# Hashtag

Os Diferenciais da Primeira Futgal na penúltima xornada antes do Nadal

A penúltima xornada antes do parón de Nadal volveu deparar grandes emocións nos seis grupos. Repasamos Diferenciais da Primeira Futgal da semana comezando polo grupo 5, que deparou unha fin de semana de ‘hattrick‘. Por unha banda, o do vilagarcián Iago Davila, que fixo tres goles na vitoria 4-0 do Ribadumia, que non foi quen de abrir a lata ata o minuto 75 ante o colista. O San Martín tivo que remontar un gol no primeiro minuto e Hugo Abalo encargouse diso con tres goles —dous deles case consecutivos— para volver á listaxe; suma xa 11 tantos en liga.

Sen deixar o grupo 5, cómpre destacar a vitoria do Marín ante un Arcade en bo momento de forma. Antón Vázquez puxo no treito final o 1-2 definitivo para o equipo de San Pedro. Xa no grupo 6, contudente vitoria 3-0 do Sporting Guardés ante o Alertanavia, con dobrete de Guilherme. O Chaín volveu sumar de tres ao impoñerse 4-1, con dous goles de Guerra, que sentenzou o partido. Sumou un valioso punto o Domaio, que conseguiu empatar no último suspiro ante o Castrelos con gol de Manufre.

Grupos 1 e 2 na penúltima antes do Nadal

Gabriel Blanco anotou o primeiro para o Olímpico na vitoria dos de Vilaboa ante unha Cultural Maniños que xa acumula tres derrotas seguidas no grupo 1. Así pois, hai novo líder, o Orillamar, que tivo que remontar ante o Galicia de Caranza para rematar gañando 1-3; Lois Vigo puxo o empate. Pola parte alta segue tamén o Sporting Meicende, que goleou 2-6 con ‘hattrick‘ de Jorge Domingo ‘Barral’. O Perlío superou o Cedeira e un tanto de Elías foi chave para remontar. Rachón fixo dous goles no triunfo do Relámpago ante o As Pontes e xa leva nove este curso.



No grupo 2, o Dumbría mantense en postos de promoción tras vencer á Esteirana 1-3 con dobrete de Diego Estévez, que suma 14 goles. Unha xornada máis, non falta á súa cita cos Diferenciais o pichichi do grupo, Isaac, que contribuíu con tres goles na vitoria do Fisterra sobre o Vizoño. Julián Nieto anotou un gobrete para o Bastavales, que superou ao Tordoia. Mentres, o Calo goleou 4-0 o Bertamiráns e Jony e Adrián García anotaron senllos dobretes.

Grupos de Ourense e Lugo

O Antela chegará ao parón de Nadal como líder do grupo 4 pase o que pase. Por baixo dos de Xinzo segue apertándose a situación grazas, por exemplo, ao empate conseguido polo Velle ante o segundo, o Celanova, cun gol de Benito. No Melias volveuno facer Nogueiras. Por segunda xornada consecutiva, o futbolista salvou un punto para os seus ao lograr empatar dende o punto de penalti nos últimos minutos. E na goleada do Allariz 6-1 sobresaíu Julen, autor de catro goles.

En Lugo, o Racing Villalbés ‘B’ foi quen de frear o líder Burela. Gabri Blanco anotou o gol da vitoria para os chairegos no tramo final e anotou, deste xeito, o duodécimo gol da campaña na súa conta particular. Tamén o Chantada Atlético conseguiu sumar tres puntos importantes, neste caso ante o Santaballés; un dos goles foi obra de Ovenza, máximo artilleiro dos de Sangoñedo. Finalmente, Gabriel Cantillo fixo un dobrete na vitoria 1-5 dun Monterroso que toma aire.



Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.



Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.

Os Diferenciais da Primeira Futgal na penúltima xornada antes do Nadal

Os xefes da Terceira

Os Diferenciais da Primeira Futgal na penúltima xornada antes do Nadal

A Preferente Sur afronta a última xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *