# Hashtag
#Fútbol Feminino #Primeira Galicia Feminina #Segunda Galicia Feminina #Segunda RFEF Feminina #Terceira Galicia Feminina #Terceira RFEF Feminina

Recta final nas competicións femininas

Cada semana está máis preto o final das competicións. Algunhas categorías aínda teñen moito por decidir mentres outras xa coñecen campioas, ascensos e incluso cambios nos bancos. Repasamos todo o que queda en xogo no fútbol feminino galego.

Na Segunda Federación xa se confirmou un dos movementos máis destacados das últimas semanas. Vicky Vázquez non continuará no banco de As Celtas e intercambiará o seu posto con David Ferreiro, técnico de As Celtas B e tamén peza importante no ascenso do primeiro equipo. Deste xeito, Vicky Vázquez pasará a encargarse do desenvolvemento da canteira das campioas da Terceira Federación.

O anuncio do novo adestrador de As Celtas. Foto: As Celtas

O Victoria CF xa é de Segunda Federación

Victoria CF conseguiu o ascenso tras vencer novamente por 2-1 ao Real Zaragoza Femenino. Un gol en propia porta e outro de Candela Vázquez, máxima goleadora do equipo en liga, certificaron un parcial global de 4-2 que permitirá ás coruñesas competir a próxima temporada na Segunda Federación xunto ao Dépor B e As Celtas.



Este ascenso taménlle abre a porta ao segundo equipo do club. O Victoria CF B lidera a Primeira Galicia con 71 puntos, nove máis que Antas e Rosalía, cando quedan precisamente nove por disputar. As últimas xornadas serán decisivas especialmente para o Antas, que aínda debe medirse tanto ao propio Victoria como ao Rosalía. Á espera dun tropezo mantense o Atlético San Pedro, con opcións de entrar na loita pola promoción.

Na zona baixa tampouco hai nada decidido. Sárdoma B, Sporting Burgo e Pastoriza continúan separados por apenas seis puntos.

As campionas recibidas por responsables autonómicos. Foto: Xunta de Galicia

Ascensos decididos na Segunda Galicia

No grupo 1, Muxía e Tordoia xa teñen asegurado o ascenso a tres xornadas do remate. As muxianas lideran con 82 puntos, tres máis ca o Tordoia, e nas últimas xornadas xogaranse o título ligueiro.



Tamén ten garantida a promoción o Bergantiños B, mentres que o cuarto posto segue aberto tras a derrota da pasada fin de semana da Milagrosa fronte ao Corme. As lucenses quedan agora a catro puntos das cormelás e cun encontro máis disputado.

Pola parte baixa, o Órdenes necesita practicamente un milagre para salvarse con só cinco puntos. Nicrariense, Cultural Maniños e Orillamar tamén seguen pelexando pola permanencia.

No grupo 2, o Valladares xa é equipo de Primeira Galicia tras asegurar matematicamente o liderado con 75 puntos. O segundo ascenso directo, pola contra, continúa aberto entre o Atlético Arousana e o Touro. As arousás teñen cinco puntos de vantaxe e poderían deixar sentenciado o ascenso esta mesma fin de semana se vencen, xa que o Touro mídese as líderes que non perderon ningún partido.



O Atl. Arousana nun partido desta tempada. Foto: Atl. Arousana

Aínda que non ascenda directo o Touro ten practicamente garantido disputar o playoff, xa que mantén unha ampla diferenza sobre o cuarto posto que ocupa o Ponte Caldelas. Esa última praza de promoción segue moi apertada tamén co Céltiga e Mos tamén axexando.

Os dous equipos que xa perderon a categoría son o Salcedo e o Porriño Industrial.

Últimos detalles na Terceira

Na categoría máis baixa só queda unha xornada e case todo está decidido. Ascenden os dous primeiros de cada grupo e os catro mellores terceiros, polo que unicamente dous equipos quedarían finalmente sen premio. A día de hoxe serían o Támega e o Cruces. Ademais, a próxima temporada a categoría pasará de 32 a 40 equipos.

No grupo 1, Narón e Cariño xa certificaron o ascenso. O Perlio necesita gañar para manter opcións de entrar entre os mellores terceiros.

No 2, o Atlético Cercedense xa ascendeu como campión. Curtis e Crendes xogaranse o segundo posto na última xornada, aínda que ambos teñen practicamente asegurado o salto de categoría.



O Xuventude Crendes esta tempada. Foto: Xuv. Crendes

No grupo 3, o Soneira pechou xa a liga co ascenso no peto, mentres que o Outes tamén ten asegurada a segunda posición. O Escola Juan Cabrejo deberá gañar para conservar a terceira praza ou esperar un tropezo do Cabana.

No cuarto grupo, Friol B e Chantada xa son equipos ascendidos. O Cruces está ben asentado no posto de promoción pero debe estar entre os catro mellores para poder subir.



O grupo 5 chega ao último partido completamente aberto. Caldas lidera con 53 puntos, seguido por Taragoña e Chispa, ambos con 52. Tamén segue con opcións a Xuventú Aguiño, con 50 puntos. O duelo entre Taragoña e Xuventú Aguiño decidirá boa parte dos ascensos nun dos grupos máis igualados da temporada.

No grupo 6, Teis e Cented Academy xa son equipos de Segunda Galicia. Máis apertada está a pelexa polo terceiro posto, que actualmente ocupa o Louro Tameiga. O conxunto necesita gañar para asegurar esa posición ou, polo menos, esperar un tropezo do Valladares B, cuarto clasificado con 35 puntos, un menos ca o Tameiga.

Recta final nas competicións femininas

Os Vintage: UD Folgueiro 2018/2019

Recta final nas competicións femininas

Recta final nas competicións femininas