# Hashtag
#Fútbol Feminino #Terceira RFEF Feminina

Ainara Davila: «Esta primeira vitoria é un antes e un despois»

O Tomiño conseguiu a súa primeira vitoria desta tempada na Terceira RFEF a pasada xornada tras impoñerse por 3-4 ao Concello de Boiro, poñendo fin a unha xeira sen gañar desde o 26 de abril, cando vencera por 2-0 ao Domaio na pasada campaña. Un dos goles do triunfo levou a sinatura de Ainara Davila, coa que falamos sobre a importancia desta vitoria, a situación do equipo e os obxectivos para o que resta de tempada.

Que supuxo para vós conseguir esta primeira vitoria da tempada despois de tanto tempo sen gañar?

Para nós, esta primeira vitoria é un antes e un despois. Creo que tamén mereciamos gañar en partidos anteriores, pero ás veces o fútbol non é como queremos. Tanto as xogadoras como os adestradores mereciamos este triunfo e sei que isto vai ir para arriba.



Ademais, o gol da vitoria chegou no minuto 90. Como vivistes ese momento?

Nese momento creo que aínda non sentiamos que tiñamos o partido baixo control. Sabiamos que, durante os minutos ou segundos que quedaban, tiñamos que seguir loitando como fixeramos durante todo o encontro. Pero foi unha felicidade enorme, de dicir: «Por fin temos o que mereciamos».

Como estades a levar esta tempada? Como está o equipo anímicamente?



Ao principio foi un pouco complicado, porque os resultados non axudaban. Porén, sorprendentemente, o grupo sempre estivo unido e con moitas forzas para loitar en cada partido. Nunca vin o vestiario decaído; todo o contrario, sempre estivo moi unido e con moitas ganas de conseguir os obxectivos.

Que vos axuda a saír ao campo con ganas e coa ambición de sacar os partidos adiante, mesmo cando as cousas non están a saír como esperades?

Creo que nos axuda que todas loitamos polo mesmo obxectivo e que nos animamos unhas ás outras. Se unha falla, hai dez detrás que a van apoiar. O noso adestrador tamén nos dá a confianza necesaria para saír ao campo con esas ganas e, entre todas e el, é incrible.



Houbo moitos cambios no equipo con respecto ao ano pasado ou continuades máis ou menos coa mesma plantilla? Cambiastes tamén de adestrador, non?

É certo que houbo bastantes cambios respecto ao ano pasado, pero as xogadoras que chegaron tamén achegaron un nivel e unha forza que nos veñen moi ben. Son todas unhas compañeiras incribles. No corpo técnico tamén houbo varios cambios esta tempada, pero sempre houbo harmonía. Agora mesmo, con Guille, estamos moi ben e traballamos moi ben. Iso é o que imos facer: traballar e traballar.



Consideras que este ano a categoría está a ser máis esixente?

Creo que cada ano é un mundo. As categorías poden subir ou baixar de nivel, tanto dunha tempada a outra como dun partido a outro. Sinto que está todo moi igualado, porque moitos equipos teñen os mesmos puntos, e iso tamén é bonito, porque afrontas cada partido como se fose unha final.

Xa vos enfrontastes a todos os equipos agás o Rosalía. Cal che sorprendeu máis ata o momento e por que?

Creo que o equipo que máis me impresiona cada ano é o Orzán. Teñen xogadoras moi boas, moi rápidas e moi técnicas. Xogar contra elas gústame porque me esixo moito. Sempre me sorprende a posición na que están, porque creo que merecerían moito máis.

Que esperades conseguir de aquí ao final da tempada? Cales son os obxectivos que vos marcades como equipo?

Creo que todas estariamos de acordo en que o obxectivo é manternos na categoría. Este ano empezamos con mal pé, queremos remontar e conseguir a permanencia, seguindo a sumar puntos.

Cres que esta vitoria pode supoñer un punto de inflexión e axudarvos a afrontar os próximos partidos con máis confianza?

Si, claro que si. Estamos todas moi implicadas, tanto as xogadoras como o corpo técnico. Sabemos, e confío niso, que agora só iremos para arriba e melloraremos todas xuntas.

E a nivel persoal, como estás a vivir esta tempada?

Esta tempada estou vivindo cousas que, aínda que sexan duras, tamén son bonitas, porque fan que creas máis en ti mesma e medres como persoa. Sempre fora a pequena do equipo, pero este ano decateime de que xa non son a pequena e de que, xunto coas capitás e coa xente que leva anos no club, tamén son importante. Iso faime feliz e axúdame a medrar. E todo isto é grazas ás miñas compañeiras, porque sen elas tampouco sería posible.

Queres engadir algo máis?

Quero agradecer todo o que están facendo a presidenta, Marga; o coordinador, Bruno; e Juan, o adestrador de porteiras. E, sobre todo, quero dar as grazas a Guille, Sergi e Betto, porque sen eles nada disto sería posible. Creo que fan que todas as xogadoras medremos tanto a nivel futbolístico como persoal.

Ainara Davila: «Esta primeira vitoria é un antes e un despois»

Aarón Iglesias, Victoria CF: «Estamos no bo

Ainara Davila: «Esta primeira vitoria é un antes e un despois»

Ainara Davila: «Esta primeira vitoria é un