# Hashtag

Dani Suárez, Juvenil de Ponteareas: «Sabemos que dependemos de nós»

Logo dunha xeira de oito derrotas consecutivas, todo parecía indicar que o Juvenil de Ponteareas ía ser un dos catro descendidos da Preferente Sur. Porén, o cadro de Pardellas viviu a súa propia semana de resurrección e reencontrouse co triunfo este domingo fronte ao Cented Academy (2-1), ademais de eliminar nos penaltis ao Choco en cuartos de final da Copa Deputación de Pontevedra.

Coas semifinais copeiras fronte o Cultural Areas no horizonte (este xoves 1 de maio), o equipo de Ponteareas marca o seu obxectivo principal na permanencia, nunha loita contra Umia, Choco e Verín onde dous equipos acompañarán a Rápido de Bouzas e Atlántida de Matamá. Dani Suárez, un atacante que está a vivir o seu primeiro ano como sénior, marcou gol nas últimas dúas vitorias do equipo e hoxe pasa pola nosa consulta.

Futbolingalicia: Despois de oito derrotas consecutivas, o equipo repúxose cun triunfo vital fronte ao Cented Academy. Que valoración fas do partido?



Dani Suárez: «Penso que a valoración é positiva, xa que o equipo realizou un bo partido, intenso e defendendo ben. Ademais, conseguimos anotar nas ocasións que tivemos. Foi un paso chave para recuperar confianza e volver competir con seriedade».

FIG: ⁠Moita xente dábavos por un equipo morto despois desa fatal xeira. Que sensación había no vestiario durante ese tempo?

DS: «Viñamos de facer unha boa primeira volta e, de súpeto, tivemos esta mala xeira, que non nos esperabamos que ía durar tanto tempo. O equipo empezouse a atopar nun estado de desesperación porque non conseguía os resultados que quería e iso penso que acabou afectando o noso xogo».



FIG: A vitoria deste domingo permítevos saír dos postos de descenso pero a loita está que arde. Cales crees que serán as claves da permanencia?

DS: «A vitoria do xoves en Copa e a deste domingo foron fundamentais para gañar confianza. As claves para a permanencia serán competir coa seriedade que tivemos nestes dous partidos, non cometer erros e aproveitar as ocasións que teñamos. Ademais de manter a mentalidade, o compromiso que temos e o bo ambiente do grupo».

FIG: Quédanvos dous partidos fronte a rivais que non teñen nada en xogo como Portonovo e Pontevedra B. Como afrontades estas dúas finais pola salvación?



DS: «Quédannos dúas auténticas finais. Aínda que eles non se xoguen nada, nós imos saír con todo e coa máxima intensidade. Sabemos que dependemos de nós. O grupo está unido, con confianza, e temos claro que se facemos ben o noso traballo, imos conseguir a salvación».

FIG: ⁠Como notou o equipo a marcha de Vicente ao Racing Vilalbés?

DS: «Evidentemente a marcha de Vicente notouse. Quedamos sen un dianteiro fixo, xa que os outros dianteiros tamén estaban con lesións e iso fixo que tivésemos que cambiar a táctica do equipo».

FIG: Tamén estades vivos nas semifinais da Copa Deputación de Pontevedra tras eliminar ao Choco en penaltis. Que significa isto para o equipo?

DS: «Estamos nas semifinais da Copa despois de eliminar ao Choco, vitoria que supuxo en nós un punto de inflexión. O equipo atópase motivado, e agora tócanos o Cultural Áreas, o derbi, e temos moitas ganas de disputar este partido, no cal imos pelexar para gañar e así chegar á final, que tamén é importante para o club».



FIG: ⁠Casualmente, o destino estache a enfrontar co equipo onde te formaches como futbolista, o Choco, nestas dúas pelexas. Como vives isto?

DS: «O Choco formoume como futbolista desde pequeno, pero hoxe en día o meu compromiso está co Juvenil de Ponteareas. Afróntoo con respecto, pero coa mentalidade de gañar e de poder salvar ao equipo que represento actualmente».

FIG: ⁠Tiveches oferta para renovar no club de Redondela e formar parte do primeiro equipo?

DS: «Ao terminar os tres anos de xuvenil, onde xogamos en Nacional e en División de Honra, dixéronme de quedar a facer a pretemporada, pero aínda non me aseguraban ter a ficha nin minutos. Ao ser o meu primeiro ano sénior, eu o que máis necesitaba era ter minutos e así demostrar o meu nivel. Aquí no Juvenil de Ponteareas tiven a plena confianza desde o primeiro día de toda a directiva».

FIG: Como ben dis, este é o teu primeiro ano como sénior. Que valoración fas desta tempada?

DS: «⁠Penso que tiven que adaptarme rápido ao nivel e á esixencia, pero tamén creo que aprendín moito. Estou contento co que logrei esta tempada, pero toca seguir traballando para mellorar e seguir crecendo como xogador».

FIG: Levas catro goles en liga e un na Copa. Estás contento co teu rendemento este ano?

DS: «Si, a verdade é que estou contento co meu rendemento nesta tempada, aínda que quedan partidos chave nos que teño que seguir rendendo ao máximo nivel para o equipo. Iso é o que o club espera do min e quero seguir achegando goles que axuden a lograr os obxectivos do club».

Dani Suárez, Juvenil de Ponteareas: «Sabemos que dependemos de nós»

Os Diferenciais dunha xornada que engade emoción

Dani Suárez, Juvenil de Ponteareas: «Sabemos que dependemos de nós»

O Dépor B reafírmase como o mellor

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *