A Juan Manuel Tuñas (Mazaricos, 1998) no mundo do fútbol coñéceno como Rachón. Tras rematar a pasada tempada no equipo da súa localidade natal, este curso subiu un chanzo para competir na Primeira Futgal, nas filas dun Relámpago ao que chegou como lateral e no que acabou de dianteiro e situándose como máximo goleador do grupo 1, o que fai que xa teña ofertas de cara á vindeira tempada. Coa liga finalizada, Rachón responde as preguntas de FutbolinGalicia.
FutbolinGalicia: O Relámpago estivo varias xornadas en puntuación de play-off. Decepcionouvos non poder clasificarvos finalmente?
Rachón: «A verdade é que non. Tiñamos a ilusión de conseguilo, pero sabiamos que ía ser moi complicado. Creo que tiñamos equipo para salvarnos sen apuros, pero o certo é que si que nos faltaban un par de pezas diferenciais que nos desen ese impulso ós tres primeiros postos. Foi unha temporada espectacular e sacando o primeiro tercio de temporada, o equipo sempre rendeu por riba das expectativas».
FIG: A nivel persoal, rematas a tempada con 26 goles, que son números espectaculares. É a mellor cifra como sénior da túa carreira?
R: «Si, dende xuveís non anotaba tal cantidade de goles. Foi algo bastante inesperado e que a nivel individual me deu un chute de enerxía e autoconfianza que creo que non tivera nunca».
FIG: Agardabas alcanzar uns rexistros como estes, que che permitiron ser o máximo goleador do grupo?

R: «Non, desde logo que non, xa que o meu traballo dende un principio non era este. Creo que a clave foi ir crendo pouco a pouco. Ao principio era algo anecdótico e que todos nos tomabamos a coña, pero vendo que pasaban as xornadas e seguía mantendo a racha, empecei a crer que podía quedar de pichichi. Tamín tivo un papel fundamental a confianza dos compañeiros, xa que sempre me dicían que ía ter un par de ocasións e que unha a metía seguro. Tiñan eles máis confianza en min da que tiña eu mesmo!».
FIG: Cando asinaches no Relámpago ías para xogar de lateral e acabaches de dianteiro. Supoñemos que agora non vai ser sinxelo que regreses a esa posición.
R: «A verdade é que faga o que faga o ano que vén gustaríame xogar arriba, xa que demostrei este ano que podo dar bo rendemento. Certo é que este ano deuse todo e saíu todo a pedir de boca. Ahora toca ver como rendo nesta posición cando non veñan as cousas tan de cara e haxa rachas negativas e sequía de gol».

Non lle faltan ofertas
FIG: Volviches á Primeira Futgal para cambiar de aires. Como valoras a decisión?.
Rachón: «Creo que foi unha decisión moi acertada por como se dou todo. Penso que caín de pe no futbol coruñes e que me adaptei moi rapido. Ao principio non tiña moitas ganas de salir da miña zona de confort que era a costa pero cando empecei a adaptarme aqui e a ver as cousas desde outra perspectiva sabia que tomara unha boa decisión. No relampago fixemos un grupo humano increible e que foi a base de todo o que conseguimos despois. Coñecin compañeiros que rapidamente se convertiron en amigos e a sociedade rachon/guitas do relampago funciona as mil maravillas dentro e fora do campo.».
FIG: Tantos goles fan pensar que este verán non che deixará de soar o teléfono. Xa recibiches algunha oferta, ou seguirás no Relámpago?
JC: «Si que houbo algunha que outra oferta xa, pero ainda é cedo para tomar unha decisión. Son dos que sempre di que se se pode dar un pasiño máis, non te estanques na categoría na que estás. Para volver sempre hai tempo. No Relámpago son conscientes de que son unha persoa ambiciosa e que lle gusta competir a máis non poder. Por agora, estamos en tempo de desconectar un pouquiño do futbol para recargar pilas e volver o 100% despois da lesión a final de temporada que me fixo perderme os últimos tres partidos e, que afortunadamente, só quedou nun susto».
Rachón, en curto
- Primeiras botas de fútbol que lembres? As Umbro Speciali. Foron as primeiras e ás que máis cariño lles gardo.
- Ídolo futbolístico da túa infancia? Thierry Henry
- Un campo no que xogaches? O Jesús García Calvo de Negreira. Estiven alí anos e debutar en sénior naquel campo sempre será un recordo especial
- Algunha rutina os días de partidos? Moitas, son moi maniático, pero entre elas, diria que vestirme seguindo a mesma orde de prendas antes de partido.
- A túa canción preferida? Este ano diria que Capaz (merengueton), porque é a canción que estivo de moda antes e despois do partido no vestiario.
Imaxe: Instagram / Rachón / Fotoslatiagilita
