# Hashtag
#Entrevistas

O Noia de Iván Carril apunta alto

Iván Carril (Boqueixón, 1984) afronta a súa sexta campaña consecutiva como adestrador do CF Noia. O pasado curso saldouse co ascenso dos do Julio Mato á Terceira RFEF, logo de buscalo de forma insistente durante dúas temporadas. O técnico xa protagonizara un ascenso na temporada 2020/2021, pero non puido manter a categoría e o Noia regresou á Preferente un ano despois.

Agora, co de Rebordaos á fronte, o club procurará asentarse nunha categoría esixente, pero ilusionante para todos os que forman parte do Noia: directiva, seareiros, xogadores, corpo técnico, etc.O exfutbolista aposta este ano pola continuidade dun cadro de xogadores que destacou pola súa solvencia ao longo da 23/24, pero tamén por fichaxes de futbolistas con moita proxección, con fame e ambición de facerse un nome na categoría.

Futbolingalicia: O primeiro é saber como vai xogar o Noia de Iván Carril na Terceira RFEF.



Iván Carril: Independentemente do sistema, os nosos equipos sempre adoitan ser atrevidos e valientes. Equipos combinativos, que leven o peso do choque na maioría dos partidos. Pero en 3ª hai partidos nos que nos vai costar ser dominadores e temos que incorporar ferramentas, sobre todo defensivas: defender lonxe do área, outras veces máis afundidos… e ser capaces tamén de roubar e correr. Non podemos pensar en estar xogando sempre en campo rival. Hai que dominar varias situacións do xogo, ser humildes e o suficientemente sacrificados para apretar e correr detrás do balón.

Fig: Cambiarán moitas cousas no traballo semanal con respecto á Preferente?

IC: Xa varía o número de adestramentos, pois pasamos de 3 a 4. Incorporamos a un nutricionista ao corpo técnico. Aínda que non teñamos os recursos doutros equipos, tratamos de aportarlle ao xogador determinadas ferramentas: análise individual, alimentación, readaptación, traballo individualizado de ximnasio… Temos moitos xogadores novos que chegan con fame e ambición, en boas dinámicas de traballo e a intención é mantelas e melloralas na medida do posible.



Fig: O Noia ten que sacar a espiña de acadar a permanencia na categoría.

IC: Si, o noso obxectivo está moi claro. Non se vai cumprir ata o final, vai ser un camiño difícil, pero temos ferramentas e argumentos para pelexar e conseguilo. Non celebraremos ata o final, seguro, vai ser moi esixente. Temos a experiencia recente de descender polo arrastre do Arosa, e todos sabemos o esixente e apaixoante da temporada que comeza.

Iván Carril adestra no Noia ao seu irmán, o dianteiro Iker Carril

Fig: Varias fichaxes moi novas. Apostan Iván Carril e o Noia polo talento xoven?



IC: Intentamos asinar xogadores de distintos perfís. Pero o mercado pon as cousas difíciles. Cando eu chamo a un futbolista agardo determinada reacción, notarlle ganas ao xogador… E non que pareza que veñen por facerme un favor. E a min non me fai un favor ninguén por vir ao Noia, é unha cuestión mutua: o club ao xogador pola proposta e o escenario, e o xogador ao club polo seu compromiso. Ao final queremos futbolistas con fame e ambición, e iso non vai na idade. Véxoo en algúns que siguen con nós, contrastados xa na Terceira e veteráns, pero que demostran que aínda están comprometidos e ilusionados ao máximo.

Fig: E polo fútbol base do club?

IC: O ano pasado xogou seis partidos e toda a Copa do Sar con nós un cadete, Yeray. Este ano está facendo pretemporada e temos que seguir alimentando esa dinámica. É traballador, comprometido, ten cualidades… El ten que ir vendo, ao igual que o resto de xogadores da base, que a porta está aberta para todo aquel que está preparado e ten esa ambición. É certo que outros xogadores de moi bo nivel deciden marchar para xogar en Liga Nacional ou División de Honra, pero eu penso que o noso escenario é privilexiado para calquer rapaz. Estánse mostrando nun contexto no que é moi difícil, mentres que os que xogan en Nacional teñen que saír de aí despois e demostrar que poden facer determinadas cousas no «fútbol de verdade», o de maiores.

Fig: Cales son os rivais directos do Noia?

IC: O fácil é encadrar aquí aos recén ascendidos, agás o Boiro. Valladares, Villalonga e Noia van estar nas quinielas para loitar pola permanencia. Gústame que sexa así para que poidamos rebelarnos e acadar a permamencia. Haberá outros equipos que se salvaron o curso pasado, que cambian ano tras ano polas dificultades do mercado… A ver tamén a cuestión do Gran Peña. Pero estas quinielas fanse porque hai moito tempo libre, pero os descensos recentes de Barco e Bouzas demostran que valen de pouco.



Fig: Como futbolista «emigraches». Veste facendo o mesmo como adestrador?

IC: A verdade é que sí. Gústame coñecer outras ligas, culturas… e se podo empregar o fútbol para iso, fareino. De momento, cos meus fillos, teño que estar aquí. Noia é un entorno ideal, no que valoran o traballo máis alá do resultado final. Pero pode aparecer algo por fóra, que eu decida saír ou que o club quera dar un cambio. Aquí estou contento, cómodo e ilusionado. Pero son un adestrador xoven e co paso dos anos pretendo coñecer outras ligas e desfrutar do fútbol fóra, se é que hai desfrute desde detrás da liña de cal.

Imaxe de Portada: Marcos Creo

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *