Wellington Luís Farias da Silva, porteiro do Arcade, afronta esta tempada na Primeira Futgal coa ambición de contribuír a que o club viva a mellor campaña da súa historia. O gardameta, con experiencia en Portugal, España e Brasil e cunha etapa no filial da UD Almería, explica como chegou a Galicia, repasa as diferentes fases da súa carreira e asegura que afronta o día a día coa intención de dar o mellor de si mesmo, tanto dentro como fóra do fútbol.
FutbolinGalicia: Como ves esta tempada co Arcade e que obxectivo ten o equipo?
Wellington: A tempada do Arcade está marcada por un obxectivo ambicioso: intentar facer a mellor campaña da historia do club.
FIG: Como foi a túa chegada a Galicia e que te levou a vir xogar aquí?
W: A miña chegada a Galicia está marcada pola axuda dun amigo. Nun principio non viña para xogar, pero el axudoume cos seus contactos e os camiños leváronme ata o Arcade.
FIG: Hai un lustro fichaches polo filial do Almería. Como recordas aquela etapa?

W: Si, cheguei ao Almería en 2020 co filial e adestrei co primeiro equipo. Foi unha etapa moi boa na miña vida. Almería é unha cidade moi fermosa e un club fantástico, ao que lle teño un cariño moi grande por todo.
FIG: Pasaches por diferentes clubs ao longo da túa carreira, tanto en Portugal como en España. Que etapas ou momentos destacarías especialmente?
W: Creo que todas as etapas foron importantes, cada unha no seu momento, porque me forxaron como o atleta e a persoa que son. Todas as experiencias e culturas que vivín foron importantes para a miña formación.

FIG: Como te defines como porteiro?
W: Son un porteiro moi completo. Tiven a oportunidade de compartir vestiario con grandes porteiros e de pasar por bos adestradores que me ensinaron a sacar o mellor que teño. Creo que ter esas experiencias fixo que, co tempo, fose completando o que me faltaba para hoxe ter seguridade dentro dos paus e tamén fóra deles.
FIG: Como ves o nivel da liga este ano?
W: Para min é un pouco difícil opinar, pois non vexo fútbol.
FIG: Despois de todo o que viviches en Portugal, España e Brasil, que obxectivo tes de cara ao futuro?

W: O meu obxectivo é dar o mellor de min todos os días, sexa no fútbol ou fóra del. Eu creo nos plans de Deus e, se despois de todo o que pasei dentro e fóra do fútbol aínda sigo aquí, é por algo. E iso só o futuro o poderá dicir. Pero sigo dando o mellor de min e contribuíndo como podo.































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































