# Hashtag

Pasiño a pasiño, os Diferenciais fan camiño (P. II)

Aínda queda moito por pelexar, pero xa hai equipos con intencións claras na Primeira Futgal. Para lograr os obxectivos débese pelexar por eles desde as primeiras xornadas de competición e así non deixar todo o traballo para a segunda volta. Trátase de ir facendo o camiño pouco a pouco e con axuda dos xogadores máis Diferenciais do plantel. Eses que son capaces de liderar proxectos, remontadas e, sobre todo, dar espectáculo aos seareiros máis incondicionais do fútbol galego.

Aquí rillan todos

Se te despistas no grupo 4, o máis probable é que che custe vencer a calquera dos seus participantes.

Moitas veces, a insistencia leva un premio e esta foi unha desas ocasións. E é que o Sporting Carballiño precisou tomar a iniciativa ata en tres ocasións para deixar na cuneta a un combativo Atlético Vilariño (2-3). Pese a abrir a lata por mediación de Isra, os branquiazuis non foron capaces de manter a vantaxe inicial. Aínda así, despois doutros golpes de ida e volta, o mediocentro carballiñés apareceu de novo para completar o seu dobrete e certificar os tres puntos do cadro dirixido por Aitor Neira.



Os afeccionados do Loñoá estiveron de sorte, pois o seu equipo endosoulle un claro 4-0 ao Lemos B. Nada máis comezar o encontro, os homes de Xoel Docampo fixeron o primeiro tanto da tarde, moi celebrado na Carabina. Iso si, o filial monfortino reaccionou e soubo conter as ofensivas vermellas ata a segunda metade. Foi entón cando o Loñoá se transformou nun auténtico furacán, varrendo por completo aos visitantes. Boa parte de culpa tivo Benyi, quen, ademais de ver porta, foi un verdadeiro pesadelo para a defensa rival.

Pero o partidazo da xornada foi, sen lugar a dúbidas, o Raio 21 – Nogueira de Ramuín, resolto cun empate a tres. Parecía unha tarde plácida nas Eiroas, e máis cando o conxunto azulón se foi á caseta dous goles por diante. Nada máis lonxe da realidade, porque os ‘afiadores’ devolvéronlles os golpes no reinicio. O Raio 21 volveu tomar a iniciativa a poucos minutos para o final, pero Ander Ribao tiña outros plans. Despois de anotar o 2-2, o atacante ourensán transformou unha pena máxima para estragarlle a primeira vitoria do curso aos capitalinos.

Asaltar fortíns

Gañarlle a un equipo rocoso na casa é dobremente meritorio, máis aínda cando vén de comezar o curso futbolístico.



Custoulle, pero o San Martín foi quen de sacar os tres puntos ao vencer por un gol a dous ao Caldas. Os de Vilaxoán contaron con boas oportunidades desde os primeiros compases de xogo e mesmo lograron adiantarse ao transformar unha pena máxima. Con todo, os arlequinados conseguiron reequilibrar a balanza cando o reloxo estaba a piques de chegar á media hora. Tras o descanso, Pedro Carregal deu entrada a Carlo e o dianteiro arousán tardou cinco minutos en poñer o 1-2, demostrando o seu bo facer cando entra como revulsivo.

Grajales (San Martín) supera a Íker (Caldas). FOTO: SAN MARTÍN CF

A pesar de realizar unha primeira parte un tanto gris, o Umia tirou de talento e non tivo problema para bater ao Flavia (1-3). Un gol dos xogadores adestrados por Camilo Perol fixo saltar as alarmas no cadro de Barrantes, que rapidamente se puxo o mono de traballo. Davor foi o autor da igualada e tamén do segundo tanto vermello, demostrando as súas habilidades en ataque malia xogar como defensa. Co terceiro tanto do Umia, os locais baixaron os brazos, incapaces de darlle a volta á situación.

Moito ollo coa estrea do Atlético Combarro na categoría! Os ‘piratas’ sumaron a súa primeira vitoria fronte ao Sport Team Estrada, ao que se impuxeron por 0 a 3. O inicio foi parello e contou con ocasións para ámbolos dous equipos. Ata que entrou en acción Lucky. Procedente do Villalonga, o pistoleiro de Friol quere demostrar do que é capaz nesta nova aventura futbolística. En apenas cinco minutos asinou un dobrete para poñer terra de por medio entre os seus e combinado estradense.



Son duros ao sur

No grupo 6, os equipos situados máis ao sur demostraron esta xornada o seu carácter competitivo.

Tomiño e Sporting Guardés non pasaron do empate a dous goles. Como é propio nos derbis, os primeiros minutos estiveron marcados polas imprecisións e a falta de acerto á hora de disparar. De feito todos os goles chegaron na segunda metade. A bancada local celebrou o primeiro da tarde aínda que, pouco despois, Aarón Álvarez conseguiu empatar o choque para os amarelos. Alentados polos seus afeccionados, os xogadores do Tomiño tomaron a iniciativa novamente. Pero os seus rivais non baixaron os brazos, estragándolle as festas do Alivio coa segunda diana de Aarón.

A fin de semana foille mellor aos seus veciños do Rosal, xa que o Ribera gañou por 3 a 1 o seu enfrontamento ante o Vilaboa. O combinado verde saíu cunha marcha máis e colleu distancia no marcador grazas a un dobrete de Pablo Rodríguez. Pouco a pouco, o ritmo do encontro foi baixando e os pupilos de Cristian Lomba caeron na relaxación. Así foi como chegou o 2-1 xusto antes do descanso. Mais, lonxe de desconectar, o tanto encaixado fixo reaccionar a un Ribera que puxo o punto e final nos último intres.

E tamén houbo un auténtico festival de goles na Pirucha, onde o Mos goleou ao Colegio Hogar (3-7). Tras un intercambio de golpes, Javi avantaxou á escuadra visitante, a cal marchou ao entretempo cun resultado de 1-3 favorable aos seus interesa. Os viguses non tiraron a toalla e reduciron a fenda, aínda que Javi tiña outros plans. Ao minuto, selou a súa dupla de anotacións, contribuíndo de maneira significativa ao triunfo final dos seus.

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.



Pasiño a pasiño, os Diferenciais fan camiño (P. II)

Pasiño a pasiño, os Diferenciais fan camiño

Pasiño a pasiño, os Diferenciais fan camiño (P. II)

Pasiño a pasiño, os Diferenciais fan camiño