Só restan 90 minutos para rozar a gloria, ou ben caer no intento. Ese pode ser o pensamento maioritario nas cabezas dos xogadores que están a disputar estes play-off de ascenso. Un disparo, unha oportunidade, tal e como reza a canción “Lose Yourself”, onde Eminem non puido resumir mellor este tipo de situacións. Falta unha semana para a resolución destas eliminatorias mais, a primeira manga xa agasallou aos afeccionados ao fútbol rexional cunha xornada cargada de actuacións Diferenciais.
Que pasou na Preferente Futgal?
Se por algo se caracterizan estas fases do campionato é pola igualdade entre os seus participantes. Como na Preferente Futgal, onde quedou reflectida nunha das súas finais (o 0-0 entre o Antela e o San Tirso) por subir a Terceira Federación.
Na ida do outro cruce, o Portonovo asaltou a Pinguela e venceu por cero goles a un ao Lemos. Alentados pola súa bancada, os xogadores monfortinos saíron enchufadísimos ao terreo de xogo e contaron con varias oportunidades para tomar a iniciativa. Pero a defensa do Salnés soubo aguantar o tipo e, pasado o mal trago inicial, conseguiu igualar a intensidade ata o entretempo. Xa na segunda metade, os homes de Marquitos saíron con azos renovados aínda que, a pesar de intentalo, non lograron ver porta. Foi entón cando o conxunto arlequinado deu un paso adiante e comezou a chegar con perigo á meta local. O seu empuxe continuou no treito final do duelo e permitiulles tomar a iniciativa nunha acción culminada –cun chisco de fortuna –por Brais.
O gol desatou a tolemia no estadio e, lamentablemente, o exceso de paixón por un e outro lado levou a unha pelexa entre seareiros e xogadores de ambos clubs.
Que pasou na Primeira Futgal?
Algunha vez se deu, pero sentenciar unha rolda soamente co resultado da ida é algo bastante complexo. Que llo digan aos seguintes equipos do play-off de ascenso de Primeira a Preferente Futgal…
Aínda queda moito por dicir, mais o Galicia de Mugardos deu un paso firme ao superar por 1 a 0 ao Gondomar. A Rafa bastáronlle tan só vinte minutos para abrir a lata e facer estalar a ledicia entre os afeccionados verdes. Con este, o atacante suma xa dous tantos nesta postemporada, onde se está a revelar como un dos xogadores chave da ofensiva de Moisés Pereiro. O conxunto do Val Miñor recibiu o golpe e quedou afectado, incapaz de reaccionar ante un Mugardos que creceu co paso do tempo. Súas foron as mellores oportunidades, aínda que o segundo gol resistíuselles e agora só levarán unha vantaxe dun tanto ás Gaiandas.


Foi máis clara a vitoria do Xuvenil de Ponteareas ante o Monterroso (3-1). Cándido non fallou a súa cita co gol e aproveitou un centro colgado desde o franco esquerdo para poñer o primeiro no luminoso. Así e todo, os homes de Fer Sánchez non tiraron a toalla tan facilmente e foron quen de reequilibrar a balanza pouco despois. A alegría non puido ser máis efémera e Cándido, novamente, avantaxou á escuadra albivermella nun man a man onde conseguiu bater a Paco. A cousa non quedou aí e o killer de Pardellas forzou un penalti que converteu un dos seus compañeiros para poñer o 1-3 definitivo.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.
Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.






































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































