Van 14 xornadas na Primeira Futgal e a emoción está ao máximo, sobre todo nos grupos 5 e 6, cunha interesante pelexa polo liderado.
No caso do grupo 5, o Ribadumia asaltou un primeiro posto que estaba en propiedade do galáctico Marín dende había semanas. Os da Senra aproveitaron o empate do Marín ante o Cordeiro para empatarlles a puntos e os seus mellores números fan que se coloquen primeiros. Levan 37 goles a favor os dous equipos, pero o Ribadumia encaixou cinco, mentres que o Marín recibiu dez.
Os dous equipos enfrontaranse o día 21, antes do parón do Nadal. Antes, o Ribadumia xogará esta fin de semana ante o Sport Team Estrada e o equipo de San Pedro visitará ao Abanqueiro.
Outra pelexa no alto da táboa non menos interesante é a que manteñen Atlántida Matamá (1º) e Vila do Corpus (2º), que veñen de enfrontarse nun partido que caeu do lado do Vila do Corpus. Os de Angoares impuxéronse 2-0 cos tantos de David Araújo e Manuel Gómez e, deste xeito, recortaron a vantaxe dos vigueses, que agora teñen 35 puntos, polos 33 do Vila do Corpus.
A pelexa polo liderado no resto de grupos
O Carral lidera en solitario o grupo 1, con cinco puntos sobre o Galicia Mugardos e o Meicende, que ocupan os postos de play-off e que se van enfrontar na última xornada deste ano, polo que se o Carral non falla podería distanciarse aínda máis dos seus perseguidores inmediatos.
No grupo 2 mantense no liderado o Bertamiráns, con 28 puntos, tres máis que o Arzúa e catro sobre o Calo, que é terceiro, e o Cacheiras.

Tamén de catro puntos é a diferenza entre a SD Chantada (39) e a Residencia (35) no grupo lucense. Por detrás vén o Atlético Escairón, pero suma aínda 25 puntos, polo que a fenda xa é moi ampla.
Outro líder sólido atopámolo en Ourense, co Verín (32) superando cinco puntos ao segundo e terceiro clasificado, que son Velle e Nogueira (27). O Córgomo e o Loñoá tratan de asaltar os postos de play-off, cun punto menos neste momento.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.
Tamén podes acceder ás listaxes dos Diferenciais das pasadas xornadas, premendo aquí.







































































































































































































































































































































































































































































































































































