As competicións arrancan entre a incerteza e os primeiros goles
Fai unha semana comentabamos que a Segunda Galicia tivera que atrasar unha semana o seu inicio debido á demora da Federación na publicación dos grupos e calendarios. Agora a competición está a piques de comezar, pero a situación non remata aí.
Segundo as datas previstas inicialmente, quedan dez días para o inicio da Terceira Galicia e algo máis de dúas semanas para o das categorías de base. Con todo, a estas alturas, os calendarios destas competicións continúan sen estar publicados, deixando os clubs nunha situación de incerteza sobre cando e contra quen terán que comezar a temporada.
Unha situación que dificulta a planificación dos equipos e que chega cando a temporada está xa ás portas. Os clubs necesitan coñecer con antelación o seu calendario para poder organizar desprazamentos, adestramentos e a propia planificación das súas plantillas.
A demora na publicación dos calendarios volve poñer sobre a mesa a necesidade dunha maior previsión e organización por parte da Federación, especialmente cando son os clubs e as xogadoras os que acaban asumindo as consecuencias.
Menos visibilidade para o fútbol feminino
A falta de calendario non é a única cuestión que está a marcar o inicio da temporada. Na plataforma Tiivii.gal tampouco aparece, polo momento, rastro das retransmisións da Terceira RFEF nin da Primeira Galicia, competicións que a pasada temporada si contaron con partidos emitidos.
De confirmarse a ausencia das retransmisións, suporía un paso atrás na visibilidade dunha parte importante do fútbol feminino galego, especialmente nunha temporada na que varias competicións presentan novos formatos e equipos que dan os seus primeiros pasos en categorías superiores.

Primeiros pasos na Terceira RFEF
No medio desta situación, as competicións xa van collendo ritmo. As Celtas B e o Atlético Villalonga comezaron goleando ao Tomiño e ao Atlético San Pedro, respectivamente, ambos por 6-0. Non tiveron un bo estreo as do San Pedro, que ascenderon este ano tras gañar o playoff. Tocoulles un rival forte, un Villalonga que vén de competir nas últimas temporadas na Segunda Federación.
Tampouco puido gañar o Rosalía, que caeu por 2-0 ante o Orzán. Pola contra, o Victoria CF B, gañador da Primeira Galicia a pasada temporada, sacou un punto ante o Bergantiños tras empatar 2-2.
Tamén gañou o Friol, que se impuxo pola mínima, 1-0 ao Concello de Boiro, mentres que o Victoria FC venceu por 0-2 ao Lóstrego.

Moitos goles na Primeira Galicia
Houbo tamén varias goleadas nesta primeira xornada da Primeira Galicia. No grupo 1, no que se estreaba o Muxía, campión da Segunda Galicia a pasada temporada, as de Muxía impuxéronse por 1-6 ao Xallas, que afronta o seu segundo ano na categoría. Tamén comezou con forza o Tordoia, recentemente ascendido, que superou por 5-1 ao Sporting Cambre.
No resto dos encontros os resultados foron máis axustados. O Victoria FC B sumou os tres puntos tras vencer por 1-3 ao Milagrosa, tamén recentemente ascendido, mentres que o Orzán impúxose por 1-2 ao Carral. Pola súa banda, o Bergantiños B, que finalmente conseguiu unha praza na Primeira Galicia, empatou 1-1 co Pastoriza.

No grupo 2, o Valladares, campión da Segunda Galicia no grupo 2 a pasada temporada, comezou a liga cunha goleada ao Calo. As viguesas venceron por 9-0. O mesmo número de goles se rexistrou no Ponte Caldelas-Antas, aínda que repartidos de maneira diferente: as lucenses levaron os tres puntos tras gañar por 3-6.
Porén, o partido con máis goles da xornada foi o Mos-Atlético Arousana, que rematou cun 4-6 favorable ás de Vilagarcía. Tamén conseguiron a vitoria o Touro, que superou por 3-2 ao Lóstrego B, e o Atlético Villalonga, que se impuxo por 2-1 ao Arenteiro.






















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































