En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Eles tamén forman parte do noso fútbol. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal.
No capítulo de estrea falamos con Manolo Couso e Javi Baamonde, dous xogadores destacados do fútbol provincial de hai un par de décadas.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Cales son as principais diferenzas entre o fútbol do que formastes parte e o actual no tocante a categorías como Terceira RFEF ou Preferente Futgal?
Manolo Couso (en adiante MC): «Para min, o nivel dos xogadores é menor na actualidade. A nivel técnico había mellores xogadores antes. Cal é a principal diferenza? Agora nas categorías de base trabállase máis o tema físico. Os xogadores son peores tecnicamente pero iguálanse a nivel físico. Os adestramentos antes eran chegar, correr e xogar unha pachanga. Agora é diferente. En teoría deberían saír mellores xogadores agora xa que adestran en mellores condicións.»
Javi Baamonde (en adiante JB): «Eu penso que ao mesmo nivel competitivo si que antes había xogadores máis técnicos. Tiñamos o adestramento invisible, o da calle. Adestrabamos menos que agora pero toda a semana estabamos cun balón. Antes de ir un sábado a tomar algo, xogabamos ao fútbol sala tres ou catro horas no colexio Casás. Todo isto dende os 8 anos aos 18 nos colexios, institutos ou na rúa.»
FIG: Comecemos pola vosa etapa sénior como xogadores. De que equipos formastes parte?

MC: «Milagrosa, San Vicente de Paradai, Burela, Lugo, Villalbés, Sarriana e Pontenova.»
JB: «Alfoz, Comercial, Pontenova, Castro, Friol e Residencia.»
FIG: E como adestradores?

MC: «Villalbés, Residencia, Riotorto, Páramo e Milagrosa. Actualmente son ´utillero` do primeiro equipo do CD Lugo.»
JB: «Estiven 13-14 anos na Residencia e 10-11 na Milagrosa, ademais de facer actividades extraescolares. Este ano vou de delegado con algún equipo da base da Milagrosa.»
FIG: Mellorou moito o fútbol entón neste tempo?
MC: «A nivel de adestradores e instalacións moito mellor agora. O que si, considero que hai moitas categorías. Hai anos cun balón xogaban 20 nenos, mais agora hai play-station, nintendo, TV… Internet cambiou moito esta historia e hai moito menos xogo na rúa.»
JB: «En categorías inferiores hai moitos nenos que van a fútbol porque é unha actividade, como inglés ou música, e os pais queren que fagan algo. Nós xogabamos no medio dos coches na rúa con dúas pedras. Eran outros tempos.»

FIG: Erades mellores tecnicamente antes polo que faciades fóra do terreo de xogo, posto que os adestramentos eran máis ben físicos, ou isto non é así??
MC: «O básico era correr, facer progresións ou fartlecks. Agora hai situacións de ximnasio ou adestradores persoais.»
FIG: A táctica era sofisticada ou non se traballaba?
JB: «Houbo un cambio moi grande nestes anos. Antes era todo 4-4-2 con marcaxe individual. A partir dos 90 houbo unha serie de cambios porque os xogadores ían contando pouco a pouco con máis recursos a nivel táctico.»
FIG: E no fútbol máis profesional temos profesionais coma os analistas.
MC: «O básico, cando empezabas, era saír a xogar. Agora todo está máis evolucionando. Si que antes en etapa base había adestradores que podían ensinar por riba doutros e falábanche de coberturas ou permutas por exemplo, mais o 95% dos técnicos non o facían. Otero, que foi adestrador meu na Milagrosa, supuxo un salto de nivel en este aspecto.»
JB: «En categoría sénior o fútbol foi evolucionando. Ata que me adestrou Víctor Basadre non se faltaba do que era un marcaxe zonal ou unha permuta. Facíanse os movementos pero sen saber o que eran. Automatizabamos todo a base de repeticións.»
FIG: O corpo técnico contaba unicamente coa figura do adestrador?
MC: «Agora a parte física é moi importante. Soamente hai que fixarse en categorías como Primeira RFEF, na que todos son atletas. Antes como moito pesábanche de vez en cando e agora fanche ata pliegues e tes nutricionistas. O adestrador facía de técnico, de preparador físico, de analista, de fisio e ata de conductor de autobús ou coche se era necesario.»
FIG: Sodes máis partidarios dun fútbol automatizado ou dun fútbol no que a creatividade teña moita importancia?
MC: «A nivel defensivo, a colocación é a básica. A nivel ofensivo, debemos dar pautas a todos os xogadores e con iso máis a súa creatividade, fórmase o cóctel perfecto. Ademáis temos que diferenciar entre a etapa de aprendizaxe do fútbol formativo e o fútbol sénior.»
JB: «Para defender hai que ser automáticos e para atacar todo o contrario. Esa é a miña opinión. Os xogadores teñen que entender o sentido das cousas, haillas que explicar.»
FIG: Credes que a meirande parte dos adestradores queimamos etapas rapidamente e avanzamos a conceptos novos sen que os xogadores controlen os máis básicos?
MC: «Hai unha situación que debe estar clara. Hai que separar o que vemos en internet, coma unha tarea de Ancelotti ou Guardiola, do que podemos facer nós nos nosos equipos. Intentar copiar estas tareas non é bo. Se hai xogadores que non saben controlar aínda un balón, non podemos replicar unha posesión de YouTube dun equipo profesional.»
FIG: No meu primeiro ano como adestrador coincidín contigo, Javi. Eras un adestrador que tiña claro que para poñer as paredes, primeiro tiñan que estar asentados os cimientos.
JB: «Sen un xogador non sabe controlar un balón, non lle podemos pedir que faga un rondo. Desta maneira conseguiremos que sinta frustración e que os demais nenos o deixen de lado.»
«En base estamos metendo sempre táctica moi pronto. Considero que se debería traballar máis técnica, dotalos de máis recursos, e cando a súa formación psicolóxica o permita, entenderán mellor os conceptos tácticos. Non podemos manexar aos xogadores como se fose a play-station.»
FIG: Cales son as diferenzas entre os nenos de agora e os de antes?
MC: «Cóntovos unha anécdota. Todos os pais queremos darlle aos nosos nenos o mellor. Cando eu xogaba en Liga Galega xuvenil na Milagrosa, que era de un gran nivel, o mítico Gorgoso tiña no local social do club un saco e collías del as botas que mellor se adaptaran. Hoxe en día dámoslles todo feito e o nivel de compromiso e esforzó baixou moito.»
JB: «Hoxe en día hai máis pais e nais vendo un adestramento que un partido. Antes camiñabamos varios amigos para ir aos adestramentos ou xuntabámonos varios para ir co que tivera coche. Agora o fútbol é unha actividad, na que moitos nenos van obrigados, e antes era un pasatempo, un hobby.»
FIG: Compartistes vestiario durante varios anos. Algunha tempada ou anécdota a salientar?
MC: «O meu ascenso co Lugo de Segunda B a Segunda A foi xenial, pero o ascenso de categoría que conseguimos xunto coa Pontenova foi espectacular. Eramos un grupo de amigos que conseguiu algo incrible. Co Pontenova xogamos dúas fases de ascenso a Terceira División; nunha medímonos ao Alondras e noutra co Verín. Na eliminatoria ante o Alondras metimos ambos en propia meta e non logramos o salto de categoría.»
«Nin nós nin os rivais sabiamos como xogabamos. Eramos un grupo de amigos. Recordo falar con xogadores do Alondras que me dixeron que o seu adestrador veunes xogar algún partido e non soubo dicirlles aos seus xogadores cal era o noso modelo de xogo. Xogabamos moi libre, un grupo de amigos puro e duro.»
«Ascendimos dúas tempadas despois e ante o Verín. Empatamos a un gol alí e en Pontenova a ceros e subimos de categoría polo valor dobre dos goles visitantes. Co Verín marcounos de falta directa Luisito, o mítico adestrador galego. Foi un golazo, o noso compañeiro Chema sae na televisión facendo un xesto de ´vaia golazo acaba de meter´.»
«O curso en Terceira foi complicado. Eran todo chavales moi formados para xogar nesas categorías e a nós custounos moito. Recordo xogar ante o Celta B na Madroa e ter moi pouca posesión e practicar moito o saque de centro tras gol deles.»
JB: «Para min ese ascenso do que fala Manolo é o mellor momento, sen dúbida. Eramos unha familia, pasámolo xenial adestrando e xogando xuntos. Nese partido ante o Alondras, o balón rebotou contra o pau, deume nas pernas e colouse na portaría.»
«Non eramos un equipo moi organizado tacticamente. Os catro de atrás, entre os que estabamos Manolo e eu, eramos un chisco máis organizados.»
«Cando estabamos todos fastidiados por non ascender en Cangas ante o Alondras, entrou o presidente ao vestiario e díxonos que non pasaba nada, que os cartos non chegaban a nada.»
«O ano en Terceira División foi complicado. Recordo xogar ante o filial do Celta e fixéronnos un rondo continuo durante 90 minutos.»
FIG: E para rematar, algún xogador co que compartistes vestiario ou rival que chegara a gran nivel?
MC: «Xogando unha fase de ascenso co Burela, xoguei contra o Valladolid B. Eles contaban no cadro de xogadores con futbolistas como Amavisca, que despois acabou no Real Madrid e no Deportivo. Da nosa xeración, Alberto García era o que mellores condicións técnicas e físicas tiña.»
«Recordo un partido coa Pontenova ante o Rápido de Bouzas no que o noso compañeiro Guerreiro anotou tres goles e regateaba a todos os rivais nun campo cheo de lama. Os demais non podiamos practicamente golpear o balón e el parecía flotar polo céspede.»
JB: «Nunca fun de fixarme en rivais, a verdade. Nós tiñamos un amigo, posiblemente o mellor xogador da provincia de Lugo, que non chegou ao alto nivel porque non quixo ser futbolista. Para el o fútbol era un hobby. O seu nome é Alberto García.»
FOTO DE PORTADA: Manolo Couso porta o brazal de capitán e Javi Baamonde é o segundo abaixo pola esquerda