gonzalo Salgado (Diario de Arousa)

Adri Rodríguez, Céltiga FC: «Pelexar o ascenso é o obxectivo, pero non sería un fracaso non conseguilo»

Estes foron os Diferenciais na última entrega

Adri Rodríguez, Céltiga FC: «Pelexar o ascenso é o obxectivo, pero non sería un fracaso non conseguilo»

Repasamos a terceira galega polo parón do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *