O Compos supera ao Arteixo e accede á final nacional polo ascenso á Segunda RFEF
O Compostela recibía no seu feudo a un Arteixo que chegaba coa vantaxe do 2-1 conseguido na ida. Desta vez rematou tamén cun 2-1, pero desta vez a favor dos picheleiros. Os de Secho Martínez precisaron da prórroga para certificar o seu pase á fase nacional grazas ao seu mellor posto na liga regular. Os tantos de Armental e Carlos López déronlle o pase ao cadro compostelán, que agora se xogará o ascenso á Segunda Federación ante o Badalona, tamén clasificado tras remontar a súa eliminatoria fronte ao Cornellà.
O conxunto local saíu decidido a darlle a volta ao marcador e, arroupado pola súa afección, comezou a achegarse con perigo á portería visitante. Foi no minuto 17 cando chegou o premio, Adrián Armental culminou unha acción ensaiada de córner tras combinar con Parapar para superar a Carlos García e igualar a eliminatoria.
O Arteixo non baixou os brazos e no minuto 63 volveu poñerse por diante no global cun cabezazo de Agulló. Porén, a reacción compostelanista foi inmediata e, once minutos despois, Charly desviou á rede un remate de Samu tras unha boa acción colectiva para establecer o definitivo 2-1.
Xa na prórroga non houbo máis goles nun encontro que permaneceu aberto ata o final e no que ambos equipos dispuxeron de opcións. O Compostela resistiu e selou o pase á última eliminatoria polo ascenso, mentres que o Atlético Arteixo puxo fin a unha gran tempada.
Primeiros movementos de mercado: Boiro e Montañeros a toda mecha
Unha vez rematada a temporada regular, os equipos xa comezan a preparar o vindeiro curso. Iso si, non todos ao mesmo ritmo. Mentres algúns clubs aínda non fixeron oficiais os seus plans, outros xa acumulan máis dunha ducia de novidades entre renovacións e fichaxes.
O Estradense, con Manuti; o Villalbés, con Juan Rodríguez; o Boiro, con José Tizón; o Barco, con Agustín Ruiz; e o Céltiga, con Luis Carro, xa confirmaron a continuidade dos seus adestradores tras os resultados acadados esta campaña.

Polo momento o Atlético Montañeros é o equipo máis activo neste inicio de mercado. O conxunto coruñés suma xa trece movementos entre renovacións, baixas e fichaxes.
Seguirán no club os defensas Samu Rey, que afrontará a súa sétima temporada na entidade, e Jorge Longueira. Na medular continuarán Dani Fernández, Diego Rodríguez e José Balsa, mentres que Xoel Vilariño e Pablo Fernández dan o salto ao primeiro equipo. Pola contra, Álex Suárez pon fin á súa etapa no Montañeros tras dez temporadas para emprender un novo reto deportivo. No ataque, Jorge Otero, Pape e Ogando seguirán vestindo a camiseta do conxunto coruñés.
En canto ás novidades, destaca a chegada do extremo Antón Garda, que regresa a terras coruñesas tras a súa experiencia nos Estados Unidos. O atacante conta ademais con cinco campañas na Terceira Federación co Silva. A parcela defensiva reforzarase con Hugo López, ‘Chucas’, procedente do Unionistas B, futbolista que acumula tres temporadas na Terceira Federación.

O Boiro tamén é un dos que máis se moveu. O conxunto barbanzán xa conta con sete renovacións, tres baixas e unha incorporación para a próxima temporada.
Baixo os paus continuará Borja Rey. Ademáis, tamén seguirán formando parte do equipo os capitáns Juanma Blanco e Mario Romero, así como Diego Enjamio, Pablo Ozores, Juampa Barros e Yago Insua. Pola contra, Víctor Casais, Iván Alonso e Dani Nieto non continuarán na disciplina boirense.
En canto ás incorporacións, o primeiro reforzo chega para apuntalar a parcela defensiva. Trátase de Mateo Lago, procedente do Villalonga, que vivirá no Boiro a súa primeira experiencia na Terceira RFEF.
Estradense e Villalbés avanzan a bo ritmo
O equipo da Estrada confirmou a continuidade do corpo técnico e tamén os primeiros movementos na plantilla. O club anunciou as renovacións de Pablo Carabán, Ander Bellido e Ángel Landeira. Este último continuará un ano máis na disciplina vermella despois da grave lesión sufrida ante o Compos, apostando ambas partes por afrontar xuntas a súa recuperación.
O Villalbés tamén deu a coñecer os seus primeiros movementos de cara á próxima temporada. O conxunto chairego xa anunciou que seguirán defendendo a súa portería Álex Santomé, que cumprirá a súa quinta campaña consecutiva no club, e Yago Miguélez, tamén no seu quinto ano na entidade e segundo como xogador sénior.

Ademais, os lucenses manterán ao seu capitán, Gabri, unha das referencias do vestiario, e continuarán apostando pola canteira coa incorporación de Edu Reigosa ao primeiro equipo.
O Lalín renova os seus primeiros xogadores
O conxunto lalinense, recentemente ascendido tras proclamarse campión da Preferente Norte, estrearase na Terceira Federación con Iván Carril á fronte do banco. Polo momento, o club non deu a coñecer máis novidades de cara á próxima temporada.
Os primeiros movementos confirmados son as renovacións de Manu Vilariño, Eloy Ferreira e Brais Vila, tres futbolistas que continuarán formando parte do proxecto e acompañarán ao equipo no seu salto de categoría.
O Silva traballa a pesar de non saber o seu destino
O conxunto coruñés continúa pendente do desenlace da fase de ascenso do Compostela. Se os santiagueses conseguen o salto á Segunda Federación, manterá a categoría, mentres que un posible fracaso do Compos provocaría o seu descenso por arrastre. Mentres tanto, o club xa comezou a traballar na planificación do próximo curso.
As primeiras novidades chegan no corpo técnico, coa incorporación de Ramón Rodríguez como adestrador de porteiros. Sobre o céspede tamén se produciron dúas chegadas: Naim Rodríguez, procedente do Ural CF, e Nano Varela, que recala no equipo tras o seu paso polo Montañeros e o Victoria CF.
No capítulo de renovacións, o capitán Brais Lema e Joao Paulo García seguirán un ano máis na entidade, ambos afrontarán a súa undécima temporada no club. Tamén continuará defendendo as cores do conxunto coruñés Pablo Carro.
O resto de equipos aínda non publicaron ningún movemento.































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































