# Hashtag

Brais Calvo, Praíña SC: «O importante é acadar a permanencia e despois xa veremos»

O Praíña SC converteuse nun dos equipos revelación do grupo 2 da Primeira Futgal neste inicio de tempada. O conxunto lidera a clasificación con 19 puntos en oito xornadas e vén de reforzar a súa posición cun triunfo por 2-4 no campo do Sporting Cambre, nun encontro no que Brais Calvo asinou un dobrete. O centrocampista, cunha ampla traxectoria no fútbol galego, destaca o bo xogo do equipo, pero pide manter os pés no chan e ter presente que o primeiro obxectivo pasa por asegurar a permanencia.

Cos seus anos de experiencia en clubs como o Estradense, o Estudiantil e o Lalín, co que logrou o ascenso a Terceira RFEF a pasada campaña, súmase agora unha nova etapa no Praíña SC. A proximidade da casa e a insistencia dos amigos pesaron na súa decisión de fichar por un club no que asegura sentirse moi cómodo. Lonxe de perder a ilusión, Brais Calvo recoñece que o fútbol segue a ser unha parte fundamental da súa vida: «Encántame e non podería vivir sen el».

Futbolingalicia: O Praíña SC lidera o grupo 2 da Primeira Futgal con 19 puntos en oito partidos. Que valoración fas deste inicio de tempada?



Brais Calvo: «Entendo que o inicio de liga é moi bo, dos mellores que fixemos ata o de agora. A verdade é que, se cadra, non esperabamos comezar tan ben a tempada, pero hai que desfrutalo e seguir nesta dinámica positiva que estamos a ter, sobre todo polo fútbol que estamos a propoñer, que entendo que, polo menos, está a ser vistoso e con goles. Hai que aproveitalo e seguir».

FIG: O último triunfo foi no campo do Sporting Cambre por 2-4, cun dobrete teu. Como foi o partido?

BC: «Era unha saída complicada porque eles, a pesar de que agora estaban nunha dinámica negativa, son xente nova á que lle gusta ter a pelota e propoñer. Nós, coas nosas armas, saíndo ben á contra e transitando ben, fixémoslles moito dano e fomos bastante superiores, aínda que se cadra eles puideron ter moita máis posesión. Aproveitamos o contexto e estamos moi contentos polo partido e, sobre todo, polo resultado, que nos afianza na primeira posición».



FIG: Como te estás a sentir a nivel individual nestas primeiras xornadas?

BC: «A verdade é que moi ben. Estiven un mes fóra porque fun de viaxe pola lúa de mel e non puiden xogar tres partidos. Entón, agora estou collendo un pouco máis de ritmo, pero estou moi contento. O equipo que temos dáme moita confianza, os rapaces son cachos de pan, o adestrador tamén e, en xeral, estamos todos moi ben. Así, a verdade, dá gusto».

FIG: Que obxectivo ten o club para esta tempada?



BC: «En principio, acadar a mellor posición posible, sen tolear nin crernos cousas polo que estamos a facer agora. Isto é moi longo e aínda estamos empezando, así que hai que ter os pés no chan. O club é humilde e intenta dar todo co pouco que ten. Aí estamos e o importante é, como sempre, sumar os puntos necesarios para conseguir a permanencia e despois xa veremos onde nos sitúa a clasificación. Eu non son moito de mirala, pero cando vas primeiro sempre gusta. O importante é superar os malos momentos, que seguro que os haberá, e temos que estar preparados para iso».

FIG: Como ves o partido deste domingo no campo do Boimorto?



BC: «Un partido complicado, como todos os que xogas fóra da casa. Nesta categoría todos os encontros son difíciles e imos ver como está o campo, porque eu, persoalmente, hai moito tempo que non xogo alí. Hai que saír como nestes últimos partidos, a propoñer e intentar dominar. Se non se pode, hai que tratar de levar os tres puntos, que é o importante. Polo menos, non perder. Puntuar fóra da casa sempre é importante se te fas forte na casa, onde non se poden escapar moitos puntos».

FIG: Que te levou a recalar este verán no Praíña SC?

BC: «Vou tendo unha idade e, a verdade, cheguei por unha carallada cos colegas, especialmente con Manu. Dicía que este ano se cadra ía para alí, pero ao principio era unha broma, porque tiña algunha oferta de categoría superior. Estaba un pouco canso de estar sempre dun lado para outro, con moitas viaxes en coche. Como vivo aquí ao lado e había un campo de herba moi bonito e xeitoso que me queda preto, decidín fichar, tamén pola insistencia de Manu. E aquí estamos, moi contento e agradecido. Non me arrepinto para nada da decisión que tomei».

FIG: Como é a túa relación co fútbol a estas alturas da túa carreira?

BC: «Encántame e non podería vivir sen el. Teño moito medo a cando non poida xogar, algo que está preto. De momento, aínda vou aguantando e estou moi contento. O fútbol deume todo na vida e para min é todo. É unha maneira de facer o que che gusta e de liberarte do traballo e doutros pensamentos. Espero seguir xogando ata que o corpo mo permita e, obviamente, agora paso a vivir un fútbol máis afeccionado que antes, cando estaba máis enfocado en sacarlle rendemento. Aquí tamén hai moita esixencia, pero é Primeira Futgal, unha categoría un pouco menos profesional. Para min foi unha sorpresa esta nova etap». 

FIG: Se hai un club que destaca na túa traxectoria é o Estradense. Como recordas esa etapa?

BC: «Para min é o equipo ao que máis aprecio lle teño. Foron oito anos moi bos e considérome do Estradense. Estou en contacto moi a miúdo cos amigos que teño no equipo e na vila. Sempre baixo cando podo e vou velos. Estarei sempre agradecido e foi unha honra estar alí por todo, tanto no plano deportivo como, sobre todo, no persoal. Levo comigo moita xente que me axudou e me apoiou, ademais de compañeiros excepcionais».

FIG: Tamén viviches grandes anos no Estudiantil e o ano pasado ascendiches co Lalín. Que valoración fas desas campañas?

BC: «Para min, o Estudiantil foi o equipo no que mellor fútbol xogamos como conxunto. En ningún sitio xoguei tan ben ao fútbol como alí. Paseino moi ben aqueles anos porque, ademais, xuntámonos moitos colegas. Era un pracer ver como xogabamos e unha auténtica gozada. Foi unha mágoa que, ao final, todo acabase como acabou, pero gardo moi bo recordo. No Lalín tamén foi xenial. Foi unha aventura que me encantou e que foi preciosa. A institución que é o Lalín, con todo o que representa, fai que fose unha honra que me chamasen para conseguir un obxectivo tan marcado como o ascenso a Terceira RFEF, unha categoría na que o Lalín, como mínimo, merece estar pola súa historia, polos seus recursos, pola vila e por todo o que representa. Levo comigo xente moi boa desa etapa e espero que lle vaia moi ben este ano en Terceira».

FIG: Que che vén á cabeza cando pensas nos primeiros anos como sénior, no Santiago, no Grixoa e no Órdenes, e na túa etapa formativa en equipos como o Deportivo?

BC: «Do Santiago e mesmo do Conxo lembro os compañeiros cos que xoguei desde pequeno. Cando marchei para A Coruña para fichar polo Deportivo perdín moito contacto con eles, e iso fastidioume moito. Era o que máis botaba de menos, porque os quería moito e tiña moita confianza con eles. Queiras ou non, vas perdendo un pouco o trato. O paso polo Grixoa foi algo que tiven que facer porque non estaba contando con moitos minutos no Órdenes, onde empecei aquela tempada. Era un rapaz que saía do Deportivo e alí había xogadores moi contrastados en Terceira, como Padín ou Capelo. Era difícil entrar no equipo e o Grixoa estaba na parte alta de Preferente, así que marchei para alí. Ascendemos a Terceira aquel ano e tamén gardo moi bos recordos desa etapa. Tiven moi bos compañeiros e foi un orgullo. Non me arrepinto desa decisión. A etapa no Deportivo foi un luxo do que pouca xente pode presumir. Estou agradecido pola educación e polo trato que sempre me deu o club. Foi unha mágoa porque, se cadra, un non pon todo da súa parte e non valora o que ten ata que madura e ve como son as cousas. Cando pasas ao fútbol sénior coñeces o fútbol real e ves que é complicado, que non todo é tan bonito como na canteira do Deportivo. Aí empeza o fútbol de verdade, no que tes que buscarte a vida. En calquera caso, estou encantado coa miña traxectoria e moi contento con todo o percorrido».

Brais Calvo, Praíña SC: «O importante é acadar a permanencia e despois xa veremos»

Cambiando a terra polo artificial: os campos

Brais Calvo, Praíña SC: «O importante é acadar a permanencia e despois xa veremos»

Brais Calvo, Praíña SC: «O importante é