# Hashtag

Unha conversa moi Diferencial: Moncho (SD Chantada)

Hoxe temos en FutbolinGalicia unha conversa moi Diferencial con Moncho Carballude (Silleda, 1997). O ‘Zamora’ do Grupo 3 da Primeira Futgal repasa a súa gran tempada tanto a nivel individual como colectivo. E é que, ademais de finalizar o ano como o porteiro menos goleado da competición, logrou tamén o ascenso a Preferente Futgal co Chantada.

Moncho é o porteiro do Chantada. FOTO: MONCHO CARBALLUDE

FutbolinGalicia (de agora en diante, FIG): Encaixar menos goles ca partidos xogados é todo un reto e ti levas cumprindo ese obxectivo nestes tres últimos anos. Cal é o segredo?

Moncho Carballude (de agora en diante, MC): Creo que eses datos falan moi ben da SD Chantada como equipo, do elevado grao de traballado do conxunto e, sobre todo, da implicación e do esforzo de todos os xogadores. Sen todo iso sería imposible. O mérito é todo do colectivo.



FIG: Dominastes a categoría con puño de ferro, pero houbo algún momento da tempada no que cres que baixastes o nivel? Pasouche tamén a nivel persoal?

MC: Quizais a mediados da segunda volta. Unhas xornadas antes de acadar o ascenso había a sensación de que non andabamos tan finos, como se tivésemos pasado por ese pequeno baixón que atravesan todos os equipos ao longo dunha tempada. Aínda con todo, creo que os números que levabamos feitos eran unha barbaridade e por iso podía haber esa sensación un pouco enganosa ao non valorar o suficiente o que estabamos a facer. A nivel persoal, tamén tiven un pequeno baixón nese treito da tempada.

FIG: Nos anos anteriores non chegastes a acadar esa regularidade. Por que este ano si? O bloque era o mesmo. Quizais foi a confianza dos primeiros partidos?



MC: Sen dúbida. O gran inicio que tivemos fíxonos coller moita confianza e crer de verdade que este ano si podía darse o ascenso. Despois, as experiencias dos anos anteriores e o feito de valorar cada partido como unha final foron fundamentais para a consecución do éxito.

FIG: Fálanos un pouco de ti. Como chega un porteiro do Deza a xogar no Sangoñedo? Es o único membro do plantel procedente dunha vila fóra da comarca…

MC: Pois a verdade é que acabei aquí por pura casualidade. Hai tres tempadas, o Chantada non podía contar cos seus porteiros senior habituais por diversos motivos persoais e profesionais, polo que se atopaban sen porteiro. Foi entón cando a xente da directiva do Chantada contactou con algún adestrador da zona do Deza e así saíu o meu nome. Logo puxéronse en contacto comigo e aquí seguimos ata hoxe (Risas).



FIG: O único partido que non puideches xogar na liga foi ante o Santaballés e foi precisamente onde caeu o Chantada por primeira vez. Es o talismán?

MC: Non o creo. Foi unha simple casualidade (Risas). Se fose así, quen sabe… Pero estando eu baixo paus tamén se perderon partidos (Risas).

FIG: Non puidestes selar o ascenso na primeira oportunidade. Eses dous goles do Foz foron os que máis che fastidiou encaixar?

MC: Sendo sincero, si. Estiven uns días bastante fastidiado, sobre todo pola ilusión que había na xente e polo desprazamento masivo da nosa moita afección, que fixo unha viaxe moi longa para vir apoiarnos ese día.

FIG: Pero á segunda foi a vencida. Vitoria ante o Castro e portería a cero. Había algo de nervios antes de comezar o partido? Cando o árbitro asubiou o final, que sentiches?



MC: Máis que nervios, tiña gañas. Gañas de conseguir canto antes algo polo que levabamos moito tempo loitando e traballando. Ao rematar sentín unha grande ledicia e moita satisfacción. Nese momento tamén te acordas desa xente que non se ve, que está no día a día apoiándote. Mesmo da que xa non está e da que gardas unha bonita lembranza.

FIG: Levabades anos perseguindo esta meta, pero a sorte non vos acompañaba. Sufrir eses paus axudouvos a medrar como bloque? Eses ascensos frustrados contribuíron a que se dera nesta ocasión?



MC: O grupo sempre se mantivo unido, a pesar de que as cousas non saísen sempre como todos desexabamos. Esa foi a clave. Creo que esas pequenas desilusións fixeron que o equipo tivese aínda máis gañas e máis ambición por conseguir o tan ansiado ascenso.

FIG: Os porteiros tedes que confiar moito na defensa. Dá seguridade xogar con Pedro, Povis, Fornas, Sergio e compañía?

MC: Si, moita. Creo que cada un aporta características distintas e necesarias para o equipo, e iso fai que se complementen moi ben. Tamén xente como Alberto, Pulpix, Kadete, Marros, Jordi, etc., que adoitan xogar nesas posicións e fan que todo o traballo sexa máis sinxelo

FIG: Que agardas da tempada que vén na Preferente Futgal?

MC: Sabemos que vai ser unha competición dura e moi esixente. Vamos ter que traballar máis que o resto, pero penso que o primeiro é saír coa mentalidade correcta e gozar da nova categoría. Sen deixar de intentar dar moita guerra e sendo un equipo competitivo en cada partido. Creo que non temos nada que perder.

A obriga ou a presión téñena outros equipos con capacidade económica para facer planteis moi fortes na categoría. Nós temos que dedicarnos ao que podemos controlar, que é o día a día, con moito traballo e ilusión para non reprocharnos nada. A partir de aí, a competición xa nos porá onde teñamos que estar. ‎

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Unha conversa moi Diferencial: Moncho (SD Chantada)

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal:

Unha conversa moi Diferencial: Moncho (SD Chantada)

Unha conversa moi Diferencial: Moncho (SD Chantada)