# Hashtag

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Atlántida de Matamá

A Primeira Futgal deu pé a historias emotivas e desde FutbolinGalicia queremos debullar algunhas un pouco máis. Houbo grandes fazañas, pero ningunha como proclamarse campións de liga e lograr o tan ansiado ascenso a Preferente. Ao longo destas semanas, repasaremos convosco o curso futbolístico daqueles equipos que se alzaron co título en cada un dos grupos da categoría: os planteis máis Diferenciais.

As cousas claras

A tempada 2024-25 non deixou unha boa lembranza en Penedo da Moo, pois o Atlántida de Matamá foi incapaz de salvar a categoría e rematou descendendo a Primeira Futgal. A pesar de non acadar un bo resultado deportivo, a dirección da entidade viguesa non tivo dúbidas e confiou nos seus xogadores un ano máis. Foi así como renovaron a boa parte do bloque que competira en Preferente Futgal, composto na súa maioría por xogadores mozos procedentes das mellores canteiras do fútbol olívico. E agora, cun ano máis de experiencia nas súas costas.

No seo do conxunto celeste tiñan claro o obxectivo: regresar a Preferente Futgal canto antes. O camiño non foi doado, debido en parte ao gran nivel do grupo 6, onde quedaron encadrados xunto a outros grandes equipos como o Rápido de Bouzas, o Xuvenil de Ponteareas ou o Gondomar. Se querían ascender, debían ser o máis regulares posibles e vaia se o conseguiron. Acadaron un balance de 9 vitorias e 1 empate nas dez primeiras xornadas, situándose á cabeza -en solitario- da táboa clasificatoria. Pero aínda non estaba todo dito…



Un ascenso vale 100 goles

O Atlántida de Matamá non deixou de pisar o acelerador e continuou a liderar o seu grupo nas seguintes xornadas. Boa parte de culpa tivo a súa ofensiva, que finalizou a campaña cunhas cifras de récord: 100 goles. Un terzo deles levaron o selo de Manu Martínez, ‘pichichi’ do equipo e un dos máximos artilleiros da competición. Logo de brillar nos xuvenís do Coruxo, o dianteiro vigués recalou en Penedo da Moo e deixou destellos de calidade no seu primeiro ano como futbolista senior, malia non poder evitar o descenso dos seus. Iso si, ao ano seguinte destapouse como un dos mellores xogadores da Primeira Futgal ao converter 27 dianas en liga.

Manu non foi o único que tivo a portería entre cella e cella. Guille e Bauti, con 14 e 12 tantos respectivamente, actuaron como os seus escudeiros e, todos xuntos, contribuíron de maneira significativa ao ascenso do Matamá. Incluso o seu capitán, Defran, anotou dez veces xogando como central. André configurou un plantel co gol como sinal de identidade as cousas non puideron irlle mellor, aínda que case quedan sen celebrar nada.

Ata o último suspiro

Antes do parón de Semana Santa, a distancia entre o líder e o segundo clasificado era de 7 puntos. Semellaba que o Atlántida de Matamá non tería problemas para cantar o alirón, pero como din os vocalistas de Aerolíneas Federales, «non todo é o que parece, amigo». Os celestes sufriron unha mala xeira de resultados e perderon a súa vantaxe en apenas un mes, trocando posicións co Xuvenil de Ponteareas. Xa non bastaba con gañar nas últimas dúas datas, senón que precisaban un tropezo do cadro albivermello para facerse co título e o ascenso.



Chegados á última xornada, a situación era a seguinte: o Xuvenil atopábase en primeira posición con 79 puntos, un máis ca o Matamá e dous máis ca o Gondomar. Todos tiñan opcións de acadar o primeiro lugar. O destino -e o calendario- decidiu enfrontar aos ponteareáns cos do Val Miñor, mentres os viguses visitaban ao Ribera no Rosal. Dous goles de Defran resultaron decisivos para asegurar o triunfo visitante por cero goles a tres, mais non era suficiente. Debían agardar a derrota do Xuvenil.

Desde As Gaiandas non chegaban boas noticias, pois os do Condado comezaron por riba no electrónico. Porén, o Gondomar non se rendeu e deulle a volta á situación cunha ‘manciña’, vencendo ao seu rival por un claro e contundente 5 a 1. A quilómetros de alí, A Mata converteuse no escenario dunha festa improvisada, onde os xogadores do Atlántida de Matamá comezaron a celebrar por todo o alto a súa xesta: Volveran a Preferente Futgal un ano despois de perder a categoría!

Os xogadores e o corpo técnico do Atlántida de Matamá celebran a consecución do título de liga cos seus seareiros. FOTO: ATLÁNTIDA MATAMÁ

Que son os Diferenciais?

Os Diferenciais de FutbolinGalicia son eses xogadores que anotan goles chave para os seus equipos, para levar os tres puntos, para salvar un empate in extremis… Tamén os que realizan grandes actuacións individuais. Todo iso recoñecemos nesta sección dos Diferenciais, que iremos actualizando xornada a xornada e para a que agardamos contar tamén coa colaboración dos lectores.



Cada xornada, a Primeira Futgal deléitanos con máis de medio cento de partidos. Como ter ollos en todos e cada un dos campos é imposible, agardamos a vosa participación para completar a listaxe dos Diferenciais.

Podes poñerte en contacto con FutbolinGalicia a través de X ou de Instagram.

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Atlántida de Matamá

Primeras probas na Terceira RFEF

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: Atlántida de Matamá

Os planteis máis Diferenciais da Primeira Futgal: