En FutbolinGalicia nos nos esquecemos deses equipos que marcaron unha época no noso fútbol! Hoxe, na sección Os Vintage, é o turno do fútbol lucense. Concretamente do CD Guntín 2018/2019, ano no que ascendeu a Primeira Rexional tras ser campión do seu grupo na Segunda Galicia.
O CD Guntín comezou a tempada 2018/2019 coa ilusión de lograr o ascenso a Primeira Rexional. Na tarde do 9 de setembro do 2018 o Guntín iniciaba o seu camiño en dito curso futbolístico de maneira inmellorable. A afección do Ladairo saíu contenta co desempeño do seu equipo tras vencer por 5-1 ao Corgo. Os primeiros tantos da campaña para os pupilos de Martín Rodríguez García foron anotados por Rubén Pena, Yelko Núñez; ambos por partido dobre, e Óscar López Cabo.
Na segunda xornada, ante a SDC San Lázaro, chegou a primeira derrota dos protagonistas deste artigo (2-1). A xeira de cinco vitorias consecutivas que veu a continuación puxo sobreaviso aos candidatos ao salto de categoría. Mais non todas as semanas eran boas e unha mala dinámica con case dous meses sen coñecer o triunfo levou ao CD Guntín a baixar á cuarta praza a principios de decembro.
Dende ese momento o equipo do Ladairo foi imparable: 37 puntos de 51 posible cunha bagaxe de once vitorias, catro empates e soamente dúas derrotas en dezasete partidos. A gran regularidade no segundo tramo da temporada foi suficiente para obter o campionato e, por tanto, o ascenso. Ao remate da competición o CD Guntín liderou a táboa con 59 puntos, 60 goles a favor e 32 en contra. Foron o cuarto equipo máis goleador do grupo e o segundo que menos encaixou, unicamente mellorado pola SDC San Lázaro (30).
O cadro de xogadores estaba formado por futbolistas como Diego Castro, Javi Paz, Alejandro Rodríguez, Diego Fernández, Iván López, Víctor Luaces, Lucho Vázquez, Pablo Fernández, Álvaro Buján, Kevin Vázquez, Manu Vilela, Víctor Penedo, Purri, Rubén Pena, Jonatan Cobas, Óscar López, Raúl Roa, Rubén Rodríguez, Tomás Fernández, Yelko Núñez ou Héctor Expósito.
Actualidade do CD Guntín
O CD Guntín vén de caer en Santa Cruz ante as ED Lourenzá na trixésima xornada do grupo 3 da Primeira Futgal. Os dous goles do cadro dirixido por Germán Campos foron conseguidos por Rubén Seijas. O próximo compromiso dos do Ladairo, que son oitavos con 38 puntos e con pouco marxe respecto do descenso, será no seu campo ante a SD Oural, que está inmersa na loita pola permanencia, na que hai moitos equipos en liza.

Foto portada: Instagram do CD Guntín





















































































































































































































































































































































































































































































































































































































































