O conxunto da Ribela durmirá líder, por segunda vez consecutiva, toda esta semana tras vencer por 3 a 1 no derbi lucense de Terceira RFEF ante o Viveiro. Os Alejandros dos sarrianos foron os autores dos goles do encontro; Boedo abriu a lata e Millán, cun dobrete, certificou o triunfo diante dos da Mariña lucense.
As oito vitorias que os pupilos de Jaime Paz levan ata o día de hoxe sirven para que a Sarriana sexa primeira tras completarse unha terceira parte das xornadas das que consta o grupo galego de Terceira RFEF. Gran Peña, Boiro e Alondras son os únicos equipos que bateron ao da Ribela nos once partidos disputados ata a tarde de onte.
Co asubío final do árbitro Miguel Ferrol puidemos falar con dous integrantes do cadro de xogadores sarriano. Brais Prieto, que gozou de media hora no segundo tempo, e Maxi Levrand compartiron con nós as súas impresións sobre un novo derbi lucense da Terceira RFEF.
Moita igualdade nos postos de promoción
O Estradense é o máis inmediato perseguidor da Sarriana na táboa clasificatoria. Afronta a semana con confianza tras vencer ao Polvorín, rival directo que acabou o domingo coma sexto clasificado, por 2 a 1 grazas a un tanto de penalti de Gamarra no minuto 89.
O cuarto triunfo seguido do Arosa permite aos da Lomba ser terceiros a tan só dous puntos do liderado. Tras un inicio complicado de tempada con tres derrotas nas primeiras tres xornadas, os de Míchel Alonso encadean oitos encontros sen coñecer a derrotar.
O empate da UD Ourense nun intenso envite ante o Somozas impide aos de Borja Domínguez continuar coma colíderes. Os do Couto baixan a cuarta praza, xusto por riba dun Villalbés que venceu por 1 a 2 na Grela ao Silva grazas aos tanto de Cañizares e Fito Periale.
A goleada do Arteixo ao Boiro non saca aos raposos do descenso a Preferente
O Atlético Arteixo endosou unha dura goleada ao Boiro. Tres tantos de Adri Otero en 20 minutos puxeron o partido de cara para os visitantes. De novo Adri, xa na segunda parte, aumentou a distancia. Dani Pedrosa fixo o 1-4 mais Alessandro Giraldi e Hugo García colocaron o definitivo 1 a 6 no luminoso de Barraña. Tras a contundente vitoria, o Arteixo sube unha posición mais non sae dun descenso que queda marcado nos seus 8 puntos. Cun máis queda un Boiro moi mermado tras a complicada tarde de onte.
Coa mesma puntuación que o mencionado Arteixo atópase o Betanzos, que non foi quen de sacar un resultado positivo da súa visita ao Municipal de Barreiro. O Gran Peña impúxose con claridade e unicamente o tanto de Alejandro José na prolongación maquillou o luminoso.
O Vilalonga é o colista unha nova xornada máis tras perder no seu feudo ante o Arosa por 0 a 2. Os de San Pedro unicamente levan unha vitoria, conseguida ante o Noia hai mes e medio.