Remataron as ligas si, pero iso non significa que o fútbol vaia parar neste caloroso mes de xuño, eh! Esta fin de semana, o bo tempo e a emoción propia dos play-off deixaron varias instantáneas a ter en conta no fútbol galego. Por iso as imos recoller aquí, nesta pequena crónica onde repasaremos as actuacións máis destacadas deses xogadores capaces de poñer en pé aos seus afeccionados: os Diferenciais.
Que pasou na Segunda Futgal ao norte da comunidade?
Os resultados dos equipos implicados nesta loita non deixan a ninguén indiferente, sexan apertados ou sorprendentes.
Por exemplo, o Atlético dos Castros non tivo problema no seu enfrontamento e goleou con claridade ao Rodeiro (3-0). A igualdade deixou de imperar no marcador cando Marcos Cousillas fixo o primeiro da tarde na Grela. Minutos despois, o cadro herculino ampliou a súa renda, cunha diana que tombou por completo ao seus rival. Nada máis volver ao terreo de xogo, Marcos Cousillas volveu aparecen en escena, facendo o terceiro tanto da tarde e asinando un dobrete na súa conta particular. Con estas anotacións, o atacante vaise ata as vinte e tres nunha temporada onde está a bater os seus mellores rexistros goleadores.

Non foi sen sufrimento, pero o Baio deulle a volta á tortilla e rematou vencendo ao San Sadurniño por dous goles a un. Logo dun inicio gris e pouco vistoso, os de Ferrolterra conseguiron silenciar o Platas Reinoso cun gol ao bordo do tempo de lecer. Pero os homes de Diego Lobelos non se ían render tan facilmente e remontaron o encontro nos primeiros compases da segunda parte. Boa parte de culpa tivo Pazos, quen asinou o 2-1 cun gran remate acrobático que serviu para darlle ao Baio a vantaxe nesta semifinal.
A ledicia espallouse por todo Reboredo, onde O Pino se impuxo por un axustado 2 a 1 ao Lemos B. Aínda non rematara de asubiar o colexiado cando os pupilos de Adrián Mourazos converteron a súa primeira oportunidade. A cousa non quedou aí e os de vermello e branco seguiron a insistir sobre a porta monfortina, buscando aumentar a súa vantaxe. Cousa que chegou a través dunha xogada a balón parado e rematada de maneira espectacular por Lareo. Con todo, O Pino non deu pechado a eliminatoria e encaixou unha pena máxima do seu rival na prolongación.
Que pasou na Segunda Futgal ao sur da comunidade?
O primeiro asalto destes play-off tamén tivo de todo no sur, aínda que os teóricos favoritos non defraudaron nos seus respectivos compromisos

Romay e Piñeira Seca non pasaron do empate a un gol no Velódromo, onde ambos equipos protagonizaron un choque atractivo para os seus seareiros. Os de Portas saíron enchufadísimo ao verde e foron os primeiros en golpear pasada a primeira media hora. Toda unha xerra de auga fría para os xogadores de José Francisco Bolaños, que aguantaron ata entón sen encaixar. Aínda así, os limiáns non deron o brazo a torcer e reequilibraron a balanza no regreso ao terreo de xogo, cun tanto de José Ángel. Alma máter da entidade amarela e negra, o killer do Touzal salvou os mobles dos seus ao asinar a igualada.
Ao San Miguel non lle custou deixar encarrilada a eliminatoria, endosándolle un contundente 5 a 1 ao Ponte Arnelas. O gran inicio dos vigueses permitiulles tomar a iniciativa grazas ao bo facer de Hugo Barcia, quen converteu unha pena máxima aos quince minutos. Pouco despois chegaría a reacción vermella e branca, aínda que o conxunto da Pirucha non tardou en recuperar a iniciativa. Xa no segundo tempo, Barcia viu porta novamente, conseguindo a súa segunda diana e poñendo terra de por medio no duelo e na eliminatoria. Un escenario bastante difícil para o Ponte Arnelas, que deberá realizar unha xesta heroica para pasar á seguinte rolda.
Que son os Diferenciais?
Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.

Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.
Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

























































































































































































































































































































































































































































































































































































































































































