No 2006, Ángela Rodríguez Martínez, unha rapaza de Baiona, convertíase nunha das futbolistas profesionais máis novas de Galicia. Con tan só 16 anos, deu o salto ao Rayo Vallecano, equipo que vivía a súa época dourado no fútbol feminino español. Nesta entrevista, Ángela reflexiona sobre a súa traxectoria e como o fútbol marcou a súa vida.

Unha decisión que cambiaría a súa vida
Dende pequena, Ángela foi unha desas nenas que preferían pasar os recreos xogando ao fútbol. Nun contexto onde aínda non era moi común ver a rapazas con pasión polo deporte ‘rei’, tivo que enfrontarse a prexuízos e situacións incómodas. Nun dos partidos de fútbol que se facían entre escolas o adestrador do club Ureka falou co seus pais para que fora adestrar con eles.

«Sempre xogaba con rapaces e contra rapaces, era moi difícil ver a outra rapaza nalgún equipo(…)A iso había que sumarlle os comentarios incómodos e desafortunados por parte de rapazas e dos pais e nais destes. A min dábame un pouco igual porque dende pequena me tiven que enfrontar a eles no colexio, pero a miña nai tíñase que colocar nunha esquina do campo soa para non escoitalos».
O fútbol feminino chegou á súa vida a través de Juan do San Roque Casablanca, foi quen lle comentou á familia a existencia dun equipo feminino en Samil e dende ese día todo cambiou. Na actualidade, Ángela aparece como unha das figuras da historia do club vigués por ser unha dos catro futbolistas da súa canteira que chegaron a Primeira División.
O gran salto chegou cando se incorporou ás filas do Rayo Vallecano un cambio que non foi para nada doado. «Foi moi duro. Marchei da miña casa con 16 anos para meterme a vivir nun piso compartido que tiña o club para as rapazas de fóra e onde todas me sacaban cinco ou seis anos. Botaba de menos a miña casa, a miña familia e amigos», recorda Ángela. Adaptarse a vivir en Madrid e coas esixencias propias do fútbol profesional supuxo un gran reto.
O fútbol regalou momentos inesquecibles

O Rayo Vallecano non foi só o seu primeiro club profesional, senón tamén o escenario dalgúns dos seus mellores recordos. «Fun moi afortunada de vivir a época dourada do Rayo, gañando a Copa da Raíña e 3 campionatos de liga consecutivos, accedendo así a xogar a Champions League Feminina».

Máis tarde, ficharía polo Madrid CFF, entidade que aínda levaba poucos anos de vida. «No Madrid CFF sentinme como en casa. É un club que lle deu moito valor á súa base e que creceu moitísimo sendo exclusivamente un club feminino. O trato persoal foi inmellorable, o presi tiña claro onde quería levar ao equipo e gañamos varios campionatos de liga e conseguimos dous ascensos ata chegar á Superliga».
Ángela tamén recoñece que xogar ao fútbol naquela época non era fácil. «Mentiría si dixera que non me gustaría habelo vivido a día de hoxe, con todo o que se loitou por mellorar as condicións, os contratos, as viaxes, etc».

Galicia sempre presente
Cando lle preguntamos polas referentes teno claro. «Vero Boquete é e será sempre o mellor exemplo para min. Tiven a sorte de coincidir con ela na selección galega xa que con 15 anos subíanme coa absoluta e foi un luxo poder adestrar e xogar con ela. Cando cheguei a Madrid puiden xogar ao lado e en contra de rapazas moi boas, eu fixábame moito en Melisa Nicolau, ou en Arrate Orueta do Athletic de Bilbao».

Ángela leva 20 anos vivindo en Madrid, pero no esquece as súas raíces galegas. «Teño a miña vida aquí e o meu traballo, pero gustaríame volver, a morriña aumenta cada ano que estou lonxe. Isto era algo que con 16 anos non era consciente, perdinme moitas cousas por xogar ao fútbol», admite a entrevistada.

Agora que xa coñecemos a súa historia e que o contexto do fútbol feminino é outro totalmente distintos, pedímoslle a Ángela que nos dera un consello para as nenas galegas que queren chegar a ser futbolistas. «Diríalles que a día de hoxe xa non é un soño afastado, que o loite se realmente é o que quere porque se pode conseguir e xa non hai que irse fóra, levamos uns anos que está visto que na casa temos ás mellores futbolistas do mundo».