# Hashtag

Última opción de ascenso para 12 equipos da Terceira Futgal

A Tercera Futgal entra na súa fase definitiva. Non hai volta atrás. Quedan aínda por coñecerse varios ascensos a Segunda Futgal e todo quedará resolto esta fin de semana coas finais dos play-offs. Iso si, algúns conxuntos afrontan a volta cunha vantaxe considerable tras os resultados da ida.

É o caso do Teixeiro, que ten o ascenso na man e buscará certificalo este domingo no Carregal. Os coruñeses impuxéronse por un contundente 1-4 ao Maravillas no primeiro asalto e parten como claros favoritos, aínda que os locais non renuncian a pelexar polas súas opcións ata o derradeiro minuto.

Tamén chegan con renda favorable tres equipos que lograron unha vantaxe de dous goles. Entre eles está o UC Cee, que venceu por 1-3 no campo do Seaia e que tratará de facer boa esa diferenza este domingo ao mediodía en Sampaio de Refoxos. Os de Malpica están obrigados a remar contracorrente, pero xa demostraron ao longo da tempada que son un rival difícil de dobrar.



Situación semellante vive o Maniños B, que deberá remontar o 2-0 encaixado na ida fronte ao Canido. Nesta ocasión, os ferroláns contarán co apoio da súa afección no Pote e agárranse ao factor campo para intentar darlle a volta á eliminatoria e conquistar o ascenso.

A Terceira de Vigo, Ourense e Pontevedra

Na delegación de Vigo, o Chapela deu un paso importante tras derrotar por 3-1 ao Lavadores. O campo do Meixoeiro ditará sentenza na tarde do domingo nun duelo entre dous equipos que superaron semifinais de gran esixencia. Os chapeláns deixaron polo camiño ao Pontellas, mentres que o Lavadores fixo o propio co Racing Vilariño.

En Ourense, o Barco B quere culminar o traballo diante da súa afección en Calabagueiros. Os barquenses regresaron da ida cun valioso 1-3 fronte ao Soutopenedo, aínda que a eliminatoria segue aberta. Os de San Cibrao das Viñas lograron reducir diferenzas no tramo final do encontro e conservan esperanzas de remontada, mentres que os locais buscarán aproveitar a vantaxe para celebrar o ascenso nun escenario de categoría nacional.



Noalla-Cesantes, caso peculiar

Caso peculiar o que se dá na eliminatoria máis igualada, a que mide a Noalla e Cesantes, que xogan este domingo no campo da Lanzada despois do empate a un gol rexistrado na ida.

Os dous son clubs da delegación de Pontevedra, o que, agás modificacións non previstas, lles asegura o ascenso a ambos os dous equipos independentemente do que pase no campo esta fin de semana. E isto porque ou o Soutomaior ou o Romay ascenderán en play-off (mídense na final) e os dous equipos son da delegación de Pontevedra (Monteporreiro e Combarro xa ascenderan directos).

Deste xeito, para formar un grupo de 16 con equipos da propia delegación, é necesario o ascenso tanto de Noalla como de Cesantes. Con todo, desde os clubs son cautos ata que lles comuniquen a decisión de xeito oficial, como se desprende das súas publicacións en redes sociais, nas que poñen énfase na importancia do partido que se xogará na Lanzada.



Última opción de ascenso para 12 equipos da Terceira Futgal

David Gómez, Galicia de Mugardos: «Sería un