# Hashtag

Xogadoras galegas coa selección española: Teresa Abelleira

Hai pouco máis dunha semana, Borja Iglesias proclamouse campión do mundo coa selección española de fútbol. O atacante picheleiro puxo ao noso fútbol no mapa, tal e como fixeron outros xogadores galegos con anterioridade. E ollo, porque non é preciso irse moi lonxe para atopar a algún destes referentes que brillaron coa camiseta vermella. En FutbolinGalicia quixemos recuperar os casos máis recentes e dedicarlles estes artigos.

Co balón pegado ao pé

Poderíase dicir que Teresa Abelleira (Pontevedra, 2000) estivo ligada ao fútbol desde ben pequena. O seu irmán, Tomás Abelleira, formouse nas categorías inferiores do Pontevedra e desde entón pasou polas filas de varios conxuntos da Terceira Federación galega. Pero a cousa non queda aí, porque o pai de ambos, Milo Abelleira, é un adestrador recoñecido no fútbol galego e polas súas mans pasaron equipos como o Endesa As Pontes, o CD Ourense e mesmo o filial do Celta. Cousas de familia.

Tere deu os seus primeiros pasos no Lérez, onde a súa calidade non pasaba desapercibida. Ao pouco de cumprir os dezaséis anos, o Dépor interesouse pola futbolista pontevedresa e esta non o dubidou nin un intre. Fixo as maletas e marchou para A Coruña, decidida a progresar. Os seus comezos coa camisola branquiazul non puideron ser mellores, contribuíndo de maneira significativa ao ascenso a Primeira División.



Chegar á elite

Ademais de acadar varios éxitos colectivos, a Tere Abelleira non lle foi nada mal na escuadra herculina. En 2017 protagonizou un fito histórico para o fútbol feminino galego ao converterse na primeira futbolista profesional galega, xunto a Raquel Béjar. Non deixou de medrar en ningún momento, facéndose un oco entre as mellores xogadoras do país. E foi entón cando o Real Madrid chamou á súa porta. Había que mudarse, tal e como fixera catro anos antes.

A casa branca decidira apostar pola súa sección femenina, asegurándose unha praza na Primeira División ao absorber ao Tacón. Faltaba o máis importante: reforzarse con fichaxes de primeiro nivel. Foi así como puxeron os ollos en Tere, quen se encargou de dirixir ao equipo no mediocampo nada máis chegar á capital. As súas boas actuacións permitíronlle debutar coa selección española, aínda que non puido formar parte da lista final para desputar a Eurocopa de 2022.

Desta vez si

A pesar de non desputar ese torneo, Abelleira non tirou a toalla e comezou a preparar o curso 2022/23 coa mente posta no Campionato do Mundo. Os seus esforzos deron resultado e, ademais de consolidarse como unha peza fundamental na medular do Real Madrid, recibiu a chamada de Jorge Vilda para formar parte do equipo que pelexaría por alzarse co Mundial. Tere participou en todos os encontros da fase de grupos, xogando os tres como titular e anotando un gol.



A pontevedresa tampouco saíu do once nas eliminatorias, axudando a España a pasar de rolda ata chegar a final. Alí esperaba Inglaterra, verdugo da selección na Eurocopa do ano anterior e unha das principais favoritas para vencer no torneo. Pero desta vez a moeda caeu para o lado hispano grazas ao tanto de Olga Carmona. Tere Abelleira, aquela rapaza que comeazara a súa andaina no fútbol xogando no Lérez, era campioa do mundo!

Tere Abelleira nun partido que a selección española de fútbol feminino xogou en Riazor.

De regreso a España, mantivo o seu bo nivel de xogo ata que unha rotura de ligamento cruzado a obrigou a deter temporalmente a súa carreira. Teresa continúa a recuperarse para volver pisar o verde canto antes e seguir a marabillar aos afeccionados do Real Madrid e, por suposto, a todo o fútbol galego.



Xogadoras galegas coa selección española: Teresa Abelleira

Xogadores galegos coa selección española: Joselu Mato

Xogadoras galegas coa selección española: Teresa Abelleira

Xogadoras galegas coa selección española: Teresa Abelleira