Roberto Besteiro Doval é o primeiro capitán da SD Residencia, equipo lucense que milita no grupo 3 da Primeira Futgal. Actualmente o equipo branquiazul atópase na segunda posición na táboa clasificatoria. Nada mellor que falar cun xogador que leva máis de dez anos no club para coñecer a actualidade do primeiro equipo dos da Cheda, un dos serios candidatos ao ascenso a Preferente Futgal.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): Tras iniciar a tempada cunha derrota a domicilio ante o Chantada Atlético, levades unha xeira de oito partidos consecutivos sen perder. A que cres que é debido este gran momento do equipo?
Rober Besteiro (en adiante RB): Penso que estamos a ter unha moi boa intensidade nos adestramentos, o que nos está axudando a resolver moitos partidos nas segundas partes. Tamén a igualdade que hai no cadro de xogadores permite aumentar a competitividade durante a semana.
Esperamos poder continuar nesta liña se as lesións nolo permiten, que foi o que nos penalizou bastante a tempada pasada.
FIG: O venres conseguistes unha gran vitoria ante un rival directo como é a SD Chantada. Como transcurriu o partido que vos asenta na segunda plaza sen perder de vista un liderado que queda a 3 puntos?
RB: Foi un partido duro contra un gran rival que fai as cousas moi ben. Tivemos un ritmo alto de xogo e durante gran parte do partido moi boa seguridade defensiva. A verdade é que tivemos varias oportunidades para que o resultado fose máis amplo, pero o importante ante este tipo de rivais é sumar os puntos e que ninguén leve nada da Cheda.
De todas formas as tempadas son moi longas. A chave vai estar na capacidade que teñamos como grupo de superar canto antes os malos momentos que veñan, que seguro chegarán.
FIG: Cal é o obxectivo da Residencia para esta campaña?
RB: É claro. Chegar ao último tramo da tempada entre os 4-5 equipos de cabeza. A partir de aí, temos que loitar cada xornada por estar o máis preto posible dos postos de ascenso ou promoción. Sabemos que será moi difícil. Hai equipos con xogadores moi bos nesta categoría, saídas a campos moi complicados, equipos moi traballados e, ao final, unha soa praza de ascenso directo.
A nivel de clube penso que debemos continuar apostando aínda máis pola xente da base ou con pasado na base da Residencia. Este curso o habitual é que haxa 5-7 xogadores no 11 inicial de cada domingo formados nas nosas categorías inferiores.
O obxectivo de clube debe ser ese. Está claro que cada vez costa máis ter os equipos da base en ligas superiores, e iso dificulta a integración dos rapaces no primeiro equipo, mais esa debe ser a esencia da Resi. Se pode ser na Preferente, perfecto, e senón na Primeira Futgal.
FIG: Cal é o obxectivo de Rober a nivel individual para esta tempada?
RB: Como sempre digo o importante é non mancarse. Por iso individualmente busco conseguir regularidade durante todo ano. Levo un par de tempadas que non consigo completar por mor das lesións.
A partir de aí quero aportar o máximo posible ao grupo, ben sexa dende o 11 inicial ou como nos últimos partidos, dende o banco. Eu sempre quero xogar o 100% dos minutos, pero son consciente que a nivel físico aínda me falta moito para ter un bo ritmo, por iso teño que apretar máis en cada entreno para poñerllo difícil ao adestrador.
FIG: Tras tantos anos na Residencia, que significa o club para ti?
RB: Unha segunda familia. Sempre se achacan os éxitos á unión dos grupos, pero logo ves como ao ano seguinte ou aos dous anos xa se renovou por completo o cadro de xogadores. No noso caso, imaxino que ao non ter a presión dos resultados como poden ter outros clubes, permítenos que este grupo, coas súas renovacións, leve unido máis de 10 anos con ascensos e con descensos. Ao final isto foi o que nos permitiu estar tantos anos na Preferente competindo con clubs que poñen moito diñeiro riba da mesa.