O partido de ida das semifinais da Supercopa Galicia deixouno todo aberto para o encontro de volta. O San Tirso venceu 1-0 ao Verín no Monte e o Cultural Areas impúxose no desconto (0-1) ao Atlético Escairón. Polo tanto, as vantaxes son mínimas e todo pode ocorrer o vindeiro domingo, cando no José Arjiz e na Lomba se coñezan os finalistas da segunda edición deste trofeo.
Como xa avanzaban hai semanas os adestradores en FutbolinGalicia, os catro equipos tomaron os partidos moi en serio. O premio é disputar a fase previa da Copa do Rei, un obxectivo que ilusiona tanto a cadros de xogadores como corpos técnicos e directivas.
O San Tirso venceu pola mínima
Nun campo (O Monte) no que, por dimensións e superficie, o Verín non se sentiu cómodo, aproveitou o San Tirso para acadar vantaxe, aínda que a mínima, nun partido igualado. O gol de Xián dende os once metros aos 21 minutos de xogo decantou o partido de ida.
Ledicia no San Tirso, pero tamén cautela e expectación co que poida deparar a visita ao Verín o domingo. Pola súa banda, Miguel Sotelo, adestrador do conxunto ourensán, considera que «ao ser unha eliminatoria de dous partidos, o resultado é positivo, porque penso que podemos remontalo no Arjiz polo estilo de xogo que temos adestrado, que aquí non era posible poñer en práctica«.
O Cultural Areas defenderá vantaxe na Lomba
No Municipal do Saviñao foi xusta a vitoria dos visitantes, aínda que moi dolorosa para o Atlético Escairón. Os de Moure viron como, tras aguantar 94 minutos con 0-0, o Cultural Areas forzaba un penalti no tempo engadido. Detivo o lanzamento Parapar, un dos destacados, pero Víctor aproveitou o rexeite para poñer o único gol do partido.
O técnico do equipo de Ponteareas, o exfutbolista profesional Yago Yao, asegurou tras o partido que «a experiencia dime que se saes a especular, complícase moito o partido. A nosa idea é saír a gañar e facer un bo partido, serio e con bo xogo«. O Atlético Escairón, que mellorou moito en defensa con respecto ao inicio da pretempada, agarda dar a sorpresa a domicilio.
A segunda Supercopa Galicia
Estes catro equipos buscarán facerse co título da Supercopa Galicia e suceder así no trono ao Portonovo. O conxunto arlequinado venceu a primeira edición deste trofeo, cuxa final se disputara no estadio vigués Abanca Balaídos. Un gol de Dani Abalo no tramo final rompera a igualada (o encontro ante o Sofán ía 2-2) e mandara a Supercopa cara a Portonovo.
Con todo, a edición de 2024 presenta unha importante novidade. Segundo xa se anunciara, o campión desta segunda Supercopa será o equipo galego que participe na fase previa da Copa do Rei. Aí xogará contra un equipo de ámbito autonómico doutra federación territorial, segundo a RFGF.
No caso de superar esta eliminatoria a partido único, entrará a todos os efectos na primeira rolda da Copa do Rei. Entón, recibirá no seu campo a un equipo de Primeira División que non estea inmerso en competición europeas. Un deses premios que salvan tempadas completas.