Iniciamos repaso aos Diferenciais da Primeira Futgal. Eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
No grupo 1, Pablo Garaboa apareceu no último suspiro para darlle os tres puntos ao Sporting Cambre fronte o Torre SD; xusto tras empatar dous minutos antes grazas a un gol en propia. Tamén sobre a bucina, Rachón salvou un punto para o Relámpago de Elviña con dous tantos no treito final.
Xornada de dobletes. Jon, do Sporting Meicende, fixo dous tantos e sitúase como máximo goleador do grupo. Tamén puxo a súa sinatura a dous goles Pablo Herba, para dar algo de aire a un As Pontes que segue empatado a puntos cos equipos en descenso. E o mesmo fixo Vilasanchez, do Numancia de Ares.
Ata sete empates no grupo 2
Máxima igualdade no grupo 2 esta xornada, pois rexistráronse empates en sete dos nove partidos disputados. En canto aos nomes propios hai que salientar o de Diego Estévez, autor dun hat–trick na vitoria do Dumbría (3-1) ante o Fisterra. Tras esta actuación, é o máximo artilleiro do grupo.
Tampouco pode quedar sen mención MJ, porteiro da Esteirana, quen, no engadido, conseguiu o empate para os seus ante o Boimorto cun testarazo.
Mentres, no grupo 3 destaca a actuación de Anxo Méndez na vitoria do Foz por 3 goles a 2 ante o Guntín. O ex do Ribadeo fixo dous tantos. Pola súa banda, o Castro impúxose con contundencia ante o Oural (6-1), cunha grande actuación de Iván González, que foi o ‘Máxico’ do equipo para os compañeiros de Futbolinlugo.
O Antela comanda o grupo 4 da Primeira Futgal. O cadro de Xinzo de Limia mantén en catro puntos a vantaxe co segundo grazas a Breixo, que lles deu os tres puntos esta xornada cun gol ao final do partido. No Muíños había grandes expectativas e están respondendo ben: vitoria esta fin de semana na que foi chave Hugo Quintana, que abriu a lata no minuto 70.
Seguimos buscando os Diferenciais nese mesmo grupo. O Viana conseguiu a súa primeira vitoria a domicilio. Foi ante o Polígono e un dos tres goles levou a sinatura de Pérez, segundo máximo goleador do grupo e, precisamente, con pasado no equipo amarelo. O Loñoá sumou por vez primeira esta tempada de tres; Nespe e Gabri Guntín, que xa anotaran a pasada xornada, repetiron entre os goleadores.
Os diferenciais nos grupos 5 e 6
Mantén a súa incrible xeira o Puebla, único equipo galego das sete primeiras categorías que o gañou todo no que vai de liga. Desta volta, Johny deu a vitoria aos branquiazuis ao poñer o 2-3 no minuto 83. Tamén se mantén na parte alta o Arcade, que levou os puntos ante o Vilaboa nun partido que semellaba que remataría en empate. Impediuno Carlos Deán, no minuto 87.
Máis contundente foi a vitoria do Caldas ante o Marcón Atlético por 2-6, con dobrete de Adri Souto. O Unión Dena, pechacancelas, foi quen de sumar a súa segunda vitoria, grazas a un tanto de Franco.
Rematamos repaso no grupo 6, coa vitoria do Tyde no derbi ante o Caldelas, no que non faltou o gol de Sergio Aballe, terceiro máximo artilleiro da liga. Segue moi preto do Tyde o Alertanavia que gañou 2-0 con dobrete de David Somoza, segundo no ranking de pichichis do grupo. Cómpre tamén salientar a actuación de Abde, que anotou un par de goles na vitoria do Gondomar.
Como cada xornada, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais da Primeira Futgal. Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.