O Relámpago SD, que milita no grupo 1 da Primeira Futgal, encadea oito partidos consecutivos logrando a vitoria e ata nove xornadas, contando tamén o empate na data catorce ante o Sporting Meicende, sen coñecer a derrota.
A progresión do conxunto dirixido por Daniel Casal dende decembro é digna de destacar. En tres meses pasan de ocupar un dos postos de descenso a Segunda Futgal a estar a catro puntos do play-off de ascenso a Preferente Futgal.
As vítimas desta gran xeira de resultados son As Pontes, Numancia de Ares, Eume Deportivo, Ural Español, Olímpico, Cedeira, Oza Juvenil e o Perlío.
O Relámpago SD conta co máximo goleador do grupo 1 da Primeira Futgal
Dos trinta e seis goles anotados polo equipo do Víctor Fernández Alonso – Antigua Leyma, o pichichi do grupo 1 da Primeira Futgal Juan M. Tunas Álvarez anotou dezasete, rozando o 50% do total de tantos conseguidos polo Relámpago SD. Unha auténtica tolemia!
Relámpago SD – Cultural Maniños, quinto contra terceiro mañá domingo
Mañá domingo, nun interesante encontro correspondente á xornada 24, o Relámpago SD mídese ante o Cultural Maniños. O actual terceiro clasificado e por tanto último equipo con dereito a xogar a promoción polo ascenso a Preferente Futgal é unha gran proba para evaluar as aspiracións reais do Relámpago. Unha vitoria faría presentar candidatura definitiva dos pupilos de Daniel Casal a loitar polo salto de categoría ao final da tempada.
Cabe destacar a igualdade reinante na parte alta da clasificación deste grupo 1 da Primeira Futgal. Do primeiro, o Victoria, ao sexto, o Olímpico, unicamente hai dez puntos de diferenza. Hai que ter en conta que o actual líder conta cun partido máis tralo empate no seu encontro de hoxe. Avecíñase unha dura loita polos postos nobres de aquí a final de campaña. A continuación a actual situación clasificatoria:

1. Victoria: 45 puntos (un partido máis)
2. Orillamar: 43 ptos
3. Cultural Maniños: 42 ptos

4. Sporting Cambre: 41 ptos
5. Relámpago: 38 ptos
6. Olímpico: 35 ptos
Foto Portada: Instagram Relámpago SD
