A SD Chantada xa é equipo de Preferente. O conxunto lucense culmina así varios anos rozando o obxectivo e confirma o seu crecemento cun ascenso que premia a continuidade, o traballo e a aposta pola xente da casa.
Un dos seus referentes é Joserra Carballo, que ademais contribuíu con nove goles nun curso marcado tamén pola súa superación persoal tras unha grave lesión. O dianteiro pon en valor o camiño percorrido, a unión do vestiario e o papel dunha afección que converteu o Sangoñedo nun auténtico fortín.
Futbolingalicia: Logo de moitos anos de duro traballo, a SD Chantada logrou o ascenso a Preferente. Cal é a sensación do equipo tras isto?
Joserra Carballo: «Boas a todos. Penso que a sensación xeral é que todo traballo ten a súa recompensa. Este premio foi moi bonito, pero aínda máis o foi o camiño que percorremos ata chegar aquí».
FIG: Que tal rematou a festa de celebración?
JC: «Bueno, para uns mellor ca para outros, jaja, pero ben. Ao final, sendo domingo, alargar a festa sempre é máis complicado; aínda así, a xente respondeu ben nese aspecto. De todos os xeitos, espero que queden polo menos un par máis».

FIG: Que significa o ascenso para o club?
JC: «Penso que supón volver ao lugar no que realmente debe estar a SD Chantada. Hai que destacar que é un club humilde, con menos recursos ca outros, polo que ten que potenciar outras virtudes. Tamén cómpre mencionar á afección. Nestes anos vivíronse días nos que era difícil atopar sitio, cun ambiente espectacular na bancada, liderado por grandes seareiros como Marcos e Iñaki. Sen esquecerse da directiva, que penso que recibe un premio máis que merecido, tanto para os que seguen aí como para aqueles que, por desgraza, xa non están».
FIG: Cales foron as claves para conseguir o ascenso?

JC: «Para lograr un ascenso así teñen que darse varios factores. Somos un grupo que xa viña competindo moi ben en anos anteriores, que practicamente non mudou, pero creo que a diferenza a marca o corpo técnico e, sobre todo, o míster Traste. Pódese dicir que é o noso Claudio Giráldez».

FIG: Levas toda a vida no club. Como te sintes tras este logro?
JC: «É difícil de explicar, porque cando gañas todo o mundo o desfruta, pero facelo con este equipo de amigos é algo especial. Sei que pode soar a tópico, pero neste caso podo asegurar que é así. Moitos levamos seis ou sete anos xogando xuntos e outros máis de dez. É bonito volver ver ao equipo en Preferente».
FIG: Que significa para ti marcar un gol no día do ascenso?
JC: «Marcar un gol no Sangoñedo sempre é bonito, pero queda nunha anécdota; o importante era sacar o partido adiante».

FIG: Anotaches nove goles no que vai de tempada. Cal é o balance que fas do curso?
JC: «A nivel persoal diría que foi unha boa tempada. Tampouco me considero un nove goleador, polo que estou máis que satisfeito nese aspecto. Se me din hai dous anos, despois de romper o tendón de Aquiles, que ía volver xogar, marcar nove goles e ascender a Preferente, asinábao no momento».
FIG: Como ves, a primeira vista, o proxecto para Preferente?
JC: «Levo tempo sen seguir de preto o nivel da liga, pero este equipo ten unha gran capacidade competitiva. Entendo que a liña será a mesma destes anos: apostar pola xente da casa e, se se pode reforzar o equipo con algún xogador de nivel, mellor».
FIG: A espiña quedou quizais na eliminatoria da Copa Deputación?
JC: «A ninguén lle gusta perder nin quedar eliminado. Pero, sendo sinceros, levamos dous anos consecutivos chegando á final, o que implica alongar moito a tempada ata mediados de xuño. Ademais, este ano comezamos antes pola Supercopa, así que practicamente non tivemos descanso. Neste contexto, e tendo xa o ascenso no peto, non che vou mentir que doe menos».
FIG: Como vivistes esa Supercopa Galicia a comezos de tempada?
JC: «Tiñamos no vestiario un compañeiro, Alexandre, que xa estaba a descontar partidos para que viñese un equipo de Primeira ao Sangoñedo, jaja. A verdade é que sabiamos que competir contra o Cultural Areas e logo, posiblemente, contra o Negreira, non ía ser nada doado. A priori eran equipos chamados a estar arriba, pero aínda así na vila e no club xerouse moita ilusión pola posibilidade de xogar a Copa do Rei. Ao final non puido ser, pero queda un bonito recordo. E como anécdota, tamén queda que o rival que nos tería tocado era o campión, a Real Sociedade».
























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































