A SD Antas está completando unha tempada a moi bo rendemento no Grupo 2 da Segunda División Galega. Actualmente, o equipo atópase segundo na clasificación, empatado a 57 puntos co Atlético Villalonga B, pero por diante delas grazas ao golaverage. Isto sitúa ás lucenses nunha tesitura onde poder loitar polo título e o ascenso directo. Co San Roque Casablanca como líder, as últimas xornadas de liga van a ser auténticas finais.
Dende FutbolinGalicia, falamos coas súas capitás Nuria e Elisa e analizamos a campaña realizada polo equipo de Antas de Ulla.
Dun inicio de incerteza a un soño real
O comezo da tempada estivo cheo de incógnitas para o equipo, que non tiña o ascenso entre os seus obxectivos iniciais. «Ao principio de tempada non se oíu falar de ascenso en ningún momento, simplemente se falaba de desfrutar e competir», explicáronnos as capitás. Sumado a isto, o cambio de grupo con respecto á campaña anterior xeraba moitas dúbidas, xa que os equipos eran descoñecidos e os desprazamentos máis longos.
Porén, co paso das semanas e os bos resultados, o equipo foi crendo máis nas súas posibilidades, ata converterse nun serio aspirante ao ascenso. «Foi xa cara finais da primeira volta cando os obxectivos foron cambiando un pouco. O compromiso de todas era firme e acabamos permitíndonos soñar», recoñecen.
A regularidade foi unha das chaves do seu éxito. «O noso rendemento foi moi continuo e bastante lineal, exceptuando pequenos baixóns en certos momentos», destacan desde o vestiario. O compromiso do equipo, unido á sorte de evitar lesións importantes, permitiu que o Antas estea competindo a un gran nivel toda a tempada.

Casablanca, un líder forte pero alcanzable
O Casablanca, líder do grupo, parece ter o destino do campionato nas súas mans, malia que no Antas confían en poder darlle a volta á situación. «Cando nos visitaron en Antas viñan con algunhas baixas, así que seguramente non as vimos na súa mellor versión. Pero sabemos que son un bo equipo, con xogadoras de moita calidade», sinalan.

O partido máis completo do Antas nesta tempada foi, precisamente, o choque contra o Casablanca na ida, onde puxeron contra as cordas ao líder. «Cremos na posibilidade de arrebatarlle a primeira praza na última xornada de liga. Última xornada, ascenso e título… soa a final de película ideal!», afirman con ambición as xogadoras.
O Vilalonga B, un rival directo na loita polo ascenso
A igualdade na táboa non só está na pelexa polo primeiro posto, senón tamén na loita polo ascenso directo. É o Vilalonga B quen está empatado a puntos co Antas, aínda que as de Castro Seoane manteñen a vantaxe polo golaverage. «O Vilalonga da segunda volta foi un equipo moi diferente ao da primeira, moito máis competitivo, cun gran xogo de balón e finalizando moito máis de cara a portería», recoñecen desde o vestiario.
O duelo entre ambos foi moi igualado, con vitoria para o Vilalonga B por un só gol, pero con polémica. «Foi un partido que temos gravado na cabeza debido a unha decisión arbitral coa que non estivemos de acordo e que puido condicionar o resultado», lembran. Porén, non buscan escusas: «Quedámonos co golaverage gañado e coa aprendizaxe dese partido».


A clave do éxito: pasado, presente e futuro
Se hai algo que define o Antas, é a súa capacidade de resistencia. O equipo soubo sobrepoñerse a tempos difíciles, como a última tempada en Primeira Galega, onde as xogadoras tiveron que afrontar partidos con apenas 10 ou 11 futbolistas dispoñibles e sufrir derrotas constantes. Aquel descenso non foi o final, senón o inicio dunha nova etapa.

«Tocou reinventarse. Foi un desgaste mental para todas, pero aguantamos por un futuro: as nosas cadetes de hoxe», destacan desde o club. Ese grupo de novas futbolistas está sendo clave para que o equipo siga crecendo. «Hoxe temos un plantel sólido con 18 xogadoras sénior, cadetes que nos completan cando máis o precisamos e moitas xogadoras que volveron ao club».
As capitás resaltaron que a clave do Antas resúmese en tres palabras: «TURRAR, TURRAR e TURRAR». E así o seguirán facendo ata o final da tempada, coa ilusión de conseguir algo grande. O título e o ascenso están en xogo, e o equipo está preparado para loitar ata o último minuto.