# Hashtag

Íker Gómez, Cented Academy: «Ao rematar o partido, as sensacións eran parecidas ás dunha derrota»

Tras conseguir un gran ascenso desde Primeira Galicia a tempada pasada, o Cented Academy quere seguir dando pasos axigantados no seu crecemento e ofrecer a súa mellor versión na Preferente Sur. O equipo ourensán está a realizar un notable comezo de competición e actualmente ocupan a oitava praza da táboa, sendo o quinto equipo máis goleador da categoría.

Unha das chaves para esta facilidade de cara ao gol está sendo Íker Gómez, un dianteiro de Ribadavia que xa acumula cinco goles en oito partidos, o último no Salvador Otero nun partido no que o conxunto dirixido por Marcos Álvarez quedou a escasos minutos de dar a badalada ante o Céltiga. 

O dianteiro de 21 anos anotou 47 goles nos seus dous primeiros anos como sénior, nas filas do Ribadavia Atlético, e incluso foi fichado polo Atlético Arnoia para participar na Terceira RFEF cando aínda era xuvenil. Íker Gomez atende hoxe a Futbolingalicia para falar sobre a súa situación actual no mundo do fútbol.



Futbolingalicia: Esta fin de semana puxéstesvos 0-3 nun campo tan difícil como o Salvador Otero pero acabastes empatando a 3-3 cun gol do Céltiga nos últimos minutos. Que sensacións vos quedan despois do partido?

Íker Gómez: «Despois de terminar o partido, as sensacións eran parecidas ás dunha derrota. Foi un partido no que te pos 0-3, métenche un gol na xogada seguinte, e aínda así segues creando oportunidades para aumentar a diferenza. Ao final empátanche no último minuto e soa inxusto a verdade. Agora, pensándoo en frío, téntaslle sacar o lado positivo a que sacaches un bo resultado ante un equipo moi difícil e no seu campo. O Céltiga vai estar na zona de arriba seguro e creo que moi poucos equipos van lograr un punto alí».

FIG: Acumulades cinco partidos sen gañar pero seguides a tres puntos dos postos de fase de ascenso. Que valoración fas deste inicio de tempada?



ÍG: «Aínda quedan moitos partidos por diante e penso que o fútbol son xeiras. Agora estásenos atragoando a vitoria, pero o importante é que estamos a competir moi ben ante equipos que seguramente sexan favoritos. Para min, creo que estamos a ter un bo inicio de tempada, xa que calquera de nós asinariamos ter este arranque, sobre todo, porque estamos a sacar boas sensacións en todos os partidos».

FIG: ⁠Á mesma distancia tamén tedes os postos de descenso. Cal é o obxectivo do Cented Academy para esta campaña?

ÍG: «O principal obxectivo que nos marcamos é a salvación. Despois de asegurala, hai que pensar nunha posible fase de ascenso, que vai estar moi disputada ata a ultima xornada».



FIG: A nivel persoal sumas cinco goles en nove xornadas. Como te estás atopando na túa primeira tempada en Preferente?

ÍG: «Estou a notarme bastante ben, aínda que noto moita diferenza coa tempada pasada en Primeira Rexional. Pero esta primeira adaptación a esta nova liga está a ser con sensacións moi boas e iso tamén é grazas aos meus compañeiros».

FIG: Anotaches máis de 20 goles nas últimas dúas tempadas co Ribadavia Atlético. Que significaron para ti eses dous anos de gran nivel no equipo da túa vila?

ÍG: «Para min, os meus dous primeiros anos como sénior foron inigualables. Sei que fixen moi ben en quedarme desde o principio en Segunda Rexional e axudar a manter o equipo en Primeira. Axudáronme tanto a crecer futbolisticamente como no apartado persoal. Ao final, estar cos teus amigos da vila xogando, convivir con eles cada adestramento, cada partido, cada cea… foi algo que me vai a quedar marcado para sempre, sobre todo, polo bo ambiente e o benestar de chegar a cada adestramento e falar con todos. Non tiñamos unha mala palabra entre nós e remabamos todos a unha. No persoal, foron dous anos espléndidos. Nun conseguimos o ascenso e noutro mantivemos ao equipo na categoría e puiden ser o máximo goleador da mesma con 26 goles. Foron dous anos para a memoria».

FIG: Que opinas da situación que lle tocou vivir ao club este verán?



ÍG: «Vexo unha situación moi inxusta cara a dous clubs que non teñen os suficientes recursos como para permitirse o gasto de desprazamentos ou para xogadores que queiran facerche esas correspondentes saídas dunha hora en bus. É unha situación que prexudica a toda a vila, xa que manter un equipo en Primeira Rexional coa xente da vila e co apoio que tiñamos, era moi difícil. Ninguén viu todo o esforzo que houbo de cada unha das persoas que pertenceu no club neses tres anos. Foron moitas horas dedicadas a un deporte que calquera lle dedicaría menos e paréceme moi inxusto que por unha decisión absurda téñase que desfacer un club como o Ribadavia. Despois de tantos anos con este formato de ligas provinciais, foi unha mala decisión que agora se fagan por proximidade, e máis facendo marxinacións a só dous equipos de Ourense, porque está claro que nas votacións calquera equipo ía votar calquera menos a opción onde tivese que saír da provincia. A min é unha situación que me amola máis que a ninguén, porque desde fóra gustaríame ver ao Ribadavia no máis alto posible e ser un afeccionado máis do club. Estou moi seguro que para o ano van regresar en Terceira Rexional e confío en que o club volva estar onde se merece».

FIG: Debutaches fai tres tempadas en Terceira RFEF co Atlético Arnoia. Que lembras desa etapa?

ÍG: «Foi unha época na que aínda era xuvenil, achegábase o final de tempada e subíanme bastantes veces co sénior do Ribadavia. Foi unha chamada algo inesperada, xa que ninguén intuía que fosen necesitar xente para xogar. Pero foi unha oportunidade única, que a vivín desde dentro, e que tentei aproveitar ao máximo, especialmente, porque viña de xogar con xente de 18 anos e enfrontarme a xogadores de Terceira RFEF xa experimentados nesa categoría supoñía ter que esforzarme moito máis. Lembro moitos nervios pero desde o bonito de poder debutar nesa categoría con esa idade».

FIG: ⁠Que che levou a asinar este verán polo Cented Academy?

ÍG: «Pois o primeiro foi subir unha categoría, afrontar novos retos e saír da miña zona de confort, que era Ribadavia. Penso que coa miña idade necesitas experimentar novas experiencias. Outros factores foron o grupo que había, a calidade dos adestramentos e os ideais do club».

FIG: ⁠Tes algún obxectivo individual para esta tempada?

ÍG: «No persoal, púxenme un reto de tentar chegar aos 10 ou 15 goles. Pero o obxectivo primordial é mellorar futbolisticamente. Os goles xa chegarán».

FIG: Só tes 21 anos e quédache unha longa carreira por diante. Onde crees que está o teu teito no mundo do fútbol?

ÍG: «Pois o fútbol creo que dá moitas voltas e creo que depende moito da sorte e do sacrificio que teñas cara a onde queiras chegar. Persoalmente son unha persoa que loita polo que quere e tentarei chegar o máis lonxe posible».

FIG: ⁠⁠Que esperas do partido desta fin de semana fronte o Verín?

ÍG: «Vexo un partido moi disputado. Nós queremos pelexar por esa vitoria que necesitamos para dar ese empuxón a esta mala xeira que tivemos e eles, para saír da zona de descenso. Ao ser un derbi e coñecernos case todos, vai ser un partido disputado que se decidirá en pequenos detalles. Temos que aproveitarnos de xogar en casa e sacar os nosos puntos fortes».

Íker Gómez, Cented Academy: «Ao rematar o partido, as sensacións eran parecidas ás dunha derrota»

O Puebla FC, único equipo galego das

Íker Gómez, Cented Academy: «Ao rematar o partido, as sensacións eran parecidas ás dunha derrota»

Andrea Mirón a nova sensación da Queens

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *