Soutomaior e Arcade, dous rivais separados por 1 quilómetro
O Concello de Soutomaior, na provincia de Pontevedra, aglutina dous equipos no Grupo 5 da Primeira Futgal. Trátase por unha banda do club homónimo do concello, o CD Soutomaior, e o CD Arcade, da parroquia de Santiago de Arcade. Ambos conxuntos coinciden este curso na categoría, que se prevé moi igualada e disputada.
O CD Soutomaior vén de acadar un histórico ascenso o pasado curso. Logo de 34 xornadas, o cadro dirixido por Jaime Calvar conseguiu un segundo posto que lles deu o ascenso directo á Primeira Futgal. Pola súa banda, o CD Arcade afronta a súa sexta campaña consecutiva na categoría, consolidado xa como unha entidade de referencia na contorna.
O Arcade leva 6 anos na categoría, mentres que o Soutomaior é un recén ascendido
Deste xeito, a ría de Vigo é testemuña dunha sana rivalidade que se fará máis real aínda ao longo desta temporada 2024/2025, pois as afeccións vivirán dous derbis que prometen un ambientazo nunha localidade volcada co deporte. Sobre o papel, o Arcade parte como un dos favoritos no seu grupo: de feito, os de Serafín Pérez obtiveron os primeiros tres puntos da temporada diante do Taragoña no primeiro choque do curso. Pola súa banda, o recén ascendido Soutomaior procurará un ano tranquilo e manter a categoría sen apuros.
Tan só o paso das xornadas determinará as metas reais de ambos conxuntos. Porén, a única certeza é que no concello de Soutomaior está a fraguarse unha fermosa e divertida historia de rivalidade e deportividade. O Salgueirón será anfitrión xusto antes do Nadal: o primeiro derbi terá lugar o 22 de decembro no feudo do Arcade, mentres que o Graciano Padín —fogar do Soutomaior— será quen albergue a 33ª xornada da liga, que enfrontará a ambos clubes con moitas cousas en xogo. As portas do pobo estarán abertas e todos poderemos asistir a este espectáculo futbolístico e veciñal.