En FutbolinGalicia non nos esquecemos de tódolos xogadores, técnicos ou siareiros que pasaron hai anos polas nosas categorías sénior. Eles tamén forman parte do noso fútbol. Sen a súa gran contribución non poderiamos gozar na actualidade dunha gran saúde en categorías tan especiais coma a Preferente Futgal ou a Primeira Futgal. «Os Vintage» é a súa sección. A de todos aqueles que aportaron un gran de area para que o fútbol galego sexa, sen dúbida, do mellorciño do fútbol estatal.
Neste segundo episodio falamos con Pablo Ferreiro Bermúdez, tamén coñecido no argot futbolístico como Minguilla. Formou parte do mítico Mesón do Bento que xogou en Terceira División na primeira década deste século. Agora, aos seus 44 anos, segue vencellado ao fútbol. Leva xogando no Queixas máis de dez anos e aí continúa a pesar de ter querido deixalo as tres últimas tempadas.
FutbolinGalicia (en adiante FIG): En que equipos xogaches en categoría sénior?
Pablo Ferreiro Bermúdez (en adiante PFB): «Xoguei no Órdenes dende as categorías inferiores ata os 25 anos. Deixeino cando estabamos en Primeira Futgal co primeiro equipo.»
«Fichei en Terceira Rexional polo Mesón do Bento e ascendemos varias veces ata chegar a Terceira División. Cando desapareceu, marchei para o Queixas. Levaba oito anos coa miña parella, que é de Cerceda e por este motivo coñeciamos a moitos xogadores do Queixas. Decidín vivir en Cerceda e xogar no Queixas cos amigos. Xa levo 15 anos no club.»
FIG: Levas moitos anos no Queixas. Que significa o club para ti?

PFB: «Levo tres tempadas intento deixar o fútbol mais os compañeiros pídenme por favor que non me vaia e aquí sigo, coa xente que me fai ben.»
«Considero que o Queixas é unha parte da miña vida que non me pode faltar.»
FIG: Formaches parte do mítico Mesón do Bento que xogou en Terceira División. Que momentos e recordos gardas desa época?

PFB: «No Mesón do Bento había moitos cartos, xa inclusive o ano de Terceira Rexional. Tódolos anos conseguimos ascender de categoría. Foi unha experiencia bonita.»
«En Primeira Futgal e en Preferente Futgal tivemos moi bos grupos, con xogadores moi bos que chegaron a xogar en Segunda División.»
«Adestrar todos os días e adicarte practicamente o 100% do tempo ao fútbol foi unha bonita experiencia.»
FIG: Ves algunha diferenza significativa entre as Preferentes e as Terceiras de hai 15 anos e as de agora?
PFB: «Creo que o nivel futbolístico baixou en tódalas categorías. Na Terceira RFEF na que competín eu estaban o Cerceda, o Racing de Ferrol, o Arosa, o Orense, o Pontevedra ou o Somozas. Foi das mellores Terceiras e tiven a sorte de formar parte dela.»

«Agora hai moitos máis deportes e o fútbol tómase coma unha actividade máis e xa non hai eses folgos e ambición por competir e gañar.»