# Hashtag

Os “One to Watch” da Preferente Sur en 2025

Coa última xornada da primeira volta aínda por disputarse, ademais dos partidos aprazados polo temporal que se recuperarán esta fin de semana, a segunda volta da Preferente Sur está á volta da esquina e promete ter grandes emocións. As loitas polo ascenso directo, os postos de fase de ascenso e a permanencia na categoría obrigarán a todos os equipos a render da mellor maneira posible.

Neste sentido, en Futbolingalicia analizamos que xogadores, que quizais pasaron baixo o radar na primeira volta, poden ser chaves no segundo tramo da tempada para que os seus equipos cumpran os seus obxectivos. 

Óscar Iglesias (Céltiga FC): O centrocampista arousán cumpre a súa cuarta tempada no equipo da súa vila e ano a ano demostra que é un futbolista fundamental no gran rendemento do Céltiga. Con pasado en Terceira co Arosa e co Ribadumia, Óscar é un deses mediocentros que dirixe con mestría o xogo ofensivo do equipo. O xogador de 27 anos, que só se perdeu un partido de liga, busca volver á Terceira RFEF co Céltiga tras a decepción do ascenso frustrado da campaña pasada. Outros xogadores a ter en conta no líder son Lezcano e Gregor, que darán un plus ao Céltiga na segunda volta tras un primeiro tramo complicado por problemas físicos.



Sidibé (CD Barco): O dianteiro do cadro valdeorrés non está a ter o inicio soñado no Barco pero xa suma catro goles, todos eles desde o banco e o último para dar a vitoria ao seu equipo fronte ao Verín. Ese tanto no José Arjiz pode ser o punto de inflexión dun xogador que xa demostrou a súa facilidade goleadora en Galicia coa camiseta do Antela, do Lemos e do Viveiro. Se consegue continuidade nos onces de Lino Estévez, Sidibé pode ser un dos ases baixo a manga do CD Barco na loita polo ascenso. Outros xogadores a seguir nesta segunda volta son o incansable Óscar Martín e o central Brian Bailón.

Joel Rocha (CD Beluso): Aínda que comezou a tempada no Silva, o centrocampista de Cangas está a ser un dos xogadores máis destacados do equipo revelación da categoría. Joel non se perdeu nin un só minuto desde a súa chegada e é o compás do conxunto de Bueu, onde xa xogou hai dúas tempadas, chegando a marcar un tanto na goleada do seu equipo perante o Atios. A pesar da súa xuventude (21 anos), o centrocampista foi un dos mellores xogadores da categoría na primeira volta e haberá que estar atentos ao seu rendemento en 2025, ao igual que haberá que poñer a lupa sobre Lope Quinteiro ou Marcos Pastoriza.

Aitor Rodríguez (UD Atios): Outros dos centrocampistas creadores que tanto fan destacar aos xogadores ofensivos de cada equipo. Aitor cumpre a súa terceira tempada no Carballo, logo de debutar como sénior co Juvenil de Ponteareas en Terceira RFEF, e aos seus 22 anos mostra unha gran madurez no seu xogo. Nesta tempada acumula xa máis de mil minutos e tan só foi suplente en dúas ocasións, tendo unha gran importancia nas enormes prestacións mostradas polo Atios. Ademais do seu potencial no posto de dianteiro centro, no Atios tamén hai que poñer un ollo sobre o extremo Rubén Carrera e o central Pedro Blanco.



José Batallón (Juventud Cambados): Sétima tempada do central vilagarcián sendo o líder da defensa do cadro de Burgáns. O central de 26 anos é un dos homes de confianza de Pénjamo e en 2025 busca ser un dos xogadores importantes que permitan loitar por un soñado ascenso a Terceira RFEF ao Cambados por primeira vez neste século. Con chegada ofensiva no balón parado, Batallón destaca pola súa contundencia defensiva nunha zaga amarela que sempre é sinónimo de regularidade. Outros xogadores a seguir son Pablo Baúlde, que volve dunha longa lesión, e Roberto Pazos, que vivirá os seus últimos partidos como xogador de fútbol.

Álex Pacheco (Porriño Industrial): O lateral dereito vigués roza os 1500 minutos nesta primeira volta, sendo un dos indiscutibles para Rubén González. Tras baixar unha categoría desde o Pontevedra B, Álex está a ser un dos principais motivos para o bo inicio dun Porriño que loitará por entrar na fase de ascenso. Este gran rendemento non é tan só defensivo, senón que o lateral dereito está a sumar cifras tamén no apartado ofensivo, onde xa acumula dous goles. Con tres ascensos ás súas costas (Atios, Gran Peña e Pontevedra B) aos seus 24 anos, Álex Pacheco busca volver á Terceira co Porriño, onde tamén están a destacar Iván Caride e Iván Comesaña, que lle está a gañar a partida a un gran porteiro como é Nucho Cameselle.

Sergio Canosa (Pontevedra B): No seu primeiro ano como sénior, o centrocampista lerezán está a mostrar un nivel moi alto na Preferente Sur. Tras unha pretempada co primeiro equipo adestrado por Yago Iglesias, Canosa é o xogador con máis minutos do segundo equipo granate cun pleno de titularidades agás nun partido no que foi convocado en Segunda RFEF perante o Langreo. Outro organizador de xogo que, neste caso, é un das perlas da canteira granate, a onde chegou no ano 2020 procedente do Salgueiriños. As actuacións deste futbolista son vitais para que xogadores como Manu Galego ou Anxo Llanos, outros dos destacados, convertan ao Pontevedra B no terceiro equipo máis goleador da categoría.



Nico Peruzzo (Cented Academy): Con diferenza dos outros mediocentros da lista, Peruzzo é un pivote de corte defensivo. Tras chegar a Ourense durante a tempada pasada, o futbolista arxentino logrou o ascenso desde Primeira Galicia co Cented Academy e renovou pola entidade, onde é fundamental nas axudas defensivas. Xogador con carácter e forza que pode ser considerado como un ‘Stopper’ ou como un ‘5 clásico’ e ao cal sempre se lle presume entrega e intensidade. De seguro que ningún centrocampista rival ten un partido cómodo cando se enfronta ao cadro dirixido por Marcos Álvarez, no que Adrián Veloso e Israel Trigás están a mostrar un gran nivel na parcela ofensiva.

Borja González (Atlético Arnoia): O conxunto da Queixeira é o equipo menos goleado da categoría (13 goles en 15 encontros) e unha das razóns é o gran nivel do seu porteiro, que en 12 partidos tan só encaixou 11 goles. O canteirán do Celta acumula seis cursos no Atlético Arnoia, tras pasar tamén polo Barbadás en Terceira, e nesta tempada está demostrar a súa gran valía baixo os paus. A solidez defensiva do cadro que dirixe Manel Vázquez é o selo de identidade deste cadro de xogadores, na que defensas como Kevin Ferreira ou Iago Quintairos están a ser indiscutibles grazas as súas grandes actuacións. Co partido fronte ao Choco pendente de disputarse, o Arnoia pode meterse de cheo na loita pola fase de ascenso neste novo ano.

Javi Silva (Juvenil de Ponteareas): O lateral esquerdo vigués tan só se perdeu un partido nesta primeira volta e está a ser un dos mellores xogadores do equipo a pesar dos seus 20 anos. Tras debutar a campaña pasada como sénior no Alertanavia de Preferente, o canteirán do Coruxo quere seguir poñendo os cimentos da súa carreira no club de Pardellas. O obxectivo deste potente defensor, cunha gran capacidade ofensiva, é lograr unha permanencia que non puido conseguir o curso pasado no club vigués. O centrocampista Nacho Puyuelo e o extremo Allan Benítez tamén están firmando un bo ano no Juvenil de Ponteareas.

Andrés Silva (CD Moaña): O defensa moañés é un dos líderes do equipo dirixido por Edu Charlín. O canteirán do conxunto celeste, que debutou co primeiro equipo sendo aínda xuvenil tras unha vida na base do club, é o segundo xogador con máis minutos do conxunto do Moaña. Despois de catro anos facéndose un oco na entidade da súa vila, Andrés está ante a súa tempada de confirmación nunha categoría tan esixente como a Preferente Sur. Titular en todos os partidos agás na primeira xornada. Ademais do bo facer defensivo, no Moaña tamén destacan os máximos goleadores, xa que tanto o dianteiro Omar Konté como o incansable Jesús Varela están nun gran nivel.

‘Vítti’ Vázquez (Cultural Areas): Experiencia por bandeira neste dianteiro de 37 anos que segue sumando goles na súa carreira. Cun rol secundario, Vitti anotou tres tantos no último tramo da primeira volta, polo que pode gañar protagonismo na segunda volta e ser decisivo para os intereses dos pupilos de Yago Yao. Coa tempada 19/20 como espello, na que foi capaz de furar redes en 21 ocasións co Cultural Areas ata a chegada do coronavirus, o futbolista vigués quere seguir sendo importante na categoría. O centrocampista defensivo Gus, que regresou este verán á Lomba, e o lateral de 22 anos Pablo Bugarín son dous dos xogadores con máis minutos nesta primeira volta no conxunto de Ponteareas e haberá que estar alerta ás súas prestacións no 2025.



Nico Casalderrey (Portonovo SD): A pesar de estar loitando pola permanencia, o equipo de Baltar é o segundo equipo menos goleado da categoría, xa que tan só encaixou 16 goles en 16 partidos. Unha das chaves para esta solidez defensiva é o bo facer de membros da súa zaga como Nico Casalderrey, un central de 20 anos que o xogou todo nesta primeira volta. O canteirán do Deportivo, natural da vila, regresou ao Portonovo tras unha tempada no Arosa xuvenil e xa acumula dous anos de experiencia na Preferente. Nico é un dos xogadores imprescindibles para Jose Luis Salgueiro xunto ao porteiro Diego Dadín, outros dos destacados. No apartado ofensivo é obrigatorio botar unha ollada ao experimentado Dani Abalo, que volveu da súa retirada para axudar a evitar o descenso.

Marcos Torres (CD Choco): O talentoso mediapunta vigués recalou este verán no conxunto redondelán, procedente do Juvenil de Ponteareas, como unha das grandes fichaxes. O certo é que a primeira volta non está sendo fácil para ningún xogador do cadro dirixido por Félix Rial, posto que o equipo atópase loitando por manter a categoría. Porén, Marcos está a ser un dos máis destacados no apartado ofensivo do Choco e sumou dous goles na primeira volta, cifra que seguramente mellore no segundo tramo da tempada. Con pasado en categorías nacionais, o mediapunta busca seguir sendo un dos líderes do Choco xunto a Jonás Caride (6 goles) ou o defensa Cristian Berni.

Álex García (Umia CF): Primeiro ano como sénior para este extremo habilidoso e encarador que lle está a dar moita frescura ao ataque da entidade de Barrantes. Un gol deste futbolista decidiu o derbi fronte ao Cambados a favor do Umia nun dos últimos partidos do ano, que exemplificou todo o que poder axudar este atacante entrando desde o banco. Facer actuacións máis regulares saíndo no once titular é o reto máis importante para Álex, que, co paso dos partidos, pode ir adaptándose de mellor forma á categoría sénior. O pivote Nico Aguín e o xogador de banda Álex Rey son outros dos futbolistas do Umia con moita xuventude a revisar neste novo ano.

Iván Fernández (Verín CF): Ao igual que o xogador anterior, Iván é un extremo xove que está a debutar na Preferente. Tras tres anos entre Primeira e Segunda Galicia, o futbolista verinés tivo a oportunidade de firmar polo club da súa vila este verán e é o máximo goleador do equipo nesta primeira volta con tres tantos. Ademais, cando marca este futbolista, o conxunto que dirixe Miguel Sotelo sabe que puntuará, xa que os goles chegaron nunha vitoria e en dous empates. Se é capaz de manter o seu nivel, e incluso de melloralo, Iván pode ser un dos xogadores que dará que falar na segunda volta nun Verín onde tamén hai que destacar ao experimentado Luisito (tamén tres goles) e ao lateral Adrián Martínez.

Joel García (Atlántida de Matamá): Pese á situación do equipo, Joel está a deixar moi bo sabor de boca na Preferente. Este lateral dereito vigués, que xa suma dous goles, está a ser do máis destacado no conxunto do Penedo da Moo, ao cal lle está a custar puntuar na categoría logo dun ascenso sufrido desde Primeira Galicia na campaña pasada. Tras vestir a camisola do Racing Castrelos, o canteirán do Val Miñor firmou pola Atlántida de Matamá, onde tan só se perdeu un encontro por sanción e onde quere seguir demostrando que ten un oco na Preferente. O dianteiro Hugo Fariña e o gardarredes Hugo Alén tamén poden sorprender nesta segunda volta.

Hernán Pereira (Rápido de Bouzas): Con tan só 16 anos e en apenas 480 minutos, o dianteiro vigués é o máximo goleador do equipo sénior dun Rápido de Bouzas que atravesa o peor momento da súa historia. Con pasado na base do Val Miñor, este futbolista, que aínda é xuvenil de primeiro ano, xa sabe o que é marcar catro goles na Preferente Sur e de seguro que está a chamar a atención a varios equipos da contorna. Co enorme reto de manter este nivel na segunda volta, especialmente complicado pola súa idade e a difícil dinámica do cadro olívico, Hernán será un dos principais motivos polo que ver ao Rápido. Yago Alonso e Christian Pereira, tamén con catro tantos, son outros dos destacados.

Os “One to Watch” da Preferente Sur en 2025

Estes son os seis campións de inverno

Os “One to Watch” da Preferente Sur en 2025

Balance do ano para os equipos da

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *