Sarriana, Boiro e Lalín manteñen o pleno na segunda xornada
Despois desta segunda xornada, tan só hai tres equipos que poden presumir de levar pleno de vitorias. Só a Sarriana, o Boiro e o Lalín conseguiron sumar seis puntos de seis posibles. Tamén seguen invictos polo momento o Racing Villalbés, o Silva e o Portonovo.
A Sarriana lidera actualmente a categoría tras vencer 2-0 no derbi ante o Viveiro cun dobrete de Andoni Pérez, con un tanto en cada parte. Cos mesmos goles a favor, cinco, está o Boiro, que ocupa o segundo posto tras gañar ao Céltiga por 0-2. Aaron Martínez, no primeiro tempo, e Gonzalo Landeira, no segundo, foron os encargados de darlle a vitoria ao conxunto boirense.
Os de Iván Carril seguen a súa boa andaina no regreso á Terceira Federación e suman outros tres puntos tras superar ao Somozas por 1-0, no seu primeiro partido da tempada no Cortizo. Manu Vilariño, tras unha gran xogada individual, anotou o único tanto do partido ante un Somozas que xogou desde o minuto 58 con dez xogadores tras a expulsión de Manu Núñez.
O Arenteiro non remonta
O club ourensán, que o pasado curso militaba en Primeira Federación, está a custarlle coller o ritmo da Terceira, algo que, pola contra, ao Portonovo non lle está a suceder no seu ascenso. Tras sumar un punto na primeira xornada, nesta segunda xa foron a polos tres. Iker Escudero foi o encargado de romper as táboas cun gol no primeiro cuarto de hora. O encontro chegou ao descanso co 1-0.
Os verdes conseguiron empatar por medio de Durojaiye, pero os locais non deron moita marxe e, un minuto despois, cun tanto de Schneider, volveron poñer o marcador ao seu favor. Así quedaría o resultado final.
En canto aos outros equipos pontevedreses da competición, o Gran Peña levou o duelo ante o Pontevedra B. Xa comezaron os vigueses dominando o partido e tamén o resultado. No minuto 19, Carril puxo o primeiro e, antes de ir ao descanso, Martín Martínez xa puxo o segundo.

Intentárono os granates no segundo tempo tras ter boas oportunidades na primeira parte, pero o único que conseguiron foi reducir un pouco a diferenza. Fernando Iglesias anotou case sobre o pitido final, no minuto 90, o 1-2.
O Alondras, pola súa banda, tamén conseguiu os tres puntos ante o Antela, que xogaba o seu primeiro partido de Terceira RFEF na casa. Xa comezaron con unha mala nova, xa que aos cinco minutos lesionouse Iñaki Bellido, que puido facerse dano no xeonllo.
Os visitantes tamén tardaron pouco en adiantarse. Manufre anotou o primeiro tanto no minuto 15 e, no 42, antes do tempo de lecer, Luismi puxo o segundo. Un resultado que, a pesar das ocasións de Tumbeiro e Bernardo, os locais non foron capaces de remontar nin de meterse no encontro.

Agulló volve aparecer
Un gol de Pablo Agulló deulle a vitoria ao Silva ante o Barco. Foron os brancos os que se puxeron por diante no marcador despois dun gol en propia meta e Agulló puxo a puntilla para acabar de coser os tres puntos.
Aínda que os do Barco conseguiron reducir a distancia pouco despois de volver do descanso, non foron quen de superar aos locais e o partido rematou 1-2.
Non están comezando moi ben os da Estrada esta temporada, mentres que o Arteixo está deixando boas sensacións tras empatar contra o Villalbés e agora tamén contra o Estradense. Este partido decidiuse no segundo tempo. Álex Ramos anotou o primeiro no minuto 46 e Edu Taboada puxo o empate no 59, pero ningún dos dous equipos conseguiu inclinar a balanza.
O Racing Villalbés superou ao Montañeros despois de dominar o marcador. No minuto 11 xa se puxeron por diante cun tanto de Adrián Castro e Javi Muiño puxo o segundo no 19. Castro volveu aparecer antes de ir ao descanso para poñer o terceiro.
Os coruñeses metéronse no encontro no 55 para poñer o 1-3. A mala sorte fixo que os lucenses encaixasen un gol en propia meta, pero o tempo rematou co 2-3 no marcador.



















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































