Diego Rey, xogador de renome na nosa comunidade, afronta a súa quinta tempada na Sarriana. O atacante, natural de Mieres (Asturias), ten un currículo destacable no fútbol sénior: Estradense, Somozas, Compos, Atlético Levante e RC Villalbés. Dende FutbolinGalicia falamos co extremo, destro pero acostumado a xogar no sector esquerdo do ataque, sobre temas como a súa chegada a Sarria ou a máis recente actualidade do conxunto da Ribela.
Es un habitual da nosa Terceira. Que destacas desta categoría? Cambiou moito nos últimos anos?
«A nivel físico todos os equipos están moito mellor preparados. O físico antes era menos importante: había xogadores talentosos que por falta de físico non foron capaces de xogar máis arriba, mais si que se vían xogadores dun nivel técnico bastante alto. Hoxe en día considero que non hai ese tipo de xogador, pero si un perfil máis físico, de maior ritmo e traballo táctico; xogadores máis beneficiosos para os equipos.»
Como foi a fichaxe pola Sarriana na tempada 2020-2021?
«Foi despois da Covid. Eu estaba no RC Vilalbés. Sabía que a Sarriana quería facer un equipo, a pesar de estar en Preferente, con xogadores moi contrastados en categorías como Terceira. Xa coñecía a algún deles como Keko, Jacobo, Javi Liz, Ruchi, Álex Pérez ou Omar; todos xogadores dun nivel muy superior ao que tiña a Preferente naquel tempo. Vilariño contactou comigo e pareceume un proxecto atractivo e preto da casa, polo que a decisión non foi complicada. A categoría permitíame compaxinar o fútbol co traballo un pouco daquela maneira. A pesar de que había semanas que non podía adestrar, dábame para ter o nivel da categoría.»
O ansiado ascenso chegoulle á Sarriana na campaña 22-23. Supoñemos que dito curso estivo cheo de tensión e grandes momentos, non? Que recordos gardas desa tempada?
«Considero que ese ascenso debeu ter chegado antes. Cambiou a directiva. Creo que o club, de primeiras, tampouco estaba preparado; as aspiracións eran moi altas mais había moitas outras cousas no club que non se estaban a facer ben. Para conseguir un ascenso necesítanse moitas cousas, é un cómputo global de directiva, corpo técnico e xogadores. Daquela onde máis destacabamos era na parte dos xogadores, pero creo que non se traballaba da maneira correcta; cos anos foise mellorando. Tamén é verdade que non tivemos moita sorte. O primeiro ano non ascendemos por un gol e o segundo ano por un punto. Ao terceiro, na 22-23, si que tivemos a sorte de conseguir o obxectivo; Un fito histórico para a Sarriana, que nunca xogara en Terceira.»
«Tivemos grandes momentos xa que eramos unha familia; rapaces que xa nos coñeciamos e cun ambiente no vestiario espectacular. Existía amizade e o cadro de xogadores era de gran nivel. Foi dos anos que máis gocei en termos de amizade e iso que tiven a fortuna de ter grandes compañeiros en tódolos equipos nos que estiven.»
O curso pasado a Sarriana quería asentarse na categoría e vaia se o fixo. Chegouse ata o play-off! Como describes a vosa labor nesa tempada histórica?
«A verdade é que o ano pasado foi bastante raro porque antes da pretempada, co tema de que non se sabía se iamos ascender ou non, a planificación creo que non foi a mellor. Chegou un momento en que moitos xogadores xa estaban firmados noutros equipos, polo que á hora de fichar non era doado traer xente de nivel. Tivemos a gran sorte de que chegou algunha boa fichaxe a principio de tempada e despois viñeron máis e interesantes reforzos que nos deron moitas cousas e, grazas en parte a eles, puidemos acadar, primeiro o obxectivo de asentarnos nunha zona tranquila da táboa e, finalmente, conseguir xogar a promoción».
«Posiblemente sorprenda a moita xente, mais unha vez que chegaron os reforzos non o vía desatinado. Sei o nivel dos compañeiros que teño. Na categoría non hai xogadores coma Keko Vilariño ou seu irmán Jacobo, que se compenetran ben e que son capaces de manexar un equipo. Tiñamos defensas moi destacados e arriba a Boedo, Cuadrado ou Arona. Son un tipo de xogadores que eu non vía noutros equipos por moito que outros clubs tiveran máis nome. Non era desatinado pensar que tiñamos nivel para xogar a promoción, na cal considero non tivemos moita sorte. Creo que contra o Gran Peña fomos superiores en moitas facetas do xogo. Mais o final conta quen mete máis veces o balón na rede e niso eles foron mellores.»
No verán houbo cambio de adestrador na Ribela e reforzos de renome. Cal é o obxectivo deste grupo para a campaña que está a comezar?
«Moitas veces non é bo poñerse obxectivos moi altos xa que se non se conseguen, a pesar de facer unha boa tempada, parece un fracaso e non é así. Podes ter xogadores de moito nome e non ser capaz de facer un equipo compenetrado ou con menos xogadores de renome podes conseguir que o equipo funcione mellor.»
«Coas fichaxes feitas e co novo adestrador que chegou, co que tiven a sorte de coincidir na primeira fase de ascenso e pareceume un técnico que tiña cousas doutro nivel, imos a desfrutar. Xa estamos a facelo con adestramentos dinámicos, con moito balón e posesión; o que nos gusta a maioría dos futbolistas. Creo que cos xogadores que ten a súa disposición, pode conseguir que o equipo funcione moi ben e realizar unha gran campaña. Mais é o segundo ano que a Sarriana está en Terceira, polo que non podemos volvernos tolos e pensar que imos xogar o play-off si ou si. O obxectivo será xogar o mellor posíbel e acadar o mellor posto posible. Se chegamos ao play-off coma o ano pasado será un premio, pero tampouco podemos tolear con isto.»
Na Copa Federación superastes dúas eliminatorias, chegando a semifinais ante o CD Lugo. Que sensacións deixaron estes partidos?
«Superamos dúas eliminatorias nas que considero que tivemos un nivel de xogo bastante bo. Aínda que moitas veces xogamos ben non somos capaces de materializar as ocasións en goles. Somos un equipo que por inercia xerará este tipo de situacións pero a cuestión está en que hai que transformalas. O balón ten que entrar dentro da portaría, se perdoas xa sabemos o que acostuma a pasar no fútbol.»
«Ante o CD Lugo tivemos un erro na saída de balón que lles facilitou o primeiro tanto, pero ata ese momento estaban sufrindo no campo a pesar de levar un mes máis de preparación e ter sobre o céspede a xogadores de, a priori, un nivel superior. Víaos sufrir porque non tiña o balón e non conseguían xerar grandes ocasións de perigo. Quedarémonos con que neste partido fixemos cousas boas con balón e tamén sen balón, aínda que neste último aspecto temos que mellorar como equipo xa que creo que este ano pode ser a faceta máis importante para poder conseguir un obxectivo maior.»
E, por último, queda Diego Rey para rato, non si?
«Non sei, teño 32 anos e non son o chaval de vinte e pico que corría que se mataba, mais non noto decrecemento a nivel físico. De momento podo axudar bastante a este equipo. Veremos como vai o ano; dependendo de como me atope, se xogo máis ou menos, se estou contento… Eu creo que senón é en Terceira será en Preferente, pero gustaríame seguir xogando ao fútbol.»
Imaxe de portada: Mariluz Fagín González