O Galicia de Mugardos está a só noventa minutos de regresar á Preferente. O conxunto da Pedreira tomou vantaxe na final da fase de ascenso tras superar por 1-0 ao Gondomar na ida, nun encontro no que mostrou a súa mellor versión durante moitos minutos e no que deu un paso importante cara ao obxectivo.
Un dos referentes do vestiario é David Gómez. O gardameta, con ampla experiencia en categorías superiores e canteiras profesionais, destaca o crecemento do equipo ao longo da tempada e avisa de que a volta esixirá sufrimento e personalidade. Para o porteiro, o ascenso sería a recompensa ao esforzo realizado polo club tras o descenso da pasada campaña.
Futbolingalicia: O Galicia de Mugardos venceu por 1-0 na ida da final da fase de ascenso a Preferente ante o Gondomar. Que valoración fas do partido?
David Gómez: «Creo que foi un partido moi serio e completo pola nosa parte. A primeira metade foi das mellores da tempada, con moita posesión de balón, atopando espazos e asociándonos moi ben. Na segunda parte, xa co 1-0, acomodámonos un pouco ao partido e non mantivemos o ritmo do inicio. En calquera caso, é un resultado para estar contentos e que todos teriamos asinado antes do asubío inicial».
FIG: Só vos queda un paso para conseguir o ascenso. Que partido esperas?
DG: «Creo que vai ser un partido moi sufrido, completamente distinto ao da pasada fin de semana. Eles na súa casa son fortes, poden explotar mellor as súas armas e vannolo poñer moi difícil. Pero é certo que chegamos con vantaxe e nun bo momento, encadeando varios partidos a bo nivel, así que seguro que será un encontro entretido».

FIG: Onde van estar as claves para defender o resultado?
DG: «Sería un erro ir alí pensando en defender o resultado. Nós temos que ser fieis ao noso estilo, que se basea en ter o balón. A partir de aí, a clave vai estar en ser contundentes na área e tratar de aproveitar os espazos nas transicións que se poidan xerar debido á necesidade que van ter eles de buscar o gol».
FIG: Que sacastes de experiencia da eliminatoria anterior ante o Club do Mar de Caión?

DG: «O partido na casa foi semellante ao desta fin de semana, no sentido de que tivemos nós a iniciativa do xogo e o protagonismo co balón, facendo unha moi boa primeira metade. Xa no seu campo foi un partido moi sufrido, no que soubemos manter a compostura ata o final e adaptarnos ao terreo de xogo. Creo que esta experiencia nos vén moi ben para afrontar este último partido, xa que son encontros con máis tensión da habitual e nos que a calma e a experiencia xogan ao teu favor».

FIG: Que importancia tería para o club este ascenso tras o descenso do ano pasado?
DG: «Sería unha alegría enorme. O club fixo un esforzo este ano para manter moitos dos xogadores da pasada tempada e realizar incorporacións de nivel e, sen dúbida, sería cumprir o obxectivo que nos marcamos a comezos de curso».
FIG: Como definirías a tempada regular do equipo tras acabar terceiro no grupo 1?
DG: «Foi unha tempada marcada por un moi mal inicio, que nos condicionou ata o final. Nas primeiras xornadas non nos acompañaron os resultados e ese déficit de puntos pesounos durante todo o curso. Por outra banda, o equipo foi indo de menos a máis, adquirindo a idea do míster e mellorando no xogo partido tras partido. Chegamos ao final da tempada a moi bo nivel, co equipo moi unido e cun gran estado de forma de todos os xogadores».

FIG: Que valoración fas do teu curso a nivel individual?
DG: «Para min foi un ano diferente. Por motivos persoais non puiden adestrar coa regularidade que me gustaría e iso, ao final, afástache un pouco do día a día e do grupo, algo que botei moito en falta. Pero teño a sorte de que Mugardos xa é case como a miña casa e o grupo que se formou é excelente a nivel humano, polo que estou gozando moito da competición e do equipo. Estou a pasalo moi ben, que para min agora é o máis importante».
FIG: É a túa quinta tempada na Pedreira tras chegar do Somozas. É unha obriga persoal regresar a Preferente?
DG: «Sen dúbida, sobre todo despois do descenso do ano pasado. En Mugardos hai un sentimento moi forte polo equipo e ver as caras da xente do club e da afección tras aquel descenso é algo que se che queda gravado. Sería unha alegría moi grande poder conseguir o ascenso esta tempada, algo que non é nada doado».
FIG: Como viviches a túa etapa na Ponferradina, un club cunha estrutura de fútbol profesional?
DG: «Foi unha experiencia moi bonita. Cheguei en xaneiro da miña primeira tempada, co equipo na zona media da táboa e sen conseguir dar o nivel que se lle presupoñía a unha plantilla con xogadores de moito nivel como Yuri ou Isi Palazón. A afección estaba decepcionada, pero aínda así cada fin de semana o Toralín enchíase e respirábase un auténtico ambiente de fútbol. No segundo ano houbo bastantes cambios e xa estivemos arriba desde o principio. Eu saín do club rumbo ao Somozas en xaneiro daquela tempada, pero gardo moi bos recordos e moito cariño pola entidade. Para que te fagas unha idea, ese ano xogamos contra o Castilla na casa e estivemos toda a semana pendentes de se ía xogar ou non Vinícius, que acababa de chegar ao Real Madrid e comezara xogando no filial. Finalmente non xogou porque foi xusto cando debutou co primeiro equipo. Ademais, aquela tempada conseguiuse o ascenso a Segunda División, polo que puiden achegar o meu pequeno gran de area a aquel éxito e é algo que sempre gardarei comigo».
FIG: Como recordas os teus pasos por clubs como o Deportivo ou o Elche, onde sumaches moitos minutos nos teus primeiros anos como sénior?
DG: «O Deportivo foi o club onde aprendín a xogar ao fútbol e onde me formei como xogador. Foron trece anos, desde a categoría alevín ata os últimos anos no filial e no primeiro equipo. Vivín o fútbol profesional desde dentro e acumulei experiencias indescritibles, como ser internacional coa selección española sub-17 ou entrar nunha convocatoria do primeiro equipo para xogar no Bernabéu. Pola súa banda, o Elche foi a miña primeira experiencia lonxe da casa e foi un ano moi bo a nivel individual. Igual que nas últimas tempadas no Dépor, alí era o terceiro porteiro do primeiro equipo e xogaba co filial. Coincidín con moi bos futbolistas, acolléronme moi ben e gardo grandes recordos daquela etapa. Foi unha mágoa o descenso do primeiro equipo a Segunda División B, porque, de non producirse, seguramente tería cumprido alí o segundo ano de contrato».












































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































