Botástelos de menos? Pois estades de sorte, porque xa non tedes que agardar máis! Afeccionados ao fútbol rexional galego, volveu a Primeira Futgal e con ela volveron os goles e a emoción! Transcorrido o primeiro asalto, é hora de debullar o que deixou a xornada, con especial atención ás exhibicións dos Diferenciais. Xa sabedes, eses futbolistas capaces de poñer en pé a toda a bancada e marabillala co seu xogo.
Precipitacións en forma de gol
A pesar da calor, no grupo 1 houbo unha chuvia de goles ben repartida polas Rías Altas.
Ao San Sadurniño non lle custou adaptarse ao ritmo da categoría e venceu ao Orillamar por dous goles a tres. Aínda que os coruñeses foron os primeiros en golpear, o conxunto dirixido por Nesy Otero soubo repoñerse e igualou o encontro por mediación de Josiño. Os locais volveron tomar a iniciativa, pero aí apareceu de novo Josiño para asinar o segundo tanto na súa conta particular. Co empate, o San Sadurniño deu un paso adiante culminando a remonta co 2-3 definitivo.
Tamén sorrin os xogadores do Perlío, logo de golear ao Cultural Maniños por un claro e contundente 0 a 5. En apenas un cuarto de hora, os dos Pinares tomaron a vantaxe e non contentos con iso, volveron ampliar diferenzas cun tanto de Óscar San Emeterio. O mediapunta tardou tres minutos en ver porta novamente, poñendo terra de por medio co seu dobrete. Tombado sobre a lona, o Maniños intentou resistir un furacán azul e amarelo que non parou ata conseguir a ‘manciña’.
Pola contra, o Eume Deportivo sufriu un chisco máis para acadar os tres puntos fronte ao Numancia de Ares (3-2). O combinado de Pontedeume saíu enchufado ao terreo de xogo, adiantándose aos dez minutos. Pero o seu rival non llo ía poñer nada doado e deulle a volta á tortilla antes de chegar ao tempo de lecer. Así e todo, os homes de Jaime Sánchez souberon encaixar os golpes e, xa na prolongación, conseguiron levarse os tres puntos cunha diana de Álvaro Freire.

Queren dominar
Non hai mellor carta de presentación que unha vitoria inicial. E se pode ser como no caso destes equipos do grupo 2, aínda mellor.

Por exemplo, o Vizoño deixou na cuneta ao Racing San Lorenzo (5-1) despois de remontar o tanto inicial dos picheleiros, aos dez minutos de encontro. Consciente da necesidade dun cambio, Yonathan Calvo deu entrada a Licky e o atacante senegalés respondeu como mellor sabe facer: mandando o balón ao fondo da rede. No Pinar corearon o seu nome ata catro veces, unha por cada diana anotada polo seu killer que xa se sitúa como máximo goleador da competición.
Chegan boas noticias ao Juan Amado, onde o Praíña derrotou ao Castriz por tres goles a cero. Tras uns primeiros compases igualados e con alternativas para ambos bandos, David Calvo desfixo a igualdade no electrónico. A cousa non quedou aí e, á volta dos vestiarios, cargou de novo contra a portería vermella. O resultado? Un estupendo dobrete para encarrilar o partido e acabar coas esperanzas visitantes. Xa no final, os de Pontevea transformaron unha pena máxima para poñerlle o peche ao enfrontamento.
E no Municipal da Laracha celebraron por todo o alto a vitoria por 5 a 0 do Club do Mar ante o Luaña. Non pasaran nin vinte minutos cando a escuadra de Caión fixo o primeiro da tarde, ao que seguiron outros dous goles antes de irse á caseta. No banco visitante intentaron cambiar o guión con trocos, pero foille imposible porque a aparición de Baldomir resultou crucial para o triunfo branco. O dianteiro selou o +3 dos seus cun dobrete, concedéndolles o liderado do grupo 2 nesta primeira xornada.

Toca convencer
Se un ano non se logran os obxectivos, o mellor é comezar a tempada seguinte con bo pé e esquecerse das malas sensacións do pasado.
Foi así como o Outeiro de Rei se fixo co seu primeiro triunfo da temporada ao gañarlle ao Folgueiro por 0 a 3. Tras unha primeira metade gris e sen moitas ocasións, Kevin Pierre puxo por diante aos de Fernando Corredoira. Unha vez destaparon o caleiro, os chairegos comezaron a chegar con maior perigo e incrementaron a súa renda dúas veces máis. A última levou, novamente, o selo dun Kevin Pierre que chegou a Outeiro disposto a conveterse no seu goleador. Por agora, xa leva dúas anotacións.
Taboada e Chantada Atlético protagonizaron un enfrontamento de idas e vidas resolto finalmente en favor dos branquiazuis (2-3). As cousas non puideron comezar peor para os locais, pois encaixaron dous tantos rivais en apenas media hora. Antes do descanso, Cañón foi expulsado por dobre cartón amarelo e os da Medela souberon aproveitar a superioridade numérica para iniciar a remontada. Unha vez lograron o empate, Guerreiro converteu dúas penas máximas para deixar os tres puntos en Taboada.
Iso si, para goleada a vivida no Ladairo onde o Guntín se impuxo ao Santaballés por cinco goles a cero. A pesar dun resultado tan avultado, o choque estivo igualado durante un bo tempo ata que, ao bordo do tempo de lecer, os laranxas conseguiron facer o primeiro da tarde. O tanto deixou tocado aos chairegos e estes viñéronse abaixo. Germán Campos deu entrada a novos futbolistas e estes responderon á confianza do seu preparador, especialmente un Goás que asinou o seu primeiro gol como novo xogador do Guntín.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.












































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































