A xornada 6 estivo marcada polo luns festivo, no que aínda quedou algún partido por disputar. Unha fin de semana de goles, remontadas e emoción ata o último suspiro, con varios protagonistas que marcaron a diferenza nos seus equipos. O Cedeira continúa firme no liderado, mentres os grupos 2 e 3 deixaron cambios na clasificación e unha boa dose de espectáculo. Repasamos Os Diferenciais.
O líder segue intratable
O Cedeira mantén a súa racha e continúa como líder en solitario tras golear 4-0 ao San Sadurniño. Dous tantos de David Yáñez abriron o marcador e encamiñaron o triunfo, ao que tamén se sumou Florin, entrevistado na previa en FutbolinGalicia.
No duelo directo pola zona de play-off, o Olímpico impúxose ao Marte (2-0). Álex Pérez adiantou os seus na primeira metade e, tras resistir coa vantaxe mínima durante boa parte do encontro, os locais sentenciaron a pouco do final. Agora son terceiro e cuarto, respectivamente.

Tamén brillou o Imperator, que escalou catro posicións tras vencer 2-5 a domicilio ao Almeiras. Álvaro Gómez foi o gran protagonista cun hat-trick que liderou a goleada visitante.
Emoción ata o final
O Racing San Lorenzo deu un paso adiante ao derrotar o Bastavales, un dos equipos que chegaba nunha mellor dinámica. En Santa Isabel, os locais, que necesitaban puntuar como o comer, adiantáronse a falta de vinte minutos, encaixaron o empate e acabaron levando os tres puntos cun gol de Jorge no 87.
Sobre a bucina tamén salvou os mobles o Queixas. Tras adiantarse no marcador, viu como o Luaña lle daba a volta ao partido, pero Pedro Viña apareceu no tempo engadido para asinar o 3-3 definitivo e rescatar un punto para os de A Revolta, que seguen líderes.

O Praíña, pola súa banda, aproveitou a ocasión para recortar distancias. O equipo de Pontevea esqueceu a derrota da pasada xornada cun contundente 0-3 ante o Club do Mar de Caión. Soto abriu a conta no minuto 37.
Festival de goles
Foi unha xornada tola no grupo 3, con cinco ou máis goles na metade dos encontros. A maior goleada chegou na Cheda, onde a Residencia prolongou a festa do San Froilán sobre o verde cun espectacular 7-0 ao Oural. Mauro asinou os dous primeiros e os dous últimos tantos da Resi.
O liderado do grupo pasa ao Racing Villalbés B, que goleou 0-5 ao Lourenzá. Gabri anotou dous dos tantos do equipo dirixido por Iván Lamas.

Pola súa banda, o Brollón impúxose con claridade ao Folgueiro (5-0). Os visitantes tiveron dúas boas ocasións na fase inicial, pero despois o Brollón controlou o encontro e dominou. Pacho, cun dobrete, contribuíu a unha vitoria convincente nun duelo entre dous equipos que buscaban mellorar o seu comezo de competición.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































