A Terceira Federación Feminina entra na súa fase decisiva cunha loita polo ascenso directo que promete emoción ata o final. Con só catro puntos de diferenza entre os catro primeiros clasificados, cada xornada é unha batalla onde os erros poden ser decisivos. Por diante, 6 finais para os equipos galegos que buscan subir á Segunda Federación.
Xornada chave polo ascenso esta fin de semana
A día de hoxe, o Deportivo B lidera a clasificación con 61 puntos tras a vitoria en Balaídos e a derrota das de León ante o Sárdoma. As de Coruña son seguidas moi de preto polo Olímpico de León con 60 puntos e por As Celtas, que suman 59. O Sárdoma é cuarto con 57 puntos, pero tamén segue metido na loita e esta fin de semana xogarase moito nun duelo directo ante As Celtas.
A igualdade na táboa fai que cada partido sexa determinante. Esta fin de semana podería marcar un punto de inflexión, xa que o Sárdoma e As Celtas enfróntanse no partido da xornada onde os tres puntos poden facer mudar as cousas. Na primeira volta foron as das Relfas as que conseguiron levarse o derbi por 1-0 con gol de Judith Gallardo.
Veremos se as xogadoras do Sárdoma son capaces de repetir a épica ou se pola contra As Celtas tomarán a revancha na Madroa.

Un triunfo das do Sárdoma igualaría aínda máis a loita polo ascenso, mentres que unha vitoria de As Celtas lles permitiría seguir metendo presión aos dous primeiros. Pola súa parte, o Deportivo B e o Olímpico de León estarán pendentes do resultado para ver como se moven as pezas nesta intensa carreira polo ascenso directo.
Un final de liga de máxima tensión
O resto de competidores polo ascenso teñen por diante unha xornada na que agardan sacar os 3 puntos. O filial deportivista desprazarase ás Eiroas para xogar ante un Bergantiños que vén de acadar a súa cuarta vitoria en liga. No caso das leonesas, teñen o seu encontro na casa ante o Lugo.

Non debemos deixar atrás ao quinto clasificado, o Villa de Simancas. As de Valladolid, con 51 puntos no seu contador, intentarán seguir poñendo as cousas difíciles no que resta de tempada.
