O Samaín tamén se fixo sentir nos campos de fútbol do país, onde se puido desfrutar de exhibicións arrepiantes por parte dos diferentes conxuntos! Porque o terror e a pelota tamén van da man. Non tremen os grandes dianteiros cando se enfrontan a un porteiro coñecido por deter lanzamentos de penaltis? E isto tamén pasa ao revés, pois hai gardarredes que senten un calafrío cando ven a certos xogadores dirixirse cara a súa portería. Capaces de xerar medo cando un pronuncia o seu nome, en FutbolinGalicia repasamos as actuacións máis destacadas dos Diferenciais da Primeira Futgal!
Monstros como Xerión
No grupo 1 hai varios aspirantes a facerse co título. Auténticos xigantes á altura do que atemorizaba as terras herculinas e os seus arredores.
Custou, pero o Sada rachou por fin coa súa mala xeira ao derrotar por dous goles a catro ao Numancia de Ares. Os pupilos de Vega saíron enchufados ao partido e conseguiron tomar a iniciativa nos primeiros compases de xogo. Unha alegría efémera, xa que o seu rival reduciu a fenda, igualando o encontro na segunda metade. Lonxe de tirar a toalla, os coruñeses souberon refacerse e tomaron a iniciativa cunha pena máxima. Nun abrir e pechar de ollos chegou a sentenza, obra de Álvaro Vicos.

Máis axustado estivo o Cultural Maniños – Relámpago, resolto cun 2-3 favorable aos intereses dos de Elviña. Logo dunha primeira metade igualada e con alternancias para ambos bandos, Ayuba desequilibrou a balanza a prol do combinado amarelo e negro. A cousa non quedou aí e o mediocampista nixeriano volveu ver porta encarrilando o partido para os seus. Con estas xa leva tres dianas, erixíndose como un dos xogadores máis destacados da entidade coruñesa.
A ‘Catedral’ acolleu un dos partidos máis vibrantes da xornada, onde os asistentes tiveron a oportunidade de ver como o Imperator remontaba un 0 a 2 adverso para finalmente gañarlle ao Meirás (4-3). E iso que a reacción da escuadra da Sagrada Familia chegou ben tarde, cando xa pasara unha hora. A remonta foi posible grazas ao bo labor de Reimúndez, quen asinou un dobrete para darlle a volta á tortilla e asegurar os tres puntos para o Imperator.
Coller aire
Poucos grupos se atopan tan igualados como o 2. Un día podes estar a piques de chegar ao play off e noutro, desexar os tres puntos para coller un pouco de aire e salvarse da queima do descenso…

No duelo de necesitados entre o Xallas e o Racing San Lorenzo, os picheleiros superaron por 1 a 2 ao seu rival. Thierno encargouse de abrir a lata para os homes de Pablo Otero, cuxo inicio lles permitiu adiantarse no electrónico. Unha vez por diante, comezaron a controlar o esférico e gozar dun maior número de oportunidades, ata que Thierno lle puxo o peche ao partido co seu segundo gol da tarde. Chegado desde o Esclavitud, o atacante non tardou en amosar as súas habilidades de cara á porta.
Se o Racing se fixo cos tres puntos, o San Lorenzo non foi menos e obtivo o triunfo ao bater ao Castriz (3-0). Os de Verdillo saltaron ao campo co coitelo entre os dentes, adiantándose nos primeiros compases do xogo. Pouco despois aumentaron a súa contía e deixaron ao seu rival tocado e practicamente fundido. Tombado sobre a lona, o cadro de Santa Comba encaixou como puido a estocada final, propiciada polas botas de Javi Pérez. Trátase da sétima diana para o atacante, home gol dos seus.

O Cacheiras consegue ampliar a súa boa xeira e parece que xa ve a luz ao final do túnel. Impuxéronse ao Tordoia por un gol a catro nun partido onde foron os primeiros en golpear por mediación de David Salgueiro. A vantaxe impulsou aos da Cañoteira e estes lograron outros dous tantos para poñer terra de por medio. Pouco a pouco foron baixando a intensidade ata certificar o seu triunfo co 1-4 final, asinado novamente por un David Salgueiro espectacular.

Sen marxe de erro
Gañar en encaixar non é doado mais, hai quen o diu feito nesta fin de semana polas terras amuralladas do grupo 3.
A goleada da xornada firmouna o Brollón, pois endosoulle un claro e contundente ‘set’ ao Oural. Aínda non rematara de asubiar o colexiado e Sergio xa firmara unha dupla de anotacións en apenas cinco minutos. Que inicio de tempada do killer quirogués! A estas alturas de campionato leva xa seis goles, liderando a ofensiva dos Medos con actuacións como esta. Os seus golpes animaron ao resto dos seus compañeiros, que se envorcaron con todo en ataque ata chegar ao 6 a 0 final.
No Cire de Melide xa miran cara aos play off. Os homes de Luigi non tiveron problema en asaltar a Medela e roubarlle os tres puntos ao Taboada (0-2). Iso si, non foi nada doado. Ningún dos dous equipos quixo renunciar a vitoria, o que explica a igualdade inicial. Sen goles nos primeiros corenta e cinco minutos, o partido entrou na segunda parte coa mesma dinámica. Foi entón cando o Cire subiu as súas prestacións, declinando a balanza ao seu favor con dous goles, un deles de Álvaro Varela. Quen tivo, retivo…
Un mes máis tarde, o Santaballés volve á boa senda ao vencer á Milagrosa por tres goles a cero. Parello á par que trabado, o duelo pasou sen pena nin gloria ata os últimos minutos. Como se dun súper heroe se tratase, Palomo saíu ao rescate dos chairegos e concedeulles os tres puntos cun dobrete marca da casa. Dez anos despois, o extremo vilalbés continúa a demostrar que segue a ser un xogador fundamental para os da Liga.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































