# Hashtag
xallas

María Rial e Laura García, Xallas FC: «Podemos dar máis do que nos supoñiamos»

O Xallas está a asinando unha tempada brillante no Grupo 1 da Segunda División Galega. A falta de poucas xornadas, o equipo atópase segundo na clasificación, a só un punto do líder, o Pastoriza, e con todas as opcións abertas para loitar polo ascenso.

Hoxe facemos balance do seu bo ano da man das súas capitás, María Rial e Laura García.

Un obxectivo que chegou co paso da tempada

A boa dinámica do conxunto xalleiro sorprendeu mesmo ás súas protagonistas, que admiten que, ao comezo do curso, non agardaban verse tan arriba na táboa. «O noso rendemento está sendo mellor do que esperabamos, aínda que xa tiñamos boas expectativas. Cada vez dámonos máis de conta de que podemos dar máis do que nos supoñiamos», recoñecen as capitás María Rial e Laura García.



xallas fem
O Xallas voltou a sumar 3 puntos no seu último encontro. Instagram Xallas

O equipo que dirixe Eloy García é o conxunto menos goleado da categoría, un feito que reflicte o gran traballo realizado ata o de agora. Esta fin de semana disputarase a xornada 25 das 30 totais, unha cita crucial para manter viva a loita polo campionato. Ademais, salvo unha auténtica catástrofe, o Xallas ten o ascenso moi de cara, xa que conta cunha vantaxe de nove puntos sobre o terceiro clasificado, a UD Carral. A verdadeira batalla está agora en saber quen rematará campión de liga.

A gran traxectoria do equipo foi permitindo que o vestiario se fose ilusionando co paso das semanas. «Ao principio de tempada non pensabamos estar loitando polo ascenso e incluso polo título, pero a medida que avanzaba a competición xa nos podiamos facer unha idea», explican as futbolistas do Xallas.

A clave do éxito: o bo ambiente do equipo

Máis alá do talento deportivo, hai un factor fundamental que está a permitir que o Xallas compita tan ben esta tempada: a unión do grupo. «Ter unha boa relación fóra do campo, entendernos e levarnos tan ben no terreo de xogo foi clave para estar onde estamos», destacan as capitás.



Na loita polo campionato teñen por diante un rival sólido, o Pastoriza, que leva toda a disputándolles o primeiro posto. Na primeira volta o choque entre ambos equipos quedou en empate, pero na segunda volta o resultado foi de 1-0 a favor das do Pastoriza. Porén, as xogadoras do Xallas non renuncian a nada. «Xa xogamos os dous partidos contra elas e foron moi igualados. Temos a esperanza de que calquera equipo, incluso o Pastoriza, pode ter un mal partido e deixarse puntos», sinalan con confianza.

claudia xallas
Convocatoria de Claudia coa selección galega sub-16. Facebook Xallas

Se antes destacamos o seu bo facer defensivo, tamén cabe resaltar o seu potencial de cara a portería. Dos pés de Olalla Antelo saíron 15 goles que a sitúan nos postos altos do ranking de goleadoras. Tamén destaca Claudia Espasandín que con tan só 15 anos é unha das pezas chave deste equipo.

Agora, co tramo máis decisivo por diante, o equipo soña con manterse na pelexa ata o final e converter esta tempada en histórica para o club. Se o Pastoriza falla, o Xallas está preparado para aproveitar a súa oportunidade e pelexar polo título ata a última xornada.



María Rial e Laura García, Xallas FC: «Podemos dar máis do que nos supoñiamos»

Sete equipos da Preferente Norte loitan por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *