Hai oportunidades que só pasan unha vez na vida. Para moitos, xogar nun campo de Primeira División e competición europea é unha experiencia única. Se, ademais, vivir ese momento imborrable pode servir para axudar aos demais, a xogada é inmellorable. E iso é o que lle ocorreu esta semana a cinco futbolistas do grupo 4 da Primeira Futgal, que participaron en Balaídos nun partido solidario cos afectados polos lumes.
O obxectivo era recadar fondos para reforestar os montes ourensáns arrasados polos incendios deste verán. O Celta, a Federación Galega e a UD Ourense foron os encargador de impulsar este encontro solidario entre o propio Celta e unha selección de xogadores da provincia de Ourense. Asistiron ao campo máis de 5.000 persoas.
Os protagonistas
Dous clásicos do fútbol ourensán, Mario Guede e Ramón Dacosta, foron os encargados de escoller os integrantes da Selección de Ourense. E quixeron fixarse na Primeira Futgal. Escolleron a Josu e Rubén García, do Córgomo; a Jorge Aires e Hugo Domínguez, do Verín, e a Corcuera, do Monterrei.
No caso do veterano Rubén García, non era a súa primeira vez sobre o céspede de Balaídos, pero foi igualmente unha xornada especial. O talentoso futbolista valdeorrés explica que «foi un día que quedará na nosa memoria toda a vida, polo feito de representar a provincia e a nosa comarca de Valdeorras nun partido tan importante, para recadar fondos para unha causa que nos toca de preto«.
Tanto el como Josu, agora compañeiros no Córgomo, teñen unha ampla traxectoria e xogaron en categorías superiores, polo que cre que a chamada da selección ourensá é tamén un recoñecemento á carreira de ambos os dous. «Ademais, estamos nun bo momento. Xogamos case todo esta temporada e estamos axudando ao equipo. A idade, neste caso, é un número«, asegura. Demostrárono a pasada xornada. Rubén achegou tres asistencias, as tres a balón parado. Dúas delas acabaron con gol de Josu.
Diferente é o caso de Corcuera. O xogador do Monterrei participou no amigable con só 19 anos. Tras rematar etapa xuvenil, acaba de chegar ao equipo e á categoría, procedente das EDC Verín.

Unha experiencia imborrable
O marcador final, cunha vitoria celeste por 5-0 grazas aos goles de Bryan Zaragoza, Ferran Jutglà, Pablo Durán (por partida dobre) e Pablo Gavián, foi o de menos, xa que a verdadeira vitoria estivo na grada, na resposta unánime dunha terra que, cando é ferida, responde unida.
Cada entrada e cada camiseta conmemorativa vendida, equipación que ambos equipos luciron sobre o céspede, destinarase a financiar proxectos de reforestación nas zonas máis afectadas da provincia de Ourense.
A magnitude do evento quedou reflectida tamén na ampla representación institucional e social que acudíu a Balaídos. Numerosos concellos ourensáns e entidades participaron nesta xornada solidaria, xunto a Axentes Forestais, Protección Civil, SERGAS, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, brigadas forestais, unidades de emerxencias e corpos de bombeiros, ademais de representantes do Celta, da UD Ourense e da RFEF.






































































































































































































































































































































































































































































































