Co final de todas as competicións de carácter galego, fóra da fase de ascenso a Segunda RFEF que está a disputar o Gran Peña e que decidirá se Rápido de Bouzas ou Antela xogan en Preferente, o mercado comeza a axitarse antes de entrar no mes de xullo. Os bancos da maioría de equipos comezan a decidirse de maneira definitiva nun verán onde o Atlético Arnoia e o Cented Academy son os clubs máis activos.
Novas caras en tres bancos
Son varios os clubs que anunciaron aos seus adestradores para a próxima campaña nestas últimas dúas semanas. A gran sorpresa chegou en Redondela coa contratación de Félix Rial, futbolista cunha enorme carreira que colga as botas no Alondras para volver, esta vez de adestrador, ao Choco. O campión de Europa coa selección galega non é o único novo inquilino dun banco, xa que Javi Fernández deixa o Xuvenil de Ponteareas para asinar polo Atios.
Outro dos técnicos novos sentará en Baltar tras a fichaxe de José Luis Salgueiro polo Portonovo, procedente do Xil de Segunda Galicia. O substituto de David Eirín xa sabe que poderá contar con Nico Casalderrey, Lucas Aguín, Felipe, Varo, Pablito e Marcos Prado, renovados esta mesma semana polo conxunto sanxenxino. Por contra, Lucas García abandona a disciplina para recalar no Ribadumia.
Como xa avanzamos no primeiro capítulo desta sección, Hugo Sanmartín tomará as rendas do Umia na súa volta a Preferente. Xunto a Iago Barreiro, protagonista nun dos nosos artigos, o conxunto de Barrantes renovou a Joseph, Raúl Abal e ao capitán Guillán. Fernando Abal subirá desde o equipo xuvenil e o club anunciou as fichaxes de Fer Santaló, Nico Aguín e Alex Lima, do Ribadumia.
Aposta pola continuidade
Na outra cara da moeda atópanse o Céltiga, o Beluso, o Verín e o Cambados, que decidiron renovar aos seus corpos técnicos. No caso do cadro da Illa de Arousa, o vilanovés Luis Carro seguirá no Salvador Otero a pesar da decepción do curso pasado, onde non conseguiu o ascenso con todo a favor, e buscará, de novo, o regreso a Terceira RFEF. Rafa Villaverde e Fajardo tamén continuarán como tándem en Bueu tras conseguir o ascenso co Beluso.
O Verín é outro dos equipos que aposta pola continuidade e Miguel Sotelo seguirá no equipo campión da Copa Deputación de Ourense. Ao seu lado estará Iago Lantes e como director deportivo estrearase Jorge Salgado, cuxa historia contamos hai uns días neste medio. As primeiras renovacións do corpo técnico foron Luisito, que vivirá a súa cuarta tempada consecutiva no José Arjiz despois da súa volta ao club tras a pandemia, e Hugo Domínguez.
Un dos técnicos clásicos dos últimos anos na Preferente, Pénjamo, cumprirá a súa quinta campaña en Burgáns ás ordes do Cambados. O novo adestrador de 35 anos contará este novo curso con Fran, Gonzalo Fariña, Edi Valverde e Diego Iglesias, atacante que chega procedente do Ribadumia. O camiño inverso fíxoo Juan Rial, que abandona a estrutura, do mesmo xeito que o gardameta Eloy e David Quintela.
Capítulo aparte para Atlético Arnoia e Cented Academy
O Cented Academy é un dos equipos que máis se está movendo neste inicio de mercado. Tras o anuncio de Marcos Álvarez como adestrador do primeiro equipo, o club fixo oficial as chegadas de Adrián Presas, Iker Gómez, Manu Gómez, Marcova, Bustelo e Carlos Villar, que dan un salto de calidade a un equipo onde renovan Nico, Ariel, Gándara, Marcos Cid, Adrián e Gonzalo. Por outra banda, o conxunto ourensán deu de baixa a Jallow, Siño, Dacoba, Brais Pérez e Gustavo, ademais da retirada de Ivo.
Pero o rei do mercado está a ser o Atlético Arnoia. O cadro da Queixeira anunciou as renovacións de Kike, Borja, Civile e Artai, en contraposición ás baixas de Chery, Alfredo, Pol, Martín, Dani, Marcova e Torres. Con todo, o apartado destacado do club chegou no capítulo de altas coas chegadas de Mauro, Quintairos, Iker Baltar, Kevin, Tumbeiro, Brais Outeiriño e o veterano goleador, Hugo García.
Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 3 - FutbolinGalicia
29th Jun 2024[…] Diario Dun Mercado Preferente Sur. Episodio 2 […]