A Terceira RFEF galega xa coñece o seu segundo integrante para a vindeira temporada. Trátase do Atlético Coruña Montañeros, que regresa a categoría nacional 13 anos despois e logo da absorción que tivo lugar hai agora nove anos.
O conxunto herculino é polo momento un dos dous únicos equipos confirmados para a citada categoría de cara á vindeira temporada 2025-26. A clasificación está moi apertada e é unha auténtica tolemia a falta de disputarse só as tres últimas xornadas.
A UD Ourense ascendeu a Segunda RFEF e o Polvorín está en terra de ninguén, sen opcións de nada. En canto aos outros 16 participantes, uns contan con opcións de clasificarse ao play-off e lograr subir; outros poden caer a Preferente. Tampouco se confirmou o descenso do Betanzos, malia que as súas opcións de permanencia semellan complicadas.
Precisamente, dende a Preferente Norte chega á Terceira RFEF o ‘Monta’ coruñés, un club cunha longa historia. Fundado na década dos setenta, a comezos deste século incorporou o equipo sénior. Tras un crecemento meteórico, o Montañeros CF conseguiu o ascenso a Segunda B, categoría na que militou trres temporadas, antes da súa disolución en 2012.
Tempo despois, foi absorvido polo Atlético Coruña Club de Fútbol e quedou constituído o equipo que logo se chamaría Atlético Coruña Montañeros Club de Fútbol. Agora, ese club está de celebración. Cun equipo xuvenil en División de Honra, celebran tamén o ascenso a Terceira RFEF.
O ascenso do Montañeros
Os coruñeses regresan a categoría nacional 13 anos despois. Conseguírono tras impoñerse 1-3 no campo do Miño, no partido correspondente á xornada 31 da Preferente Norte. O Montañeros logra así o obxectivo que marcaran ao comezo da temporada, tal e como adiantara Jorge Cano a FutbolinGalicia o pasado mes de setembro.

A fichaxe sorpresa de Cano foi toda unha declaración de intencións. O ‘Monta’ incorporaba un dianteiro experimentado, cunha longa carreira entre Segunda B e Terceira RFEF. «Cando me fun, o club descendeu e tivo diferentes problemas. Sempre é bonito volver onde empezaches, ademais de ser un reto para min devolvelo a onde merece estar. O obxectivo é claro, e polo que viñen a este club, que é quedar o máis arriba posible e ascender«, sinalara daquela Jorge Cano.
Unha tempada excelente
O ascenso chega tras unha tempada de moi alto nivel. Ata o momento, o Montañeros suma 22 vitorias, sete empates e só dúas derrotas. Estas cifras permitíronlle ao equipo que dirixe Jairo Arias mandar na clasificación durante toda a tempada.
«Sentamos a base o ano pasado subindo xogadores coma Unai, que estiveron no Montañeros na categoría xuvenil. A nosa idea co corpo técnico, que coñece ben todo o club, era mesturar veteráns con rapaces da casa«, asegura o director deportivo, Pablo Fernández, en declaracións a Futbolinlugo.
