O CD Choco asinou un inicio de liga impecable no grupo 6 da Primeira Futgal. O conxunto redondelán é o único da categoría que conseguiu gañar os seis primeiros partidos e xa mira cara ao obxectivo de regresar á Preferente. Un comezo que invita ao optimismo, pero que no vestiario afrontan con cautela, conscientes de que a competición é longa e de que haberá momentos máis complicados.
Un dos protagonistas desta boa dinámica é o seu porteiro, Nucho Cameselle, que regresou aos terreos de xogo esta tempada tras un ano sen competir. Despois de pasar por equipos como o Cacereño, o Getafe B ou o Fuenlabrada, e de vivir diferentes etapas no fútbol galego, volveu defender a portería do Choco, á vez que mantén o seu labor no corpo técnico do Alondras. Agora, destaca a importancia de contar cun vestiario unido e lembra que, por riba de todo, o importante é «gozar do que fas».
Futbolingalicia: O Choco é o único equipo da Primeira Futgal que fixo pleno nas seis primeiras xornadas. Que valoración fas deste inicio de liga?

Nucho Cameselle: «A verdade é que non nos podemos queixar. As cousas están a saírnos bastante ben, pero isto é moi longo e non podemos durmirnos, porque, como en todas as competicións, chegarán as épocas de vacas fracas e hai que estar preparados, tanto mentalmente como a nivel clasificatorio».
FIG: Esta semana derrotastes o Rápido de Bouzas, outro histórico da categoría. Como foi o partido?
NC: «Para min, son dous clubs históricos da Terceira División. Que estean aí débese a malas xestións de directivas anteriores. Polo que me consta de primeira man, tanto o Rápido como o Choco están a facer un moi bo traballo, tanto coa base como cos primeiros equipos».

FIG: O obxectivo do club é regresar á Preferente. Como ves o equipo para conseguir este reto?
NC: «É moi cedo para falar diso, pero no club, desde o presidente ata o último integrante do cadro de xogadores, estamos a facer un moi bo traballo. Somos un grupo moi unido, incluído o corpo técnico, que é novo, ambicioso e ten ganas de medrar».
FIG: Cales cres que poden ser as claves para loitar polo ascenso?

NC: «Para min, ter un bo grupo dáche un plus. Por moi bos xogadores que teñas, se non formas un grupo unido, é complicado que haxa química. Creo que temos todo nas nosas mans para poder pelexar pola parte alta da clasificación. Despois, hai mil factores que poden condicionar un ascenso, pero penso que estamos a poñer todo da nosa parte para devolver o Choco á Preferente».

FIG: Como ves o partido deste domingo ante o Erizana?
NC: «Creo que será un encontro que, como todos, pero especialmente os que xogamos fóra da casa, sabemos que vai ser moi competido. Calquera equipo che pode complicar as cousas. Sabemos que vén de perder na Guarda, pero debemos centrarnos en nós mesmos e no noso xogo».
FIG: No apartado persoal, regresaches aos campos este ano tras unha tempada sen xogar. Que te levou a volver e como te estás atopando?
NC: «A verdade é que me estou atopando bastante cómodo. Axuda moito a relación que teño con Dani, o noso adestrador de porteiros, con Nacho, o meu compañeiro, e cos dous xuvenís que adoitan adestrar connosco, Jairo e Lucas. Hai moi bo ambiente e iso agradécese. O regreso produciuse, en parte, polo interese que percibín por parte do club en ficharme. Finalmente, decidín probar porque as reunións que mantiven con eles me transmitiron boas sensacións».
FIG: Combinas o teu papel no Choco cun posto no corpo técnico do Alondras. Como es capaz de compatibilizalos e que diferenzas hai entre os dous roles?
NC: «O ano pasado viaxaba co Alondras a todos os desprazamentos e este ano só podo acompañalo cando os partidos non coinciden cos do Choco. O Alondras adestra ás catro e o Choco ás nove, polo que os horarios dos adestramentos non se solapan. A maior diferenza está na planificación dos adestramentos, xa que no Alondras hai moito máis traballo detrás do que parece, tanto na preparación das sesións como na análise do rival. Ademais, en Cangas tamén axuda a relación que temos Brais, Pedro, Ares e mais eu. Eles adestran coma animais todos os días e dá gusto ir traballar con eles».
FIG: Na túa carreira pasaches por numerosos equipos, especialmente de Galicia, pero tamén de fóra. Como recordas aqueles primeiros anos en clubs como o Cacereño, o Getafe B ou o Fuenlabrada?
NC: «A verdade é que os recordo con moito cariño. Son etapas que forman parte da miña carreira, nas que gocei moito, e recomendaríalles a todos os rapaces que teñan a oportunidade de vivir unha experiencia así que o fagan, pero sen deixar de lado os estudos».
FIG: De todas as túas etapas en Galicia, con cal quedarías e por que?
NC: «Creo que teño que quedar coa miña etapa no Alondras como xogador, cando conseguimos clasificarnos para o play-off dous anos seguidos, e coas dúas tempadas no Céltiga. A pesar de non conseguir o ascenso, foron dous anos nos que estiven moi cómodo con toda a xente do club e cos compañeiros.».
FIG: Que fuches aprendendo co paso dos anos, tras tanto tempo defendendo porterías?
NC: «Creo que a mellor aprendizaxe que levo é gozar do que fas. No momento en que deixas de gozar ou non estás cómodo, o teu rendemento pode baixar inconscientemente».
Fotografía: @bymariamarzo



















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































